As traballadoras de atención domiciliaria, contra a precariedade e as privatizacións

Centenares de persoas maniféstanse en Chantada (Lugo) para reclamar condicións laborais dignas e a readmisión de dúas compañeiras despedidas por unha empresa de Florentino Pérez á que o Concello desa localidade subcontratou o servizo

 

A Coruña.- As traballadoras galegas dos servizos de atención no fogar (SAF), manifestáronse este sábado na localidade lucense de Chantada reclamando condicións laborais dignas así como a readmisión das súas compañeiras despedidas pola empresas á que o Concello, gobernado polo PP, subcontratou a prestación desas tarefas. Nos últimos meses, varios gobernos locais da comunidade anunciaron a súa intención de emprender accións similares.

As traballadoras denuncian que a privatización só persegue o lucro dos propietarios das compañías beneficiarias das mesmas, mediante a redución dos seus salarios e o correspondente aumento das marxes de beneficio daquelas, nun sector que só se desenvolve e nutre de ingresos mediante os servizos que están obrigadas a prestar as administracións públicas locais e cuxa competencia, en último termo, corresponde á Xunta de Galicia.

«Os incumprimentos do convenio que padecemos son totais e absolutos», denuncia Rita Gallego, fundadora da Plataforma Servizo de Atención no Fogar SAF Galicia e portavoz do colectivo. Gallego explica que tras a aprobación da Lei de Dependencia no ano 2006, e coa chegada de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta no 2009, o Goberno galego foi impulsando a privatización dos servizos de atención domiciliaria, do mesmo xeito que sucedeu coas residencias de maiores.

Os beneficiarios dese proceso privatizador serían empresas como Clece, a filial de ACS, a construtora presidida por Florentino Pérez, e como ServiSar, plataforma de servizos sociais do grupo Domusvi, en cuxas residencias en Galicia faleceron centenares de persoas durante a epidemia de Covid-19 -máis de 2.000 en todas as que ten en España, segundo algúns cálculos- e cuxa xestión da crise sanitaria foi duramente cuestionada e criticada pola oposición galega, que responsabiliza directamente á súa conselleira delegada en Galicia, Josefina Fernández, a quen relaciona coa contorna afectiva do presidente da Xunta e do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.

Segundo explica Gallego, as traballadoras dos servizos de atención a domicilio, maioritariamente mulleres e a quen se esixe unha titulación específica para desenvolver o seu traballo, enfróntanse a unha situación de precariedade e explotación inadmisibles. Non chegan ao salario mínimo interprofesional porque traballan «por peonadas» polas que apenas ingresan entre 5 e 6 euros brutos por hora; non se lles abonan os gastos de desprazamento cando teñen que moverse dun domicilio a outro; non se lles proporcionan os medios necesarios para desenvolver un traballo moi físico do que non poden xubilarse ata os 67 anos e que non conta con catálogo de enfermidades profesionais a pesar de que adoita provocar numerosos problemas músculoesqueléticos…

Outra imaxe da manifestación de onte en Chantada / Foto: SAF Galicia

«Nin sequera podemos coller unha baixa por Covid-19 que se entenda como enfermidade laboral, a pesar de que somos persoal sociosanitario e o segundo colectivo máis afectado pola epidemia», sinala a voceira, quen advirte ademais de que se trata dun sector cunha enorme incidencia de casos de acoso sexual para os que non contan nin con procolos nin coa axuda ou apoio das súas empresas.

Aínda por riba, as traballadoras están a ver aínda máis constrinxidas as súas condicións laborais cando os concellos para os que traballan subcontratan a prestación do servizo e entréganlla a empresas privadas, que non tardan en despedilas se ven que con iso poden reducir custos e, así, gañar máis diñeiro.

É o caso de Ángeles Poyán, unha das despedidas en Chantada. Primeiro traballou en precario durante anos para o Concello, ata que tivo que recorrer aos tribunais para que unha sentenza xudicial declarase que era traballadora indefinida. Pouco despois daquilo, o alcalde decidiu privatizar o servizo e subrogalas, a ela e ás súas compañeiras, a Samaín Servicios, unha filial creada ex profeso para Galicia por Clece, a firma de Florentino Pérez.

«O alcalde [Manuel Lorenzo,] vendeunos a moto de que iamos estar mellor, pero era mentira», explica Ángeles. Ela e as súas compañeiras, que cobran un salario neto que non chega aos mil euros mensuais, convocaron unha folga para tratar de evitar a privatización, pero a Xunta de Galicia saíu en auxilio do alcalde e de Samaín Servizos para establecer uns servizos mínimos do 96%.

Non é a primeira vez que o Goberno de Feijóo ve como a xustiza o condena por ditar servizos mínimos desproporcionados para actividades que dependen da súa competencia e cuxos traballadores convocan paros. Pero o certo é que segue facéndoo consciente de que esa condena é meramente verbal, e de que, máis aló dunha nota na prensa local, compénsalle ese mínimo prezo porque logra o fin que persegue: impedir que as traballadoras exerzan o seu dereito á folga de acordo ás condicións que establece a lei.

Pouco antes de que entrase en vigor a subrogación desde o Concello de Chantada a Samaín Servizos, Ángeles sufriu un accidente doméstico que lle provocou unha lesión traumatológica que lle impedía moverse. Sufragou un tratamento acelerado do seu peto porque non lle facía graza empezar así coa nova empresa e quería empezar a traballar canto antes, pero a principios do pasado mes de marzo a compañía envioulle un burofax anunciándolle que a despedía supostamente porque o seu «rendemento» baixara.

Concentración diante do Concello de Chantada o pasado 5 de marzo / Foto: CIG

Samaín alega algo imposible, xa que ela atopábase formalmente de baixa desde antes de que a subrogación fose efectiva. «Nin a empresa nin a súa mutua preocupáronse nunca por como estaba nin polo que me pasaba», conta Ángeles. Pouco despois, unha compañeira súa foi despedida de igual forma e por idéntico motivo. Aínda que, no seu caso, atopábase de baixa por un accidente laboral, a empresa tamén decidiu prescindir dela.

«Ademais de irregular e de constituír como mínimo motivo de improcedencia, esa actuación é unha medida para amedrentar ao resto do persoal, evitar que colla baixas e escarmentar a quen se atreva a reivindicar os seus dereitos», asegura a Confederación Intersindical Galega (CIG) nunha nota de prensa. O sindicato cualifica o proceso de privatización como «unha sucesión de despropósitos, ata o punto de que a subrogación do persoal fíxose sen ningún tipo de garantía nin para as traballadoras nin para a prestación do servizo».

O deputado de Unidas Podemos pola Coruña Antón Gómez Reino, presidente da Comisión de Traballo, Inclusión, Servizos Sociais e Migracións do Congreso das Deputadas, acaba de enviar unha carta ao alcalde de Chantada e á conselleira de Política Social da Xunta, Fabiola García, na que lles advirte de que os despedimentos das dúas traballadoras realizáronse «en circunstancias que poden supoñer unha vulneración dos seus dereitos laborais».

«Aos presuntos incumprimentos das condicións do convenio por parte da empresa, temos que sumarlle un exceso nas rotacións do persoal que inflúe na temporalidade, parcialidade e precarización do traballo, o que provoca en moitos casos a deterioración da saúde e a aparición de patoloxías derivadas das condicións laborais», sinala o deputado, quen engade que estas son «cuestións que repercuten non só nas vidas das traballadoras, senón que tamén afectan á calidade da atención que reciben as persoas en situación de vulernabilidade cuxo benestar depende deste servizo».

Poucos días despois deses despedimentos, a coneslleiera de Política Social de Feijóo, Fabiola García, encomiou o labor das traballadoras dos servizos de atención a domicilio durante a crise sanitaria nun acto convocado para homenaxealas no municipio pontevedrés de Mos, gobernado tamén polo PP. Pero non se referiu ás demandas expostas polo colectivo.

Tras a concentración de hoxe, as traballadoras, ao redor de 5.000 en toda a comunidade segundo a plataforma que defende os seus dereitos, manifestaranse de novo a semana que vén en Ourense.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail