Hai algo máis dunha semana, o órdago de Vox ao PP por mor da reforma da Lei de Estranxeiría rematou en ruptura dos seus gobernos de coalición autonómica. Na lectura mediática posterior xerouse un certo consenso segundo o cal isto viña a ser un erro de implicacións tan negativas como irreversíbeis para os de Abascal. Instalouse daquela o relato dun harakiri e a decisión de Vox foi presentada coma unha arroutada ideolóxica sen tino. Os argumentos nas tertulias salientaron a perda de poder institucional, o efémero e baleiro xesto ideolóxico ou a merma de recursos que, abofé, son esenciais para calquera partido.
Errou Vox ata o punto de iniciar o seu camiño definitivo á marxinalidade, tal e como antes aconteceu con Podemos e Ciudadanos? Ou vai ser que a ultradereita é diferente nisto e aínda vai dar moita guerra? Fixo ben a formación ultra en desentenderse das responsabilidades en minoría (sen perder de vista como lle vai a Sumar) para gañar así un espazo de desputa máis grande?
As sensacións son contraditorias. Por unha banda, non faltan datos electorais e indicadores que apunten unha tendencia á restauración dos equilibrios orixinarios do réxime. Desde esta perspectiva, Vox tería os días contados e bastaría con que se esgotase a lexislatura para que a ultradereita comezase a desaparecer das institucións. Pola outra banda, desde fai anos, vivimos un clima de época que non permite albiscar unha saída ao Zeitgeist reaccionario. Ben podería estar a pasar que o que acontece sexa máis ben unha rearticulación xeral no extremo dereito do espectro político.
Que indicadores avalarían esta posibilidade? A xeito de crítica á tese da restauración (id est do inicio da fin para Vox) habería unha maior marxe de acción. Hai dúas semanas falabamos nesta mesma columna da «remontadiña» dos partidos de corte social-liberal: triunfo laborista, reconstrución do PS francés no cadro da Nova Fronte Popular, melloras, o 23X do PSOE, etc. No caso concreto de España, o éxito Sánchez, da moción de censura en adiante, está a ser posíbel polo esgotamento da onda de mobilizacións do decenio pasado que os socialistas están a surfear con éxito indubidábel.
Logo do colapso do espazo nacido do 15M e de gañar unha moción de censura, o PSOE optou por unha estratexia sinxela, mais eficaz: favorecer que o réxime puidese metabolizar a súa crise e recoller os froitos. Primeiro virou á esquerda con medidas como a suba do SMI, formou o primeiro goberno de coalición, acurtou a marxe de UP, logo asinou os indultos e lexislou a lei de amnistía para desactivar o Procés. Entre 2018 e 2023 pasou un lustro no que Sánchez tamén recuperou a unidade do partido logo da súa crise máis dura en décadas. Fechada esa fase mirou de virar á dereita para conquistar o espazo dun C’s en crise terminal.
Acó, porén, apareceron os límites. Fóra de Catalunya, a captura do voto de C’s non saíu tan ben. Na Foto de Colón, a tríada liberalismo-centro-moderación nin estaba, nin se esperaba. O votante de C’s virou para a dereita e ás veces máis á dereita aínda, como no caso de dirixentes como Juan Carlos Girauta ou Carina Mejías. O centro liberal, máis unha vez, coma nos tempos do CDS, demostrouse un mito da Transición. A ultradereita fascista de Blas Piñar, pola contra, probouse unha socioloxía electoral aínda viva.
Así, por exemplo, o fenómeno Alvise, para alén do esperpento, ten un votante ultra froito de corenta anos de reciclaxe neoliberal: homes entre 22 e 44 de idade, de ideario miniarquista; urbanos, aínda que algo menos nas cidades máis grandes, pouco relixioso, de clase alta e baixa, sen unha autopercepción como ultradereita, xeograficamente no arco mediterráneo do sureste penisular. Lonxe de votar o PP ou a Vox foi a parar a unha candidatura de orixe cibernética e sen base militante. Algo falla nos partidos da dereita, mais tamén na estratexia do PSOE: o mito do votante centrista das clases medias que decantaba os gobernos.
A política hoxe, trece anos despois do 15M, reflicte que o desprazamento de entón fórados límites constitucionais do 78 está máis vivo do que se pensa; mesmo se polo momento actual do antagonismo adopta formas reaccionarias e monstruosas. Perante isto non semella moi prudente dar por sentada a restauración. Pola contra, paga a pena, e moito, atender as mutacións que se están a operar desde hai anos na constitución material e que degradan a calidade democrática sen que por isto o réxime dispoña da capacidade para encarreirar a vella política bipartidista.
Se Vox errou (ou non) coa súa decisión pode ser que non só dependa da capacidade do PSOE e o PP para restaurar o vello bipartidismo do 78. O mesmo resulta que só atravesamos un tempo no que os erros están na falta de alternativas. O esgotamento dos espazos que impulsaron proxectos políticos críticos co réxime non significa que a constitución material non siga latexando coas súas contradicións. Da súa politización dependerá o reordenamento da paisaxe partidista dos anos vindeiros.