Os ‘chiringuitos’ da Xunta xestionan xa 1.588 millóns do orzamento

O Consello de Contas de Galicia alerta de que axencias, fundacións, consorcios e demais entes públicos manexan o 15% do presuposto de maneira opaca e sen que moitas delas xustifiquen os seus gastos nin a súa actividade

A Coruña.- O aparello de propaganda do PP galego leva anos debuxando a imaxe de Alberto Núñez Feijóo como un eminente xestor, austero na administración do diñeiro de todos e eficaz á hora de obter a mellor relación calidade-prezo na prestación de servizos públicos. Pero tras máis de once anos de goberno, a realidade desmente ese perfil. Feijóo executou recortes que minaron a calidade da educación e da sanidade; mantivo a Galicia entre as comunidades máis pobres e con máis pobres, e puxo en mans privadas a xestión de políticas relevantes converténdoas en negocio para uns cuantos afortunados. En ocasións a través dos clásicos chiringuitos que o PP tanto di deostar.

Valga a introdución para contextualizar o Informe Económico-Financeiro das Entidades Instrumentais Autonómicas aprobado o mes pasado polo Consello de Contas de Galicia, o ente fiscalizador das contas do sector público galego. Alerta de que, sen incluír ao Servizo Galego de Saúde (Sergas), o 15% do orzamento da comunidade autónoma, é dicir máis de 1.588 millóns de euros, está manexado por organizacións e institucións dependentes da Xunta pero con autonomía para operar á marxe da administración autonómica: organismos autónomos comerciais, entidades públicas empresariais, axencias, consorcios, fundacións, sociedades mercantís…

En total suman 117 sobre as que o Consello de Contas alerta de que apenas poden ser controladas na súa actividade, que se alimentan de fondos públicos sen que as súas contas poidan ser adecuadamente fiscalizadas para deducir a idoneidade dos seus gastos, e que algunhas requiriron enormes inxeccións de capital público para camuflar un endebedamento esaxerado. Non todas poden considerarse chiringuitos no sentido pexorativo do termo, pero a maioría si funcionan como tales.

«As memorias da maioría dos organismos autónomos non cumpren a súa función de explicar, comentar e ampliar o resto de datos contables e carecen de valor informativo», sinala o Consello, que advirte de que falta «información económico-financeira» e «sobre indicadores de xestión e custo de actividades». É dicir, a máis relevante para deducir se chiringuitos, fundacións, axencias e consorcios cumpren as normas contables e de gasto que están obrigadas a observar.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, nun acto institucional / Foto: Ana Varela

«O que o Consello de Contas vén dicirlle á Xunta é que as figuras a través das cales creou unha administración paralela non cumpren a función para a que estaban pensadas», sostén Iago Tabares, portavoz do Bloque Nacionalista Galego na Comisión Insitucional e de Administración do Parlamento de Galicia. «E evidencian unha vez máis que o Goberno de Feijóo fai o contrario ao que di que vai facer. No 2010 anunciou que ía acabar con esa administración paralela, pero o que fixo foi mantela e aumentala. Son chiringuitos pensados para eludir as normas de contratación administrativa e para actuar con discrecionalidad na contratación de persoal».

O ex deputado socialista no Congreso e portavoz do PSOE no Parlamento de Galicia Pablo Arangüena,mantén unha postura igualmente crítica: «Algunhas entidades non renden nin sequera contas e é certo que descendeu o seu número na última década, igual que no resto do Estado, pero manexan o mesmo orzamento, o que implica que se tratou dunha reordenación cosmética», afirma. «Non hai control real de eficiencia do gasto, os chiringuitos seguen a plena potencia e neles xestiónase unha parte significativa do gasto público autonómico e séguese enchufando a achegados do PP», conclúe.

O aparello de propaganda de Feijóo converteu ao presidente da Xunta nun adaíl da defensa do público. Cando unha das estratexias recorrentes da súa acción de goberno consiste en crear entidades instrumentais para, co diñeiro público, xerar golosos negocios para a banca e a gran empresa.

O aparello de propaganda de Feijóo converteuno aparentemente nun gran defensor do público. Pero una das estratexias recorrentes da súa acción de goberno consiste en crear entidades instrumentais para, co diñeiro público, xerar golosos negocios para a banca e a gran empresa.

A última inciativa foi a Sociedade para ou Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, que xestionará os preto de 20.000 millóns de euros que a Xunta prevé obter dos fondos Next Generation da UE. O 60% do capital está en mans de Abanca, formada polas antigas caixas de aforro e hoxe propiedade do banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet; de Reganosa, dedicada ao transporte e regasificación de gas natural e propiedade da familia Tojeiro, á súa vez titular de Gadisa, a maior rede de supernercados de Galicia; e da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), outra entidade dependente da Xunta pero participada ao 49% por Naturgy.

A Xunta asegura que a nova sociedade está «aberta a novos socios» e que se apoia «en tres principios reitores: involucrar ás pemes, facer da I+D+i un elemento transversal e fomentar a colaboración público-privada». Vendo o seu accionariado, en cambio só o terceiro principio está garantido. No consello non sentan as pemes nin os investigadores nin os científicos, senón os representantes da banca, as eléctricas e as grandes fortunas do país –Roberto Tojeiro ten un patrimonio que algunhas fontes estiman en 415 millóns de euros-.

Reunión constituínte da Sociedade Galega para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos / Foto: Xunta

«Non pode ser que a xestión de proxectos esenciais para o futuro de Galicia se deseñe á marxe das institucións», subliña Iago Tabares. «Non estamos en contra da colaboración público-privada, pero si do desmantelamento do público», engade o portavoz do BNG.

A entidade que xestionará os fondos europeos en Galicia non figura na análise do Consello de Contas, que se refire ao exercicio do 2019. Pero hai moitas entidades ao seu xeito, e sobre algunhas o informe lanza serias dúbidas ao redor da súa xestión e á procedencia de que sigan existindo.

Sobre as axencias, xestionan 698 millóns e, ao contrario do que sucedeu coa Administración central, que foi prescindindo delas, foron o modelo preferido por Feijóo para xestionar áreas de gasto tradicionalmente desenvolvidas de forma centralizada: «infraestruturas, innovación, equipamento tecnolóxico, turismo e servizos sociais, entre outras». O Consello non puido acreditar que esas axencias «estean a aplicar os mecanismos de xestión transparente por obxectivos».

Sobre as sociedades públicas, advirte do seu «escaso nivel de autofinanciación» e pon en dúbida «que as súas actividades sexan mercantís ou empresariais». E en canto ás fundacións, asegura que a súa dependencia das subvencións autonómicas, superior ao 80%, «evidencia a incapacidade para usar o modelo segundo a súa verdadeira esencia, que non é outra que a de incentivar a participación do financiamento privado en actividades de interese xeral».

O Consello recomenda á Xunta -os seus informes non son vinculantes- que someta a auditoría a todos os organismos públicos instrumentais e que actualice a normativa para controlar as súas contas. Porque aínda que en xeral as entidades presentan un nivel de solvencia «razoable», nalgúns hai verdadeiros buracos negros polos que se coan cantidades astronómicas de diñeiro público.

Feijóo, na toma de posesión de conselleiros do Consello de Contas nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

É o caso de Xestur, creada aos tres anos de que Feijóo accedese á Xunta para «a realización de actividades urbanísticas». Entre o 2014 e o 2019, a Xunta tivo que realizar «sucesivas inxeccións de capital por importe de 229 millóns para que Xestur puidese facer fronte ao seu endebedamento», advirte o informe. A débeda dos chiringuitos e entidades dependentes da Xunta alcanzou os 820 millóns no 2018 e caeu ata os 573 millóns no 2019. Pero só porque o Goberno autonómico enxugou a débeda de Xestur con máis diñeiro público, nunha situación similar á que padede a Sociedade Pública de Investimentos ( SPI), destinada a construír, explotar e matener infraestruturas autonómicas e que tamén arrastraba un enorme endebedamento.

Nin Xestur nin a SPI están participadas pola iniciativa privada. Curiosamente, as entidades instrumentais da Xunta que dan perdas non contan con ela. As que renden beneficios, si. Algo pon en dúbida esa imaxe de bo xestor do público que a propaganda atribúe a Feijóo.

Outro exemplo: tampouco está participado o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), creado por Fraga en 1992 a imaxe do Instituto de Crédito Oficial ( ICO), ao obxecto de apoiar mediante préstamos e subvencións a actividade empresarial e produtiva. Aos dous anos da chegada de Feijóo, o Igape foi o epicentro da Operación Campión, que motivou a detención dos altos cargos do Instituto que o seu Goberno respaldaba acusados de fraude, lavado de capitais e tráfico de influencias por conceder irregularmente préstamos e subvencións a empresarios próximos ao PP.

Hoxe, segundo o Consello de Contas, o Igape arrastra un íncide de morosidade impensable en calquera entidade crediticia pública ou privada. «Unha parte significativa dos debedores non devolveron os préstamos concedidos polo Igape. En concreto, máis da metade dos vencementos de capital dos préstamos concedidos non chegaron a ser cobrados», subliña o informe. Os impagados ascenden a 62,6 millóns de euros, «o que representa unha falta de pagamento do 47%». Non cabe relacionar a morosidade coa crise sanitaria, porque, como lembran os autores da análise, este é sobre o exercicio do 2019, meses antes da pandemia.

O ICO tiña hai un ano unha taxa de morosidade do 4,73%. A media da banca española, en plena crise, estaba o mes pasado no 4,6%. Pode considerarse unha boa xestión tela no 47%?

O conselleiro maior Consello de Contas, José Antonio Redondo (izquierda), e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez / Foto: Conchi Paz

Outra das denuncias do Consello de Contas refírese a que a Xunta leva once anos incumprindo a lei do 2010, impulsada polo propio Feijóo, que obriga o seu Goberno a poñer en marcha un rexistro de entidades instrumentais no que figuren tamén as súas contas anuais. No portal de Transparencia do Executivo autonómico aparece ese rexistro, pero, de novo é pura propaganda. Só hai un link que remite á listaxe do Inventario de Entidades do Sector Público do Ministerio de Facenda. Os autores do informe alertan de que tiveron que traballar con esa documentación, e non coa que debería proporcionarlles desde o 2010 a Administración autonómica.

Pola súa banda, a Consellería de Facenda asegura que, contra o que din os economistas do Consello de Contas, non hai 117 entidades instrumentais, senón só 69, porque o inventario do Ministerio de Facenda inclúe entes como os organismos dependentes das universidades ou que pertencen ao sector público local ou estatal, «que non cumpren os requisitos para ser considerados parte do sector público autonómico». Fontes dese departamento, que dirixe o ex auditor do Consello de Contas Valeriano Martínez, afirman que o decreto que regulará o rexistro de entidades xa está en trámite.

Luzes-Público pregunó á Consellería de Martínez se considera que o sector das entidades instrumentais está ben dimensionado, se a Xunta está satisfeita coas fundacións nas que participa, se debe modificarse o modelo de Xestur e se taxa de morosidade do Igape, que afecta a case a metade dos préstamos que concede, cuestiona a súa xestión . A Consellería non respondeu a esas preguntas e apuntou que desde o 2009, cando Feijóo chegou ao poder, executouse «unha acción continuada en materia de racionalización das entidades instrumentais» que permitiu ordenar a supresión de 97 e mellorar a situación doutras 63.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail