O persoal sanitario rexeita o bono de hostalería de 250 euros anunciado por Feijóo

A uns días do comezo da campaña electoral, o Goberno galego dispoñerá 20.000 tarxetas xestionadas por Abanca para que o persoal do Sergas e de servizos sociais que loitou contra a pandemia poida durmir e cear en hoteis galegos.

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, comunicou a disposición de 20.000 tarxetas moedeiro de 250 euros para o persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e de servizos sociais que loitou contra a COVID-19 para usar en hoteis e restaurantes de Galicia. Chamouno «bono solidario», o cal será xestionado por Abanca, e os establecementos que queiran adherirse terán que aplicar un 15% de desconto aos usuarios.

A disposición deste diñeiro coincidirá coa campaña electoral para as eleccións autonómicas galegas do 12 de xullo. O persoal do Sergas poderá usar a tarxeta prepago entre o 15 de xullo e o 13 de decembro. O Consello de la Xunta aprobouno a semana pasada e Feijóo comunicou o desembolso de cinco millóns de euros como un xesto de agradecemento «moi modesto», así como para «incentivar o consumo» do sector turístico na comunidade.

As asociacións de profesionais médicos fixeron público este domingo o rexeitamento total a esta «propina». A delegación galega da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) notificou a súa indignación polas «dádivas electorais» da Xunta. Para eles sería un recoñecemento a posta en valor do seu labor profesional e a mellora dunhas «moi mermadas condicións laborais froito de múltiples recortes e perda de dereitos» durante os últimos anos e que, por parte do Goberno galego, «non houbo vontade de reverter».

Enfermeiras Eventuais en Loita, colectivo que naceu pola situación precaria das profesionais no Sergas, explica a Público que a iniciativa da Xunta é un «insulto», onde Feijóo pretende «quedar ben» coa sanidade e coa hostalería pero que a elas non as enganan. Cren que é unha «esmola electoralista» e que o PP aproveitou a oportunidade para as eleccións, pero que despois do día 12 de xullo continuarán os recortes e os «paus» á sanidade pública. Ademais, reprochan o gasto deses cinco millóns de euros cando nalgúns centros non teñen material tan básico como luvas.

Na mesma liña, a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria ( Agamfec) trasladou o súa molestar e «vergoña» do bono que lembra aos «bocadillos das manifestacións franquistas e megacomilonas que organizaba Fraga ou mesmo Baltar nas súas políticas populistas e de mendicidade electoral». Explican que o agradecemento é «apostar pola sanidade pública» e por realizar un «estudo crítico» da resposta á pandemia dando protagonismo aos profesionais, «xa chegou co estudo de seroprevalencia», engadiron.

E é que o estudo epidemiolóxico da Xunta foi tremendamente criticado polo persoal sanitario do Sergas por non ter fiabilidade, por utilizar os test cando non había suficientes para eles e por sobrecargar de traballo ás sanitarias. Consideraron que estaban facendo a campaña a Feijóo, pero o presidente non dubidou en continuar coas súas estratexias electorais sen atender aos profesionais que traballan en primeira liña.

O 9 de febreiro Santiago de Compostela encheuse cunha manifestación multitudinaria encabezada por SOS Sanidade Pública e onde participaron múltiples asociacións e colectivos do servizo galego de saúde, reivindicando a aposta polo público e rexeitando os pasos privatizadores do Goberno autonómico. O PPdeG ignorou estas protestas chegándoas a tachar de «campaña de desprestixio» por parte da oposición.

Tamén, tarxetas moedeiro e menú

As tarxetas prepago para hostalería non son as únicas que repartirá a Xunta de Galicia. A semana anterior anunciou unhas tarxetas moedeiro para que 30.000 familias poidan adquirir bens de primeira necesidade , que van desde os 450 euros ata os 900, dependendo de cantas persoas integren os fogares. É un bono «ponte» mentres que non reciban o Ingreso Mínimo Vital ou a Renda de Inclusión Social do Goberno autonómico, xa que tan pronto perciban estas axudas a súa tarxeta moedeiro quedará inactiva.

Ademais, tamén se poderán ao dispor da poboación galega tarxetas menú precargadas con 30 comidas. Os establecementos que se queiran adherir ao programa incluirán na súa carta un menú de «oito euros máximo» onde cinco euros cubriraos a Xunta e os tres restantes a persoa que solicita o servizo. Igualmente, Feijóo xustificou que un dos obxectivos é «facilitar ingresos na hostalería» nunha situación de crise económica e social como a que está a azoutar ao país.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail