Que foi da institucionalidade?

O 15 de maio de 2011, rúas e prazas foron recuperadas por unha multitude que vindicaba unha «democracia real xa!». O desbordamento do Réxime do 78 pasaba de ser unha aspiración radical a ser ben visto por unha maioría social. Durante os trinta anos que seguiran á consolidación do réxime foramos minoría quen ligabamos a resolución dos principais problemas sociais á necesidade de institucións máis democráticas do que se puido acadar nos anos da instauración (1978-1981).

Para toda unha xeración que nos incorporamos á política xa a mediados os oitenta (principalmente desde a renovación dos movementos estudantil, pacifista, feminista, ecoloxista, etc.), non abondaba coa prédica autosatisfeita das elites emerxentes do 82. O discurso do establishment a miúdo destilaba un forte narcisismo xeracional, inzábase de razón cínica e cultivaba unha certa mitomanía no relativo ao antifranquismo. Ao mesmo tempo que impostaba unha memoria de loita contra a ditadura, abrazaba sen pudor as teses neoliberais que chegaban con Thatcher e Reagan.

Os efectos da disociación entre a constitución formal do réxime e a material da sociedade nas décadas que seguiron foi medrando ata estoupar na crise financieira global de 2008. Tanto o 15-M coma o procés deron expresión á contenda política desde a acción colectiva disruptiva. Os movementos desbordaron as rúas. E, porén, o éxito mobilizador rematou colapsando, aínda que por distintos motivos.

Aconteceu así que o que nun primeiro momento (2011-2017) semellaba imparábel rematou por se consumir nos seus propios límites (2017-2024). E se ben o esgotamento do procesismo só era cousa de tempo pola súa inviabilidade intrínseca, o colapso da «Nova Política» foi máis un erro propio ao desatender, e mesmo desnaturalizar, o impulso constituínte do que obtiña o seu dinamismo. Unha e outra cousa salvaron o réxime no primeiro round da contenda, mesmo se non tiña por que rematar así nin por que ser o resultado definitivo.

Cando hoxe miramos atrás no tempo sorprende un dobre feito: por unha banda, a falta de previsión ante a inevitábel colisión que se ía producir coa entrada nas institucións representativas; pola outra, a pronta renuncia a afondar nunha institucionalidade máis democrática. No primeiro caso, probouse que o éxito electoral da estratexia populista non tiña percorrido nun réxime parlamentario. A ficción mediático-electoral entre as xerais de 2015 e a súa repetición de 2016 induciu a erros tan definitivos como non deixar gobernar a Sánchez co apoio de Ciudadanos. O réxime do 78 non era un presidencialismo latinoamericano e o apoio destituínte priorizaba botar a Rajoy por riba de unir a «esquerda da esquerda». Senllos factores combinados supuxeron un erro irreversíbel.

Visto en perspectiva, porén, o erro a máis longo prazo foi abandonar a procura doutra institucionalidade, unha máis democrática. Entre o lanzamento de Podemos en 2014 e a asemblea Vistalegre II tivo lugar un tempo de experimentación crítica co modelo tradicional de partido. Inspirándose no 15-M, plasmáronse en distintos documentos, organizacións e confluencias toda unha serie de prácticas instituíntes que prometían primarias abertas, con garantías e sen inxerencias; limitación de cargos e mandatos; topes salariais, doazóns e transparencia; mecanismos para o rendemento de contas, a non profesionalización da política e un longo etcétera. Por que foi abandonado todo aquilo?

Nas últimas semanas, os herdeiros daquel momento de ruptura democrática, Sumar e Podemos, celebraron as súas asambleas. Nun momento en que as rúas volven ser espazos de repolitización e contenda que incorporan toda unha xeración de activistas (Altri, Palestina, a Dina de Valéncia, a universidade, etc.), o centripetismo institucional absorbe todos os esforzos sen que unha institucionalidade emende o devir de todos estes anos. Onde non hai tanto moraba un intenso e fértil dinamismo político, hoxe quedan formas baleiras nas que só resoan ecos.

No último ano o contexto político está a experimentar un preocupante desprazamento á dereita que non se pode desligar dunha tendencia europea e global; reforzada agora pola segunda presidencia Trump. O caso alemán, coa fin dun bipartidismo moderado de 76 anos, é o máis ilustrativo, aínda que non o único. Nas últimas europeas o sistema de partidos notou un desprazamento xeral á ultradereita que no caso do Reino de España supuxo o triunfo de PP e Vox.

Desde o 23-X o bipartidismo do 78 invertiu a tendencia á recuperación que viña amosando desde 2018 grazas ao labor de Pedro Sánchez. Do 64,8% das xerais confirmou o descenso ao 58,7% no CIS de marzo. Namentres, Vox volve superar ese 15% (ata un 17,1% cos de Alvise) que tan determinante pode ser na tradución dos resultados en escanos. Sen recuperar a xenealoxía que vai do 15-M a Podemos, e reabrir o horizonte político retomando a institucionalidade esquecida polo camiño, o resultado de 2027 xa é hoxe a crónica dunha derrota anunciada.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail