A Coruña.- Camiñar con Ana Miranda (Cuntis, Pontevedra, 1971) pola sede do Parlamento Europeo en Bruxelas é un sufrimento. Párase e párana cada dous por tres as limpadoras, asistentes, funcionarias, eurodeputadas… Leva máis de dúas décadas na capital comunitaria, onde empezou como asistente do primeiro eurodeputado do BNG, Camilo Nogueira, ao que logo sucedeu. Pero custa arrincarlle a confirmación de que, pola súa experiencia, é probablemente una das persoas que mellor coñecen a fontanería, os corredores e a historia recente da institución. «Quen mellor coñecen a Eurocámara non somos os políticos, senón o persoal da limpeza», advirte. «Por sorte son as miñas amigas».
Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago e especializada en Dereito Comunitario polas da Coruña e Lovaina, fala seis idiomas e é a candidata galega da coalición Agora Repúblicas, integrada tamén por ERC, EH Bildu e Ara Més. Eses partidos repártense os tempos dos escanos que obtén a alianza na circunscrición única do Estado que impón o sistema electoral dos comicios europeos. Miranda ocupouno por períodos alternos desde 2009, o último ata o final deste mandato, pero o auxe do Bloque anímaa a pensar que a partir do 9X teráo durante toda a lexislatura 2024-2029.
Vostede defínese no seu currículo como política. Facíao mesmo naquela época da casta, cando ser político ou política non tiña boa imaxe para boa parte da sociedade. Como di Pepe Mujica, ser política é dedicarse ao servizo público. Poñer a ética antes que a estética; o traballo, a entrega e o compromiso antes que o interese propio. Pódese estar dacordo co que eu penso ou non, pero o esforzo e a dedicación está aí. Iso é o que eu vía nos vellos políticos do BNG, como Camilo Nogueira e Xosé Manuel Beiras, e véxoo agora nos novos, como Ana Pontón. Presumo de ser política porque non me aproveito diso. Ao contrario. Estou ao servizo da xente e iso supón poñer ao carón parte da miña vida persoal.
A lenda di que ás listas do Parlamento Europeo van preferentemente os elefantes dos grandes partidos que ocuparon cargos de responsabilidade en España. Iso nótase moito nalgúns eurodeputados e eurodeputadas do PP, e tamén nalgún do PSOE. Parece que só poden dedicarse a un tema, coma se aquilo fose para eles un ministerio en pequeniño. Para nós non é así. Con moito menos persoal e menos tempo de escano, temos que abarcar todas as temáticas e dedicarlles o tempo e o esforzo que precisan, porque todas nos interesan. Pero hai moitos e moitas que non fan o mesmo. É escandaloso ver a exministros, exministras e antigos altos cargos do PP, que por certo volven ser candidatos estas eleccións, asinar a asistencia a unha comisión para cobrar as dietas e marcharse á media hora. Vinlles facelo varias veces porque eu estaba alí. É inmoral. Estamos aquí para servir ao pobo, e se alguén non quere facelo, que corra a lista.
«É escandaloso ver a exministros do PP asinar a asistencia a unha comisión para cobrar as dietas, e marcharse á media hora»
É raro que unha reclamación social en Galicia chegue a Bruxelas sen pasar por vostede. Síntome un pouco o Pepito Grilo de todas as causas. Acabo de atoparme con Fernanda Tabarés, unha xornalista galega [esta entrevista celébrase na Coruña], e me dixo: «Ana Miranda, a porta á que chamar en Bruxelas. En calquera problema, pode axudarte». Non só atendemos causas galegas, senón calquera causa de xusta. Recordo a unha persoa de Colombia que puido saír do cárcere grazas á nosa mediación, as cartas que enviamos a algúns gobernos europeos para avalar a regularización dalgúns dos refuxiados cos que coñecín en Grecia, as vítimas do Alvia… É parte do noso traballo e é gratificante ver que dá resultado. Desde o Parlamento Europeo pódese facer moito por moitas causas. Hai pouco, xunto a Miguel Urban, Diana Riba e outras eurodeputadas, conseguimos que se atopase o corpo de Demba Diambou, un cidadán de Malí que desapareceu no mar e cuxos restos van ser agora repatriados.
Polo Parlamento Europeo pasa boa parte da política continental, estatal, autonómica e local, pero as eleccións europeas adoitan ser as menos concorridas. Elefantes aparte, Como convencería aos electores para que vaian votar o 9X? Pois depende de onde sexa o elector ou a electora, a verdade.
A un galego, por exemplo, como o convencería de que vaia a votar? Diríalle que analice como están as cousas. A sanidade, as comunicacións, o saneamento das rías, a vivenda… Que se pregunte se ten algún familiar ou coñecido mozo que tivese que emigrar. Que pense se quere vivir rodeado de eucaliptos, macroparques eólicos ou celulosas como a de Altri, ou se quere ter denominacións de orixe protexidas, xente dedicada á agricultura, pesca, soberanía alimentaria… Todo iso depende de Europa. Tamén lle diría que se pregunte que pasou con eses sectores e como se xestionaron os fondos europeos. A resposta é que quen os administra non foi un bo xestor. Necesitamos a alguén que nos defenda en Europa, porque se non, moitos temas non sairían adiante. E poño exemplos: o saneamento da ría do Burgo; a verdade sobre o accidente de Angrois; a loita das enfermeiras contra a precariedade; o incumprimento de Galicia coa declaración de zonas protexidas de Rede Natura; o corredor ferroviario atlántico; que exista acceso a Internet en todo o territorio; que non se autoricen parques eólicos de alta envergadura que poden acabar co noso patrimonio natural… En moitos eses asuntos Europa prestou atención a Galicia grazas ao BNG. Ademais, a ese elector diríalle que pense na paz, que tamén é unha causa galega.
«Europa prestou atención a Galicia en moitos asuntos grazas ao BNG»
E a un votante doutros territorios do Estado? Que fun unha das eurodeputadas que máis causas defendeu na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, moitas delas doutras partes do Estado: Doñana, o metro de Madrid, o metro de Valencia, a iniciativa cidadá sobre os pesticidas e a apicultura, a manipulación nos medios públicos como TVE, TV3 e TVG, as preferentes, os desafiuzamentos, temas ambientais… Fomos un amplificador desas causas. Son vicepresidenta desa Comisión e aspiro a estar de novo nela, entre outras cousas para impedir que sexa manipulada como o foi pola actual presidenta, Dolors Montserrat. Destruíu o modelo de convivencia que había na Comisión. A ese elector español diríalle que temos que frear á dereita e á ultradereita. Se alguén quere votar nestas eleccións á esquerda para defender as causas nas que cre, aínda que non sexa galego ou galega, o BNG demostrou que tamén sabe defender a outros pobos e a outros territorios. Cando lle dixen no pleno a Christine Lagarde, a presidenta do Banco Central Europeo, que estaba a construír unha fábrica de pobres polas subidas do euribor, dirixíame a un galego do barrio de Monte Alto, na Coruña, ou do Calvario, en Vigo, pero tamén a calquera cidadán ou cidadá de Xaén ou de Estremadura.
As enquisas auguran un crecemento da ultradereita europea. Onte [polo luns] estiven nun mitin en Monforte de Lemos ao que viñeron dúas mozas danesas. Díxenlles que tiñan que votar a algún dos partidos da esquerda do seu país, que non podemos deixar que o ultradereita avance. Nós somos un freo a iso. Como fixemos co Pazo de Meirás, temos que liberar a Europa do fascismo e do neofascismo, desa ultradereita en auxe grazas á dereita que a branquea. Vímolo a pasada lexislatura con Dolors Montserrat e Antonio López Istúriz, do PP, quen, con outros flamantes eurodeputados de Cidadáns que agora se pasan a ese partido, como Adrián Vázquez, sentan e posiciónanse con Vox. Cando veu Pedro Sánchez a Estrasburgo sentaron todos con Vox, e a min insultáronme porque falei en galego-portugués: «Fala castelán, que é a túa lingua», berrábanme. Oe, perdoa, teño seis linguas na miña vida. A primeira é o galego, a lingua da miña nai e do meu pai, xunto ao castelán, no que me eduquei no colexio. Pero falo outras linguas e todas son benvidas. Por que teñen que insultarme? A min e a outras eurodeputadas de esquerda, como Miguel [Urban], Diana [Riba], Idioia [Villanueva]… Os eurodeputados de Vox como Jorge Buxadé ou Herman Tertsch son unha auténtica ameaza para a democracia. Son antifeministas, racistas, homófobos, contrarios ás clases traballadoras, negan o cambio climático… Eu son a antítese de Tertsch e Buxadé. Eles nunca foron a un campo de refuxiados, eu fun a catro; non foron a Rafáh, como fixen eu en pleno xenocidio…
«O lobby sionista paséase libremente polo Parlamento Europeo grazas a Antonio López Istúriz, neno consentido de Aznar»
Que pensa da posición da UE con respecto a Palestina? Hai algunha posibilidade de frear esa barbarie? A cacofonía que houbo na Comisión Europea é bastante significativa. Pero o peor é a hipocrisía, porque a UE ten a capacidade e o poder suficientes para, se quixese, frear o que está a facer Israel. O primeiro é romper relacións diplomáticas e expulsar aos embaixadores, porque o que se está executando en Gaza é un xenocidio. Pero non o fan, e nin sequera se impuxeron sancións, nin medida diplomática algunha cando expulsaron do país a eurodeputados, como me sucedeu a min. Non quero personificalo, non me entenda mal, é un problema minúsculo comparado co sufrimento diario de calquera palestino. Pero dá mostra desa hipocrisía. O lobby sionista paséase libremente polo Parlamento Europeo grazas a Antonio López Istúriz, neno consentido de Aznar e presidente da delegación da Eurocámara para Israel. Eu estou nesa delegación e tamén na de Palestina, e aos membros desta última, que o único que reclamamos é o cumprimento dos dereitos humanos, que non se mate a nenos, que non bombardeen hospitais, que a axencia para os refuxiados da ONU non sexa boicoteada, o lobby sionista insúltanos nas redes sociais sen que ninguén lles amoeste sequera. Pedimos un minuto de silencio do pleno polas vítimas en Palestina e a presidenta, Roberta Metsola, do Partido Popular Europeo, rexeitouno. Aceptan minutos de silencio polas vítimas de Israel, as de tráfico, as das riadas en Bélxica, as das matanzas do Congo… Pero non polas vítimas palestinas. A esas non só non as defendemos, senón que as castigamos. É unha absoluta hipocrisía.
Volvendo ao da ultradereita europea, que risco corre o proxecto da UE se segue avanzando? Fun relatora da resolución de 2018 sobre o auxe do neofascismo en Europa , e xa entón diciamos que viña unha Europa encabronada, un eurocinismo cómplice coa guerra e alleo ás políticas de paz, de novo a Europa da austeridade e os recortes… Temos que darlle a volta, por iso son importantes estas eleccións.
Cre que o mal resultado de ERC nas autonómicas catalás pode repetirse nas europeas e afectar a toda a coalición de Agora Repúblicas? O BNG está nun momento de crecemento e creo que imos sacar un escano. O noso resultado depende só de nós. Cuantos máis votos teñamos en Galicia, máis representación terá o país. Imos sacar escano propio, como sucedeu con Camilo Nogueira en 1999. Estamos nesa situación óptima que tamén se deu en febreiro nas autonómicas. O nacionalismo galego está a avanzar, e ademais con unanimidade, agora con Anova, á que quero agradecer a súa xenerosidade. Este país necesita unha representante propia, moita xente sabe que se ten que acudir á Unión Europea, chamando á porta do BNG sempre vai obter unha resposta. Como me dixo recentemente Pepe Mujica cando estiven en Uruguai, non é só un escano para Galicia, é un escano das causas xustas da Humanidade.