778 kilómetros e 13 anos entre Angrois e Adamuz

O enxeñeiro informático Jesús Domínguez estivo ingresado e sufriu decenas de operacións entre xullo e setembro de 2013. Viaxaba no tren que descarrilou á entrada de Compostela ocasionando 80 mortos e máis dun centenar de feridos. Cando saíu da Clínica Centro de Madrid, onde fora trasladado en ambulancia desde a capital galega, topouse cunha serie de informacións que non lle cadraban. Daquela, persoas que tamén viaxaban nese Alvia ou que perderon a familiares e amigos naquel convoi xa constituíran formalmente unha asociación: Susana de Miguel, Víctor Taibo (fillo da exdiputada do PP Teresa Gómez-Limón), Paloma Domínguez, Rogelio e Gema, Luis e Laura del Moral (parella de Domínguez). Aí empeza a historia dunha loita que se prolongou durante máis de nove anos ata que se empezaron a xulgar os feitos. Na súa travesía, as vítimas reuníronse con representantes políticos de todas as cores, e a súa ambición, desde a primeira manifestación o 17 de decembro de 2013 fronte ao Congreso dos Deputados, era que se depurasen as responsabilidades penais e políticas polo accidente.

Foto de Iago López.

Os Aquiles

Setembro de 2015. Jesús Domínguez está no edificio da avoa da súa parella. No ascensor tropeza cun veciño ao que lle pide o favor de baixar con el ao garaxe, porque non ten as chaves. Pregúntalle pola súa lesión na perna e acáballe contando que ía no Alvia sinistrado en Galicia. «Nese momento xa protagonizaramos moitas protestas como plataforma, así que imaxino que lle soaba a miña cara e que en realidade sabía quen era. E el quería axudarnos», lembra o presidente da asociación de vítimas do accidente de Angrois. Ese veciño, enxeñeiro de camiños que traballa en Adif, promove dúas reunións discretas en cafeterías madrileñas nas que achega un documento ás vítimas que lles serve para profundar nos seus receos sobre a versión oficial do accidente, aquela na que o maquinista era o único culpable. O quilómetro cero ao que volven as vítimas tras o recente fallo da Audiencia. O documento que lles entrega é un acta dunha reunión na que varios cargos de Adif falaran, xa en xuño de 2011, de modificar o cadro de velocidades na liña Ourense-Santiago debido ao brusco salto de 200 a 80 quilómetros por hora (antes da curva da Grandeira) ao que se obrigaba ao maquinista.

Xusto o salto de velocidade sobre o que advertiu, en decembro dese ano 2011, ao pouco de inaugurarse a liña, un xefe de maquinistas, sen que tras este aviso se producise modificación ningunha. Na primeira cita, a finais de 2015, Aquiles Troyano (nome en clave que lle pon Jesús) ensina a acta, pero tápaa parcialmente coas mans. O presidente da plataforma faille fotografías co móbil e memoriza dous ou tres nomes que lle serven para, esa noite, localizar a acta no sumario do caso. Para entón a prensa (en esencia dous xornalistas: Pablo González en La Voz de Galicia e David Reinero en El País) xa sacara a relucir gran cantidade de datos nos que explicaba como sucedera unha traxedia así na alta velocidade española. O proceso xudicial avanzaba aos tombos, sen orientación clara. Nese contexto, Aquiles Troyano acode ao segundo encontro, en retirada, segundo a impresión das vítimas. Pero, para a súa sorpresa, os representantes da plataforma móstranlle a acta e tamén correos electrónicos nos que el participaba ao redor da discusión sobre o cadro de velocidades de Ourense-Santiago. «Queda superpillado. Baixa Laura co libro de Vázquez-Figueroa e regalámosllo», conta Jesús.

Aquiles Troyano é unha personaxe dunha novela de Alberto Vázquez-FigueroaVivos y muertos (Ediciones B), na que o novelista narra as vivencias dun enxeñeiro de camiños que «se ve envolvido nunha investigación para denunciar un caso de corrupción dentro do seu propio ministerio, como consecuencia do cal se producen afundimentos e accidentes na construción do tren de alta velocidade». Arturo, o irmán de Jesús, lera esta novela e en decembro de 2014, el e Jesús chegaron a verse con Vázquez-Figueroa na súa casa. O escritor interesouse pola súa batalla, aínda que a deu por perdida.

Despois deste primeiro Aquiles aparecerían moitos máis. A colaboración de moitos deles quedou en nada, como a dun exalto cargo de Renfe, vicepresidente dunha asociación ferroviaria, con quen quedaron as vítimas a través do enxeñeiro de obras públicas e articulista de La Voz de Galicia, Xosé Carlos Fernández. A primeira reunión produciuse en febreiro de 2015 nun céntrico hotel madrileño. En total mantiveron catro encontros entre febreiro e marzo. Quedaban en Chamartín e contoulles cuestións relativas aos responsables de seguridade de Adif e Renfe, así como de quen foi nomeado perito na causa por designación de Adif, José Luís Pinel. A este último preguntoulle como elaborara esa peritaxe (na que, en síntese, consideraba ao maquinista o único responsable do sinistro). Sempre segundo a súa versión, Pinel contestoulle: «Pedíronme este último favor antes de xubilarme». O perito de Adif desapareceu da causa e nin sequera foi ratificar o seu informe ao xulgado. Segundo puideron saber as vítimas, por medio deste Aquiles, «fora a Estados Unidos a ver aos netos e non quería saber nada máis». Á quinta cita esfumouse deixando plantado a Jesús.

Homenaxe en Angrois. Foto de Simón Burchell.

En outubro dese mesmo 2015 estreouse na Seminci de Valladolid o documental Frankenstein 04155 do ourensán Aitor Rei, no que, como principal novidade, denunciaba un sobrepeso do tren Alvia. O prólogo do libreto que incorporou o deuvedé da cinta escribiuno, nunha chiscadela deliberada, Alberto Vázquez-Figueroa. E por mor do suposto sobrepeso contactou coa plataforma de afectados un guindastrista que aseguraba ter elevado os restos do tren en Angrois e poder aportar datos para referendar esa denuncia. Jesús, Rogelio Bernardo (vicepresidente da plataforma de vítimas) e o propio cineasta quedaron con el. Este Aquiles viuse superado polo medo ás consecuencias laborais de dar a cara publicamente e deu marcha atrás na súa intención de falar.

En agosto de 2019, un extraballador de Talgo asegurou que altos mandos desta empresa ordenaron o borrado de probas sobre avarías no convoi accidentado

Un Aquiles crucial no caso Alvia é o que permitiu que saísen a relucir actas internas de Adif que evidenciaban que a Dirección de Seguridade (da que se ocupou Andrés Cortabitarte de 2006 a 2013) sabía que non se encargara á consultora Ineco a avaliación do risco no tramo que comprende a curva do accidente. Tamén informou de outros feitos relevantes, como que Adif encargou en setembro de 2016 un certificado para a seguridade da liña de Angrois, do que carecía desde a súa inauguración, ou que un equipo da Axencia Ferroviaria Europea estivo en febreiro de 2018 en Madrid para examinar se España cumpría as normas tras o accidente. Como consecuencia desta misión, Bruxelas expedientou a España en xaneiro de 2019.

Fronte ao perfil do Aquiles que actúa na sombra, chama a atención a aparición, en agosto de 2019, do extraballador de Talgo que asegurou que altos mandos desta empresa ordenaron o borrado de probas sobre avarías no convoi accidentado. Este profesional, que foi un dos mecánicos dos talleres de Fuencarral de Talgo que revisou o tren antes de que este saíse, escribiu ás vítimas a través dunha rede social e pediulles que lle chamasen. Arturo Domínguez chamou esa mesma noite, pero non foi até varios días despois que conseguiu quedar con el na cafetería dun hospital da capital do Estado. Casualidades da vida, o centro estaba cheo de xornalistas porque operaran alí ao emérito e ese día ían de visita os reis e as infantas. A pesar de non ser o mellor dos escenarios, o Aquiles de Talgo, acompañado da súa muller, contoulle ese día a Arturo que levaba anos dubidando sobre se revelar ou non a información da que dispuña, pero escudouse en que a súa muller tiña medo ás represalias para escusarse por non contar nada. Ao final, a súa saída da empresa animoulle a dar un paso á fronte. Despois de múltiples conversacións, as vítimas lograron que asinase unha declaración xurada coas súas acusacións, que Talgo negou rotundamente e que obrigaron a reabrir unha vez máis a causa en novembro de 2019. Reapertura que non se traduciu en nada en termos xudiciais, pero que para o extécnico de Talgo significou ter que facer fronte ás accións na súa contra promovidas pola empresa.

«Con 80 mortos é obvio que había un buraco de seguridade»  (Jorge Iglesias, experto en ERTMS)

Os expertos

Foi a finais de maio de 2015 cando integrantes da plataforma, fartos de que non se lles fixese caso nas súas reivindicacións, comezaron a facer ruído rebentando actos. O primeiro boicot produciuse nunhas xornadas sobre seguridade ferroviaria nas que participaban o entón secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Manuel Niño, e o daquela responsable de seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, no colexio de enxeñeiros. Estaba presente Jaime Tamarit, experto en ERTMS, o sistema de control continuo de velocidade que foi eliminado dos últimos quilómetros da liña no cambio de proxecto de Ourense a Santiago. Despois do acto, Jesús escribiu a varios dos participantes e Tamarit foi o único que contestou. «Grazas polas súas amables palabras. Entendo perfectamente a súa reacción xa que estamos consternados por ese terrible accidente. Máis cando o ministerio realizara os investimentos necesarios para a instalación dun sistema de protección cun elevadísimo nivel de seguridade que proporciona unha vixilancia continua da velocidade. Polas manifestacións e consultas realizadas vexo que entenden correctamente a contorna técnica no que se produciu o accidente. Co meu máis sincero pésame polas vítimas, envíolles un saúdo cordial. Jaime Tamarit».

Este experto acabou comparecendo tanto na Comisión do Congreso como no xuízo, onde puxo de relevo as consecuencias de retirar o sistema de máxima seguridade de Angrois. Nas Cortes seguiulle o seu sucesor no laboratorio, Jorge Iglesias. O que dixo en sede parlamentaria este doutor en ciencias físicas non difería do que con anterioridade repetiran peritos nos seus informes entregados ao xuíz e o que subliñaría un mes despois tamén nas Cortes españolas o ex xefe de seguridade da Axencia Ferroviaria Europea, Cristopher Carr: que no caso de que o ERTMS estivese no barrio compostelán de Angrois en 2013, o sinistro non se tería producido. «Con 80 mortos encima da mesa é obvio que había un buraco de seguridade», aseverou tamén Iglesias. Pola súa banda, Aquiles Troyano recoñeceu verse «animado» polo «xesto» de Jorge Iglesias, de modo que el tamén enviou un correo electrónico en novembro de 2018 a integrantes da comisión de investigación, pero no seu caso só a un grupo político ao que se achegara.

Visita de Feijóo, Rajoy e Ana Pastor ao lugar do accidente de Angrois.  Foto Moncloa.

As asociacións

Ademais da Plataforma Vítimas Alvia 04155, tamén se creou outra, a asociación de prexudicados polo accidente ferroviario do Alvia, Apafas, cuxa marcha foi controvertida co paso dos anos. A plataforma converteuse no colectivo máis combativo. Pero tamén no seu seo vivíronse desavinzas, como a que enfrontou a Teresa Gómez-Limón con parte da xunta directiva no ano 2018. Psicóloga e perito forense, litigaba co seu propio avogado como parte presente na causa xudicial, de modo que complementou a acción do letrado que representa á plataforma (cuxos honorarios afrontaron Jesús e Laura). En xullo de 2018, na tradicional asemblea que a plataforma celebraba en Santiago no aniversario do accidente, Gómez-Limón anunciou a súa dimisión da xunta directiva por discrepancias con outros compañeiros. A constitución da comisión de investigación parlamentaria e a elección de persoas da asociación para que exercesen como portavoces acelerou os rozamentos de Teresa con algúns deles. Ese agosto publicou no seu blog persoal un duro artigo titulado «Defender unha causa xusta non converte a un en xusto», no que citaba a Macbeth para reprobar «a máis mínima tentación de caer na vaidade ou na soberbia, desprezando a persoas próximas que loitan polo mesmo. Se alguén sente aludido, que saque consecuencias», advertía, en referencia velada ao presidente da plataforma e tras protagonizar un forte choque co vicepresidente, Rogelio Bernardo, nas Cortes. Ese ano foi o seu fillo, Víctor Taibo (presente desde a orixe da plataforma), o que volveu ler o manifesto das vítimas na Praza do Obradoiro e un ano despois as augas volveron ao rego.

De novo a proximidade do comezo da comisión provocou turbulencias, neste caso entre Apafas e membros da Plataforma Vítimas Alvia 04155. O 11 de xuño de 2018, a primeira das asociacións remitiu un comunicado aos seus socios no que o seu presidente, Cristóbal González, aseguraba: «Nos últimos días desta semana, recibín de tres persoas por distintas vías (wasap, chamadas telefónica, email…) unha batería de críticas a miña persoa, así como á asociación que presido; críticas que nalgúns casos convértense en insultos, ameazas, intimidación, etc.». Máis adiante especifica, «con respecto á comparecencia na comisión parlamentaria, a celebrar posiblemente a finais do mes de xuño, Apafas non a solicitou, se non que se logrou grazas á intervención da Plataforma». E engade «non hai ningún problema en que dita comparecencia a faga quen se considere oportuno (iso si, en representación de Apafas)». En realidade, este incidente garda tras de si uns antecedentes. Aínda que Apafas defendeu a decenas de afectados os meses posteriores ao accidente, a súa actividade decaeu. Até tal punto que mesmo o xuíz chegou a afirmar nun auto: «despois dunha serie de confusas rectificacións chegamos á conclusión de que dita asociación non representa a ninguén máis que a si mesma».

Na súa páxina web, Apafas narra que a asociación: «Xurdiu no propio hospital A Rosaleda». Moitas vítimas acórdanse de como, estando aínda hospitalizadas, recibiron a visita de representantes de despachos de avogados interesados en litigar no seu nome. En agosto foron colocados carteis no taboleiro de anuncios do Clínico de Santiago (onde estaban a maioría dos feridos) da Fundación Avata e outro co nome de Asociación afectados accidente tren Madrid-Ferrol con teléfonos de contacto. Esta fundación recomendou ás vítimas a creación dunha asociación nunha reunión desenvolvida ese outono en Madrid. Nela, segundo relata Arturo, «Paloma e Laura coñecen a Luís, Rogelio, Susana e Víctor e sae o xerme da futura asociación». O 22 de novembro daquel 2013, o bufete que se encargou no seu día de defender aos afectados pola traxedia de Spanair organiza, conxuntamente con Apafas, unha reunión nun hotel en Madrid. Os integrantes da plataforma deciden ir. Arturo Domínguez rememora así aquel encontro: «É unha reunión ‘atípica’, cunha mesa presidencial elevada, marcando moito as distancias cos afectados. A sala está chea e percíbese a tensión e o drama entre os asistentes. Parece todo moi dirixido e forzado, vannos contando cousas tanto un avogado, como unha psicóloga… Todo parece superficial, pouco crible e lémbrame a esa especie de estafas piramidais. Hai algo raro… así que alí certificouse definitivamente o caldo de cultivo da asociación-independente da de Apafas», sostén. Entre ambas houbo tensións nos recibimentos por parte de ministros de Fomento como Íñigo de la Serna (PP) e José Luís Ábalos (PSOE). O problema, para a plataforma, era se a lexítima reivindicación de maiores indemnizacións era utilizada polo Goberno de quenda para dar unha resposta fácil e evitar outros obxectivos como a depuración de responsabilidades.

Pablo Iglesias mosqueouse porque as vítimas non saísen á porta do Congreso dos Deputados a facerse a foto

A política

Até aquí, os mamíferos que poboan o cuarto de atrás de Angrois son, como no poema de Jesús Lizano, persoas curvas. Aquiles con medo a represalias, Aquiles valentes que dan a cara, os que se achantan, os que se agochan. En política, as vítimas atoparon tamén de todo. A cooperación dalgúns deputados estivo á altura das circunstancias. Porén, houbo quen non, como o asesor de Gabriel Rufíán, que ameazou ao presidente da plataforma de vítimas mediante audios enviados vía wasap nos que dicía que o seu xefe deixaría de desempeñar co mesmo ímpeto a súa labor na comisión parlamentaria de investigación se non lle facían máis caso a través de Twitter, con rechíos e demais. Pablo Iglesias mosqueouse porque as vítimas non saísen á porta do Congreso dos Deputados a facerse a foto, a propósito das leas nas que podían meter á plataforma, inmersa nun xogo de difíciles equilibrios.

Foi a través de Pilar Careaga, quen perdeu no accidente á súa filla, como a plataforma contactou co político vasco Odón Elorza. Quedaron con el no Congreso. Nunha primeira reunión, á que asistiron Jesús, Laura, Teresa, Víctor e Rogelio, Odón Elorza mostrou moito interese e a sensación dos afectados foi que, dentro do PSOE, era o díscolo, o verso solto. Nese momento, achegarse á plataforma supuña levar a contraria á postura oficial do partido. Unha organización que se atopaba totalmente dividida, entre os afíns a Pedro Sánchez e os susanistas, que polo momento aínda mandaban no Congreso. César Ramos, portavoz na comisión de Fomento, tamén participou naquel primeiro encontro. Noutra ocasión, coa presenza unicamente de Jesús Domínguez, Elorza pediu que a plataforma deixase de levar nas súas protestas as caras dos exministros estampadas nas pancartas. «Foi a única reunión en todo este tempo na que estiven eu só. A única. Logo deime de conta de que o buscou Elorza», reflexiona Domínguez. Tras unha negociación difícil, no hotel fronte ao Congreso, e baixo invitación de Domínguez, este accede a retirar as caras, algo do que despois lle custou moito convencer aos membros da asociación. E van ás Cortes a concentrarse sen caras. É o día en que saen da Cámara Baixa varios representantes políticos, incluído o líder de Podemos.

Odón Elorza pediu que a plataforma deixase de levar nas súas protestas as caras dos exministros estampadas nas pancartas

Elorza foi clave para facer presión co PSOE. El deulles o teléfono de Margarita Robles, por entón a portavoz. Cando a viron, en xullo de 2017, trasladoulles que levaría ao comité executivo a posibilidade de votar a favor da creación dunha comisión de investigación no Congreso sobre o caso do Alvia, «que lle parecía de xustiza pero non dependía dela», lembra Domínguez. Sentada á mesa estaba ese día tamén a galega Pilar Cancela, quen chorou ante as vítimas, afectada polo que sucedera en Angrois. Despois de que se materializase o xiro dos socialistas e xa constituída a comisión, Elorza deu un paso atrás. Nunca transcendeu se voluntariamente ou obrigado pola súa formación. Como portavoz na comisión actuou case sempre Cancela, quen mantivo unha posición moi criticada polas vítimas. «Chegou a dicir cousas como que ‘aquí non vimos cuestionar…’. Cousas lamentables», reproba Jesús Domínguez. Unha vez concluídas as comparecencias e antes da disolución das Cortes que supuxo un final sen resultado da comisión, Odón Elorza intercambiou varias mensaxes con Rogelio, ao que lle comentou que xa tiña as conclusións do traballo parlamentario, pero que non as quería «gastar».

A 778 kilómetros de distancia, as vítimas de Adamuz xa se negaron á homenaxe de Estado que no seu momento tamén motivou indignación en Compostela. «Non imos consentir que pase o mesmo que pasou en Angrois. Por iso aprobamos esta medida», defende o actual ministro, Óscar Puente, tras aprobar o Gobierno un mecanismo de indemnizacións dotado de 20 millones de euros para as vítimas dos accidentes ferroviarios en Adamuz (Córdoba) e Gelida (Barcelona). «Non imos consentir que haxa vítimas que estén 10 anos esperando a recibir unha indemnización», remacha.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail