A Quinta Onda (4/10 en FilmAffinity)

Nota do A.: A Quinta Onda é unha novela de ciencia ficción xuvenil (primeira dunha triloxía) que foi finalista do premio Goodreads en 2013. Tres anos despois contou cunha mediocre adaptación ao cinema coa que se buscaba seguir a estela de Crepúsculo ou Os xogos da fame. Se todo isto non vos bota para atrás, aínda podedes vela en Netflix.

Como a vida gusta moito de imitar á arte (ou, polo menos, ás industrias culturais), A Quinta Onda resultou ser ademais o último envite do coronavirus (veremos se tamén o derradeiro), o que nos tocou neste verán e que, ao igual que a novela e o filme, teñen como claros protagonistas o público mozo.

O que vén a continuación son textos reais sobre a obra en que o autor só se permitiu unha pequena alteración: todas as referencias aos alieníxenas foron substituídas por mencións ao coronavirus e a invasión cambiouse por unha pandemia.

Calquera outra semellanza razoable queda á interpretación das lectoras.

(Feliz verán)

Promo da contracapa:
“Cassie sabe que manterse a soas é a única opción para seguir con vida”.

Cita de apertura:
“Se o coronavirus nos visitase algunha vez, creo que o resultado sería similar ao que sucedeu cando Cristobo Colón chegou a América: o asunto non acabou demasiado ben para os nativos”.

Sinopse:
Catro ondas sucesivas de ataques de coronavirus deixaron a Terra decimada.

A primeira foi a que nos colleu despistados a todos e se cebou sen piedade nas residencias de maiores. A segunda, tras o verán de 2020 foi aínda máis mortífera. A terceira chegou cando tratamos, sen éxito, de salvar o Nadal. E a cuarta, xusto despois da semana santa…

Neste escenario de medo e desconfianza, unha adolescente de 16 anos trata de sobrevivir ás viaxes de fin de curso, aos festivais do verán e ás festas na praia mentres agarda que lle poñan a vacina. Se non se mantén alerta, ela, que superou as catro primeiras –algo que non conseguiron os seus pais–, pode acabar sendo vítima… da Quinta Onda. (Wikipedia).

Críticas:

Eduardo Galán (Cinemanía)
“Cine xuvenil en que uns rapazolos de instituto se enfrontan, armados con moito “love”, a unha pandemia. Dálles tempo a todo, en especial a facer comedia involuntaria. (…) Puntuación: ★★ (sobre 5)”

Jordi Costa (El País)
“Unicamente recomendable para quen atopen pracer na reiteración da trapallada”.

Francisco Marinero (El Mundo):
“O que é pura aventura de acción está planificado e montado con eficacia pero con narracións paralelas que distraen e lastran”.

Salvador Llopart (La Vanguardia):
“O problema é a falta de gusto, a vulgaridade dunha posta en escena que non quere amolar” ”

Nando Salvá (El Periódico):
“Para manexar todo iso, o director recorre a improbabilidades argumentais, altibaixos de ritmo narrativo e efectos visuais de saldo”.

(O dramatis personae, iso si, é cousa de cada quen…)

E, para pechar, soa isto de Sia, que fala de seguir respirando… Son demasiadas casualidades para estes tempos de conspiranoia.

Ou non…?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail