Por que volven a Galicia as baleas azuis?

Os científicos non se poñen de acordo sobre se o cambio climático está detrás do retorno do animal máis grande do planeta á plataforma atlántica da Península

A Coruña.- Bruno Díaz non 0 podía crer. Asegura que había corenta anos que ninguén vira unha balea azul en Galicia. El nunca vira unha así, e iso que no 2017 xa levaba lustros navegando por medio mundo e investigando a vida de golfiños e cetáceos. Pero aí estaba, diante dos seus ollos, a inmensa balea, duns 24 metros de longo, nadando a dez millas da Illa de Ons, en pleno Parque Nacional das Illas Atlánticas, entre outro grupo de rorcuales.

Bruno Díaz é doutor en filosofia e biólogo mariño e leva máis de vinte anos estudando aos mamíferos mariños en Alántico, o Mediterráneo e o Golfo Pérsico. É responsable do Instituto Bottlenose Dolphin Research, un centro de investigación dedicado desde hai quince anos ao estudo e conservación da biodiversidade mariña, especialmente golfiños, marsopas e baleas, e que desenvolve o proxecto de investigación Balaenatur en colaboración coa Fundación Biodiversidade do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Ver unha balea azul é algo que moi poucos poden contar. De feito foi case imposible durante décadas, desde que a caza indiscriminada practicamente as puxese ao bordo da extinción. En Galicia a súa captura era unha práctica habitual desde hai séculos en varios portos baleeiros das zonas costeiras, pero desde os anos setenta practicamente desapareceran.

No 2018, con todo, os científicos viron outra balea fronte ás Rías Baixas. E outra no 2019. As dúas regresaron no 2020. Nunca antes, segundo Díaz, se documentara en Europa que os mesmos exemplares volvesen á plataforma continental dous anos seguidos. Aínda que este ano aínda ninguén as viu.

«Estamos a ter unhas condicións climáticas moi particulares. Cando sopra o vento do nordeste, arrastra mar dentro a capa superficial de auga da costa, e permite que afloren na plataforma as augas profundas. Por iso cando o nordeste sopra durante varios días seguidos, a auga das praias está tan fría. Pero esas augas son unha bomba de nutrintes para todas as especies», sinala. «Este ano apenas houbo nordés, pero estou convencido de que cando chegue, antes ou despois, acabaremos vendo outra balea», asegura Díaz.

Unha balea avistada en setembro do 2020 fronte ás Rías Baixas / Foto: BDRI

A balea azul é o animal máis grande da Terra. Hai rexistros de exemplares de ata trinta metros e 170 toneladas de peso, aínda que o seu tamaño oscila polo xeral entre os vinte e os 24 metros e o seu peso, entre cen e 120 toneladas. Un exemplar adulto do tamaño pequeno pesa como dezaseis elefantes. Nun de 170 toneladas caberían case trinta. Poden vivir ata noventa anos e aliméntanse sobre todo de krill, un camarón diminuto do que poden consumir varias toneladas ao día.

Díaz asegura que «como galego» sente orgullo de ver aos xigantes do mar pasar de novo fronte á súa terra. É unha boa noticia», sinala.

Na súa opinión, aínda existen moi poucos datos para avaliar se as razóns para que estean a volver a Galicia ten que ver coa modificación dos seus hábitos e hábitats a causa do cambio climático. «É certo que os primeiros datos que temos apuntan a esa tendencia, pero aínda non son suficientes. Aínda que eu creo que o factor fundamental foi a moratoria. Nos anos setenta, xusto antes de que se prohibise a caza de baleas, despareceu toda unha xeración de baleas azuis. Agora, máis de corenta anos despois, estamos a ver regresar ás descendentes das poucas que puideron sobrevivir».

Durante anos, Galicia despregou unha puxante industria baleeira que contribuíu a masacrar a especie, cunha vintena de portos especializados na caza de cetáceos: San Cibrao, Bares, Burela, Foz, Caión, Caneliñas, Cangas… En 1972, a ONU recomendou a todos os países que a prohibisen. España non o fixo ata 1986, e neses catorce anos a industria dedicouse a cazar masiva e indiscriminadamente. Despois os portos pecharon, pero as baleas desapareceron durante decenios.

O porto de Caneliñas, en Cee, nos anos vinte / Foto: Arquivo persoal de Álex Aguiar-acostadasbaleas.com

Para algúns científicos, a súa reaparición non é con todo unha boa noticia. É o caso de Alfredo López, biólogo mariño e portavoz da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), unha ONG galega que leva desde 1992 desenvolvendo proxectos de investigación e campañas destinadas á protección dos mamíferos mariños e das tartarugas de Galicia.

«Son pesimista porque existe unha elevada posibilidade de que o cambio climático estea a afectar seriamente ao hábitat das baleas azuis, en dous sentidos. Primeiro, porque nunca pasan ao sur do Ecuador, e se esa liña sobe cara ao norte a causa do quecemento do planeta, o seu hábitat redúcese. É dicir, que teñen menos sitio para comer. E segundo, pola total perda de pastos onde se alimentan. Están a quedarse sen alimento, e o que estamos a ver non é nada para alegrarse, senón un drama», subliña.

Segundo López, entre 1986 e a actualidade houbo algúns reportes de avistamentos de baleas azuis a distancias de entre vinte e trinta millas da costa galega. «É o seu territorio, sempre estiveran aí. Quizais o rorcual común [o segundo animal máis grande do planeta] se recuperou un pouco, pero dicir que a balea azul tamén o fixo non ten sentido. O único no que se apoia esa tese é que hoxe hai teléfonos móbiles. Un avistamento multiplícase en minutos polas redes e pode dar a impresión de que hai un mogollón de cetáceos, cando en absoluto é así», advirte.

O biólogo recoñece que, do mesmo xeito que o argumento que sostén que a moratoria permitiu que a especie se recupere é só unha hipótese, o seu, vinculando os avistamentos preto da costa ao cambio climático, tamén o é.

Delfín mular nadando na ría de Arousa / Foto: BDRI

Aínda non hai suficientes evidencias científicas que avalen nin o un nin o outro, pero López ofrece algúns datos ao seu xuízo reveladores. Os avistamentos de baleas azuis déronse sempre en grupos con outros tipos de cetáceos, «a nación balea», como el a denomina, que indicaría que os exemplares son máis escasos do que parecerían indicar as súas recentes aparicións, e que buscan refuxio para alimentarse e reproducirse en mandas doutras especies. De feito, López di que hai constancia de «exemplares híbridos» de balea azul e outras baleas.

Tamén asegura que no Golfo de Biscaia están a documentarse varamentoes de baleas que chegan á costa «esqueléticas». «Se fose un só animal poderiamos dicir que estaba enfermo. Pero son moitos. E probablemente estan morrendo de fame», conclúe.

Ao regreso dos xigantes do mar uníronse outros sucesos, como as interaccións de exemplares adolescentes de orcas con veleiros e iates, e o avistamento de quenllas peregrinas preto da costa. Hai non moitos anos unha de case doce metros mesmo chegou a nadar en augas da enseada do Orzán, na Coruña, e outra entre a bateas de mexillóns de Bueu, en Pontevedra. No 2019 viuse a outra de sete metros preto de Sálvora, na ría de Arousa.

O certo é que o mar é o seu hábitat e todos esas especies sempre estiveron aí. Poida que a proliferación de avistamentos de baleas azuis sexa resultado da moratoria e froito dunha combinación da casualidade, proliferación de móbiles e explosión das redes sociais, ou talvez sexa que agora son noticia e antes non o eran, ou quizá resulte que o cambio climático está a arrinconalas, como a nós. Resolver o seu misterio quizá nos axude a resolver o noso futuro.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail