O rock psicodélico californiano tivo elementos galegos, e concretamente das Mariñas coruñesas. O fundador de Grateful Dead, Jerry García, era fillo dun sadense e o artista que creou a potente imaxinería gráfica dese movemento cultural, Víctor Moscoso, é natural de Oleiros.
Moscoso Cosmos: O universo visual de Victor Moscoso trouxo ao noso país na Fundación Luís Seoane da Coruña, unha ampla selección do traballo dun dos deseñadores gráficos máis orixinais e influentes do século pasado e a maior exposición retrospectiva do autor até hoxe. Nela tamén se recollen os catorce números da revista underground Zap Comix, editada ao longo de corenta anos con artistas como Robert Crumb ou Rick Griffin, xunto con carteis, cubertas de discos, cómics e ilustracións co seu selo persoal.
A biografía de Victor Moscoso dá para unha novela. Naceu en Oleiros (A Coruña) o 28 de xullo de 1936, xusto dez días despois do golpe de Estado militar que deu comezo á longa noite da ditadura. Poucas datas provocan unha sensación tan desacougante, inzada dun ferinte sentimento de pesar; unha dor que figura agromar aínda no tempo. A familia viaxa pouco despois cara aos Estados Unidos, cando o artista tiña apenas tres anos e medio de idade. Victor Moscoso é fillo da diáspora galega do 36.
En Galicia temos unha contraimaxe que conxura a dramática fenda que representa a doente tatuaxe do 36. Cómpre poñer esa cifra (ateigada de loito) reflectida no espello da esperanza. Contra o 63 ten lugar unha revolución entre nós e tamén no resto do mundo. Nace o Laboratorio de Formas por iniciativa de Isaac Díaz Pardo e mais Luis Seoane, a Editorial Galaxia… Xorden nese tempo aventuras de resistencia tamén polo mundo adiante. Os anos 60 son tempos de liberdade. A marabilla viva da solidariedade humana onde os soños figuran tomar corpo decontado. Unha mensaxe de felicidade percorre daquela o mundo enteiro na procura dun reencontro aberto coa natureza.
Nesta paisaxe cultural e social é onde vai desenvolver a súa proposta Victor Moscoso, despois dos estudos de formación e múltiples traballos de supervivencia. Foi discípulo do grande artista Josef Albers, teórico da interacción da cor e creador dunha singular xeira de «homenaxe ao cadrado». Talvez a viaxe da cor, o vaivén cromático, os efectos dinámicos vinculados aos litixios fronteirizos das gamas de cor contrastada foi o que aprendeu de Albers, recoñecido artista da Bauhaus que chegaría aos Estados Unidos fuxindo do nazismo.

Victor Moscoso tivo unha intensa actividade na primeira liña do movemento contracultural dos anos 60 nos EUA. Marchou cara a California detrás da pegada de Kerouac pola Costa Oeste. Fixo o seu camiño iniciático ata as beiras. Foi o gran mestre da iconografía psicodélica no eido musical, creador dunha longa ringleira de pósters que representan o mellor deseño gráfico da época. A era dos anos 60 co seu resoar aínda vibrante inzado dun pouso da rebeldía beat. A inconfundíbel sinatura Moscoso aparece nos míticos pósters de grupos coma The Doors, The Who, Grateful Dead… ou Janis Joplin. Fixo así mesmo o cartaz dalgúns dos grandes recitais colectivos do movemento integrado por poetas coma Gregory Corso ou Allen Ginsberg, quen lanzou unha ladaíña co seu memorábel berro-aturuxo: «Howl!».
Vén despois a súa decisiva aportación ao comix underground, xunto ao gran referente Robert Crumb. Amigo de R. Crumb co que ía facer a revolta do comix a través de revistas como Zap. O debuxante de orixe galega traballa con sorprendente orixinalidade, ten un debuxo vivo e provocador, unha radicalidade inédita aboia nesas áxiles viñetas. Nas bandas deseñadas vai facer unha parodia de coñecidas personaxes dos debuxos animados da factoría Disney. Traducindo as populares personaxes a uns grafismos dinámicos feitos cunha maxistral espontaneidade e irreverencia. Unha metamorfose transgresora onde o debuxo é unha ferramenta precisa que fala de formas ceibes nun vibrante vitalismo organicista de rechamante calidade artística.
Victor Moscoso ten hoxe 85 anos e vive en San Francisco. Poucos coñecen este dato: un neno galego transterrado aos EUA ía ser na súa xuventude o creador da iconografía psicodélica nos carteis dos recitais da nova música nos 60 cunha ornamentación engaiolante que mergullou a toda unha xeración no ideario visual da época. Feitizo visual (polícromo magma multiforme) reverberación de cores en ritmos cósmicos no entrelazo cinético dos corpos.
Ondadas de felicidade á procura de novas sensacións perceptivas. Erotismo suxestivo nun tecido ornamental amoreado. Un océano de felicidade nas reverberacións dunha utopía comunitaria. A irmandade dos seres humanos nunha coexistencia pacífica integrada coa natureza. O fondo iconográfico daquela revolución cultural tivo en Victor Moscoso un dos meirandes protagonistas. Chegou mesmo crear unha tipografía propia (feita toda de curvas) que expresa o espírito da época. Contemplamos centos de veces aquela sedutora produción gráfica, mais descoñecendo a orixe do seu autor. Os debuxos satíricos dun seu cómic vertixinoso nos 70, estilizado a relampos e inzado de enerxía visual. Hai un resoar do simbolismo e do ritmo recorrente do entrelazo, actualizado cara a un programa estético á procura da ampliación da conciencia. Inestabilidade óptica nun enfrontamento de cores imposibles. Curtocircuíto no ollo asediado pola guerra de cores complementarias. A mirada figura non ser quen de captar a simultaneidade óptica chea de rexistros antagónicos, mais fica logo unha harmónica sensación de paz, de pracenteiro soño sereno, como se fixeramos a descuberta de capas descoñecidas da conciencia deica un nirvana de cores oníricas.
Baudelaire situaba no hipnótico remuíño do calidoscopio (baile combinatorio dos vidros crebados) o emblema da modernidade fluída. Transparencia sedutora dunha luz multiforme a xirar. Aldous Huxley abría as «portas da percepción» a novas experiencias a través do escintileo ao ollo, o feitizo dos ritmos visuais e brillos duns materiais engaiolantes.
A proposta de Moscoso nace dun bo oficio, coñecemento das técnicas gráficas, un bo saber artesanal. Depurada linguaxe das formas que propoñen unha viaxe, un senlleiro trip óptico, un loop visual onde o engado ao ollo é o eixo dun itinerario cara a eidos afastados da conciencia, paraísos agochados dentro de nós mesmos. Henri Michaux ten expresado con lucidez estas experiencias visuais onde a dimensión óptica e háptica esváense na realidade do soño.
Moscoso é un dotado xerador de traballos gráficos, un debuxante creador dalgún dos carteis lendarios daquela poética próxima á sensibilidade hippie. Colaborou coas mellores revistas, que tiñan unha grande irradiación, propoñendo unha cultura alternativa, baseada no ideario da solidariedade e apoio mutuo. Unha comunidade anovada polo impulso das xeracións mozas que dende distintas canles ofrecían unha opción liberadora, coa esperanza na revolta do pacifismo, nun excedente de enerxía hedonista e no saudábel impulso ecolóxico.
Alén do ser humano unidimensional apreixado na «reixa de ferro», sempre a camiñar polo carreiro correcto, seguindo a análise certeira de Marcuse e da Escola de Frankfurt da primeira época, esta nova cultura propón unha indómita espontaneidade vital. Os referentes de Moscoso están no modernismo, na radiografía da liña nun debuxo poderiamos dicir caligráfico, no simbolismo feminino, na ollada cara á reinterpretación da natureza que agroma nunha sensibilidade reinventada do romanticismo. Os seus ritmos envolventes postulan unha mutación, daquela o urdido ornamental é promesse de bonheur, viaxe iniciática cara a capas descoñecidas da propia mente liberada no sentimento expandido.
Mergullados hoxe no desencanto programado, cataclismo moral da hiperrealidade cínica, coa ringleira de privatizacións onde está secuestrada a verba «esperanza», axexamos na ollada retrospectiva unha revolta dos sentidos, universo retroprogresivo dunha anhelada utopía posíbel. Osíxeno de liberdade, fraternidade que figura nacer da enerxía do afecto, na expresión dos sentimentos, no traballo artesanal a carón da materia, na reciclaxe sostíbel. A esculcar no mundo das cousas, no relevo da experiencia próxima, nas relacións de alteridade e pertenza a un hábitat común da humanidade.
Entre nós talvez só Reimundo Patiño coñeceu en profundidade o movemento beatnik no eido das artes visuais, a convulsión da action painting e mais do comix underground. O gran pioneiro do cómic galego foi autor dunha peza central: O home que falaba Vegliota. Sabía dabondo da contracultura, da psicodelia, do cómic experimental e da ciencia ficción. Herdeiro da heterodoxia dadá e da virulencia radical «situacionista». Comparten as propostas de Victor Moscoso e Reimundo Patiño as cores eléctricas e un mesmo desexo de transformar o mundo.
*Moscoso Cosmos: o universo visual de Victor Moscoso. Coprodución da Fundación Luis Seoane da Coruña, o MUSAC de León e o Centro Niemeyer de Avilés, coa colaboración de Acción Cultural Española (AC/E) e Gadis. Ata o 10 de outubro na Fundación Luis Seoane da Coruña.