A Xunta enviou unha cirurxiá plástica a avaliar o dano psíquico da denunciante de acoso na tele galega

A Coruña.- O Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), que depende da Consellería de Presidencia, Xustiza e Xuventude da Xunta que preside Alfonso Rueda, encargoulle a unha cirurxiá plástica que avaliase os danos psicolóxicos que denunciou a xornalista da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) que se querellou contra a cúpula da empresa por acoso.

O informe que elaborou a facultativa fundamenta parte da decisión da xuíza que instruíu o caso de decretar o seu sobresemento provisional, que a demandante recorreu na a Audiencia Provincial da Coruña.

O 29 de maio de 2023, a maxistrada Ana López-Suevos, titular do xulgado de Instrución Número 1 de Santiago, librou oficio ao Imelga para que o equipo psicosocial do instituto forense autonómico elaborase un informe sobre o estado psíquico da demandante, que pasou preto de catro anos de baixa por incapacidade temporal desde que en 2019 denunciou a campaña de humillacións e descrédito persoal e profesional emprendida pola dirección contra ela.

A xuíza imputou por un presunto delito contra os seus dereitos laborais ao director xeral da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo, e a oito dos directivos e directivas que formaban parte do seu equipo cando sucederon os feitos.

A clinica de estética do expresidente de CRTVG

Más de ano e medio despois, con todo, cando o Imelga contactou coa traballadora para peritar o seu estado emocional, quen a avaliou non foi un dos psiquiatras e psicólogos do equipo psicosocial do instituto, senón a doutora Olaya Martínez López, licenciada en Medicina e Cirurxía, máster en Medicina estética e responsable da unidade de Medicina Estética da Clínica Murillo, un centro privado que ofrece tratamento de cirurxía plástica e reparadora nas súas delegacións de Vigo e Pontevedra.

Dáse a circunstancia de que a Clínica Murillo foi fundada por Diego Murillo Carrasco, expresidente do consello de administración da CRTVG e cuxa filla, Guadalupe Murillo Solís, ocupou un escano no Parlamento de Galicia polo Partido Popular entre 2016 e 2024. O seu irmán, Diego Murillo Solís, é agora o director desa clínica familiar de estética onde traballa a especialista plástica que o Imelga enviou a avaliar o estado psíquico da xornalista da CRTVG.

O dono da Clínica Murillo é un expresidente do consello de administración da CRTVG cuxa filla ocupou un escano no Parlamento de Galicia polo PP entre 2016 e 2024

Luzes-Público tratou sen éxito de contactar coa doutora Olaya Martínez López para interesarse sobre o caso. Tamén se dirixiu á Xunta para coñecer cantos psiquiatras, psicólogos e traballadores sociais forman parte do equipo psicosocial do Imelga; cal foi a razón para escoller para o informe a unha médico non especialista en danos psíquicos; e se é habitual que facultativos non especialistas nunha área medica determinada sexan os que elaboran as peritaxes forenses relacionadas con ela que reclaman os xulgados.

Á hora na que se terminou de redactar este artigo, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Xuventude, da que depende o Imelga e que dirixe Diego Calvo, segundo de Rueda na Xunta, non respondera ás preguntas deste medio.

Circunstancia irregular

Luzes-Público si obtivo o testemuño dun perito xudicial experto en avaliación de riscos laborais e en acoso laboral, que asegura que a elección dunha médico forense non experta en psiquiatría nin en danos emocionais, para avaliar o estado dunha vítima de acoso laboral, é unha circunstancia moi irregular. «Falla a razón de ciencia, o concepto xurídico que obriga a que un perito coñeza a materia que vai avaliar e sobre a que vai pronunciarse», afirma o técnico tras pedir que se garde o seu anonima

Durante a instrución da causa, a xuíza López-Suevos non apreciou a necesidade de chamar a declarar á forense que fixo o informe do Imelga para interrogala sobre as súas conclusións e permitir que puidesen facelo a Fiscalía e as representacións legais da acusación e as defensas. Ademais, rexeitou que comparecese o perito proposto pola demandante, que si apreciou os severos danos psíquicos que tamén diagnosticaran un psiquiatra privado, outro do Servizo Galego de Saúde e o propia médico da CRTVG.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante unha visita á sede do Imelga en Santiago en 2020 / Foto: Xunta

No escrito no que decretou o sobresemento provisional da causa, a xuíza López-Suevos recoñece que a traballadora padece «un malestar psíquivo evidente» e que interiorizou a actuación da dirección «como un agravio e unha persecución». Pero asegura que non advertiu que «esa fustrigación e acoso por parte da empresa» que ela denunciaba presentase indicios da comisión dun delito contra os dereitos dos traballadores por parte de Sánchez Izquierdo e os seus directivos.

«O anterior provocou [á xornalista] sufrimento psíquico, cuxa realidade é innegable tanto polo contido dos relatorios médicos unidos aos autos como pola propia apreciación persoal desta maxistrada durante as dúas declaracións prestadas […], nas que se evidenciaba o seu profundo malestar e mesmo, atreveriámosnos a dicir, sufrimento», explica a xuíza. A pesar de todo, considera que o caso debe ser arquivado.

Sánchez Izquierdo negou coñecer os feitos

Sánchez Izquierdo, quen durante a súa declaración no xulgado como investigado negou coñecer os feitos e derivou calquera responsabilidade aos seus subordinados, dirixe a CRTVG desde que Alberto Núñez Feijóo o designou para o cargo hai case 16 anos, ao pouco de gañar a súa primeira maioría absoluta en 2009.

Durante o seu mandato lidou con centenares de sentenzas condenatorias por vulneración de dereitos fundamentais e laborais –aínda ten pendentes máis dun centenar– e con fallos das xuntas electorais castigando a manipulación informativa en favor do PP.

O pasado 13 de maio, o Grupo Popular no Parlamento de Galicia propuxo a Concha Pombo, directora dos servizos informativos da casa, como substituta de Sánchez Izquierdo á fronte da empresa que xestiona os medios públicos de titularidade autonómica. Rueda poderá designala sen necesidade de acordalo coa oposición grazas á reforma legal que aprobou hai dous meses e que lle permite facer efectivo o nomeamento exclusivamente cos votos do PP.

NOTA

O pasado día 26 de xuño de 2025 ditouse auto por parte da Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña no que se acordaba desestimar o recurso de apelación interposto pola querelante contra o auto ditado polo Xulgado de Instrución Nº1 de Santiago de Compostela que con anterioridade acordara o sobresemento provisional e arquivo da causa.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail