A Coruña– O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) absolveu un dos catro mozos aos que a Audiencia Provincial da Coruña condenou en xaneiro pasado polo asasinato de Samuel Luiz. Trátase de Alejandro Míguez, condenado a dez anos de cárcere e a quen o xurado e a xuíza consideraron culpable dese delito como cómplice necesario do crime.
A Sala Civil e Penal do Tribunal desestima con todo os recursos das defensas dos outros tres condenados aos que a Audiencia castigou con penas de cárcere —Diego Montaña (24 anos de cárcere), Kaio Amaral Silva (20 anos e seis meses) e Alejandro Freire (20 anos)–, e avala a tese do fallo de primeira instancia de que o primeiro, que iniciou o linchamento chamando maricón a Samuel, actuou motivado pola súa homofobia.
Nunha sentenza de 75 páxinas datada este xoves e á que tivo acceso Luzes-Público, os tres xuíces do tribunal –José Antonio Varela Agrelo, Fernando Alañón Olmedo e Ángel María Judel Prieto– avalan os argumentos que expuxo a defensa de Alejandro Míguez na vista oral da apelación celebrada o pasado 28 de abril.
O seu avogado, Manuel Ferreiro, recorreu a decisión da Audiencia da Coruña alegando que se vulnerou o dereito á presunción de inocencia do seu defendido porque as probas nas que se fundamentou a súa condena non eran suficientes como para demostrar a súa participación nos feitos.
«Maricón!»
Samuel Luiz foi linchado a patadas e puñadas na madrugada do 3 de xullo de 2022, despois de que Diego Montaña a emprendera a golpes con el ao berro de «maricón!». Segundo a sentenza da Audiencia, secundárono Silva, Míguez e Freire e outros dous mozos que eran menores no momento dos feitos, e que xa foran condenados tras un acordo entre as partes e a Fiscalía.
No caso de Míguez–que ao contrario que varios dos acusados sempre negou que pegara a Samuel–, o xurado considerouno culpable como cómplice do asasinato de porque se enfrontou aos dous cidadáns senegaleses, Ibrahima Diack e Magatte N’Diaye, que trataron de auxiliar o mozo, obstaculizándoos e facilitando que o resto de asasinos puidesen seguir golpeando a vítima.
«Ningunha testemuña presencial viu a Alejandro Míguez golpear, encararse coa vítima, impedir que se lle axudase nin dificultar a súa fuxida»
«Esta Sala, tras unha análise exhaustiva da proba obrante en autos e un amplo debate, comparte a tese do recorrente», din os xuíces, que sosteñen que «ningunha testemuña presencial» das que compareceron na vista oral «viu a Alejandro Míguez golpear, encararse coa vítima, impedir que se lle axudase nin dificultar a súa fuxida».
Os asinantes do fallo engaden que diante desa «ausencia de proba directa», os membros do xurado popular que condenou a Míguez se apoiaron «en probas indiciarias: estaba alí, véselle nas cámaras correr cara ao lugar da agresión e saír despedido, dille a D. V. [un dos menores condenados] que non puido facer nada porque o empurrou un negro, e as cámaras recollen a súa imaxe tras a agresión en compañía de Diego Montaña».
A gravación
Pero ese vídeo, sosteñen os xuíces, «repetidamente reproducido durante o xuízo», só permite ver a Miguez »correndo cara ao lugar da agresión, tentando entrar e saíndo despedido do tumulto, sen que poida volver a apreciarse a súa imaxe ata que levan a vítima os senegaleses, e, posteriormente nas cámaras de vending [un comercio próximo con máquinas expendedoras de refrescos e chucherías], unha vez finalizada a agresión».
«En ningún momento se ve ningunha actuación das apuntadas no veredicto e feitos probados. Tampouco as testemuñas presenciais depoñen sobre unha concreta intervención deste tipo colaborador […] pero a presunción de inocencia non pode destruírse a través desta manifestación, pois iso comportaría reverter a carga da proba. Todo iso leva á Sala para apreciar vulnerada a constitucional presunción de inocencia, ao carecer a condena de base razoable», conclúe o TSXG.

En canto aos outros tres condenados, os xuíces avalan as penas que lles impuxo a Audiencia Provincial da Coruña e os feitos que o xurado considerou probados.
Sobre Diego Montaña, cuxa defensa sostivo que non cometeu asasinato senón homicidio porque na súa actuación, ao seu xuízo, non houbo aleivosía –aproveitarse da indefensión de Samuel ou provocala–, a sentenza lembra o «inesperado» do ataque que emprendeu contra el e a «brutalidade» da agresión. «O relato dos feitos, en consecuencia, é totalmente compatible coa circunstancia de aleivosía, e non adoece de contradicións», sostén o fallo.
Homofobia
O TSXG rexeita así mesmo a pretensión de Montaña de que non se lle aplicase a agravante de discriminción por orientación sexual que elevou a súa pena a preto do máximo contemplado para o asasinato. O tribunal lembra que o condenado non só asaltou a Samuel chamándoo maricón, senón que, segundo varias testemuñas, repetiu a expresión mentres lle pegaba –«Voute matar, maricón!»– e reiterouna posteriormente ao comentar o suceso cos seus amigos –«Quen lle mandaba meterse ao puto maricón?», «Merecíao por maricón!»–.
«Todo iso lévanos a concluír que tiña animadversión cara á homosexualidade», explican os maxistrados
Os xuíces tamén descartan os argumentos de Kaio Amaral Silva, quen tamén alegou que se vulnerou o seu dereito á presunción de inocencia, ao condenalo sen probas por culpa da «presión mediática» á que serían sometidos os membros do xurado pola repercusión do caso durante a instrución e a vista oral.
Durante o xuízo, a principal liña de defensa de Silva foi cuestionar que no vídeo da cámara que gravou os feitos se observase con claridade que pateara a Samuel tras correr cara a el con todos os que o perseguían. «Resulta acreditado non só esa patada inicial, senón que se uniu ao grupo agresor e interveu activamente na persecución», din os maxistrados do TSXG, que descartan a pretensión do condenado de que foi «un mero espectador pasivo» do linchamento de Samuel, a quen, ademais, roubou o móbil para tentar vendelo esa mesma noite.
Alcol e cocaína
En canto a Alejandro Freire, o tribunal tamén tomba a pretensión do seu avogado de que se lle aplicasen varias atenuantes derivadas da suposta alteración psíquica que padecía no momento dos feitos, pola súa adicción ao alcol e á cocaína, que asegurou consumir cos seus amigos en grandes cantidades esas noite, e ao trastorno de déficit de atención por hiperactividade que lle diagnosticou un psiquiatra contratado pola súa familia tras unha visita dunha hora no cárcere.
«O ditame pericial, cuxa defectuosa valoración se alega, elaborouse tres anos despois dos feitos, tras o ditado dos feitos xusticiables, sen que, a longo da instrución se puxera de manifesto tal circunstancia», conclúe a sentenza, contra a que cabe recurso de casación diante o Tribunal Supremo.
A acusación popular: «A homofobia non pode quedar impune»
A Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (Alas) da Coruña, que exerceu a acusación popular no xuízo polo asasinato de Samuel Luiz, manifestou este xoves a súa satisfacción polo feito de que o Tribunal de Xustiza de Galicia (TSXG) considerase probado «que o asasinato de Samuel foi un crime de odio cunha clara motivación homófoba».
«O recoñecemento da LGTBIfobia é un acto de xustiza non só con Samuel senón con todas as persoas que enfrontan violencia por ser quen é»
«Esta resolución reforza a importancia de dar o paso de participar activamente neste procedemento xudicial, fundamental para a defensa dos dereitos da nosa comunidade», asegura Alas nun comunicado, no que lembra que o seu avogado, Mario Pozzo-Citro, puxo de manifesto durante o xuízo como os asasinos lle «leran a pluma a Samuel» e que o percibiran como unha vítima vulnerable.
«A xustiza ratificou de novo que a homofobia non pode quedar impune nin ten cabida na nosa sociedade», lembrou Ana G. Fernández, presidenta do colectivo. «O recoñecemento, de novo, da LGTBIfobia é un acto de xustiza non só con Samuel senón con todas as persoas que enfrontan violencia por ser quen son», engadiu.