A oposición a Altri recada 20.000 euros en tres días para financiar a vía xudicial contra a celulosa

A Coruña.– A Plataforma Ulloa Viva, que encabeza xunto á Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (Pedra) a contestación cívica á macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, logrou recadar máis de 20.000 euros en tres días mediante un crowdfunding destinado a obter fondos para financiar as accións legais contra o proxecto.

A campaña iniciouse o pasado domingo a través da plataforma Goteo, especializada en viabilizar proxectos de transformación social e de economía cooperativa e solidaria. O obxectivo de Ulloa Viva, que conta con máis de 1.500 asociadas, é lograr 107.000 euros para afrontar os gastos dos recursos administrativos e xudiciais contra as resolucións favorables á planta. A Xunta de Alfonso Rueda xa fixo público estudo de impacto ambiental e prevé aprobar nos próximos meses a solicitude de autorización ambiental integrada.

Á hora na que se terminou de redactar este artigo, a plataforma xa conseguira 20.734 euros. As normas de Goteo establecen que a campaña debe obter un mínimo de 70.000 euros nos seus primeiros 40 días. De non ser así, pecharíase e devolveríanse os cartos ás persoas que xa os achegaran.

«Xa completamos a etapa de informar con datos certos á cidadanía e alertala sobre o impacto económico, social e ambiental que tería a planta de celulosa», explica Adrián Gallero, membro da plataforma. «Agora temos que preparar a vía administrativa e xudicial, sabemos que será cara e necesitamos diñeiro para afrontala», sinala o portavoz. A cantidade que propuxeron é unha estimación dos gastos que supoñerán os equipos xurídicos e os informes periciais que prevén achegar ás causas que poidan abrirse.

A celulosa máis grande de Europa

Os responsables do crowdfunding detallan que Altri pretende levantar a súa factoría, que sería a máis grande de Europa e a cuarta do mundo tras as de Durban (Sudáfrica), Valdivia (Chile) e Lenzing (Brasil), en terreos lindeiros co Camiño de Santiago e cunha área protexida de Rede Natura.

A planta vertería ao río Ulla 30 millóns de litros diarios de augas depuradas pero aínda contaminadas, tras extraer do seu leito 46 millóns de litros, unha cantidade equivalente ao consumo humano de toda a provincia de Lugo.

«Completamos a etapa de alertar a cidadanía sobre o impacto que tería a planta e agora temos que preparar a vía administrativa e xudicial»

A multinacional papeleira portuguesa, asociada á compañía galega de renovables Greenalia e tamén a Abanca, Reganosa e Naturgy a través dunha sociedade mixta participada pola Xunta, prevé consumir preto de 1,2 millóns de metros cúbicos anuais de eucaliptos, fomentando o cultivo dunha especie invasora que xa devorou boa parte do bosque autóctono de Galicia.

Ademais, a fábrica emitiría cada día á atmosfera máis de 8.700 quilos de cinzas e gases perigosos, entre eles dióxido de carbono, principal responsable do quecemento do planeta e do cambio climático.

Máis de 200 millóns de diñeiro púboico

Altri , que pretende obter máis de 200 millóns de euros en axudas públicas estatais e europeas –entre o 20% e o 25% dos máis de mil millóns que planea investir en Palas–, e que advertiu que non seguirá adiante se non os obtén, defende o seu proxecto apelando ao impacto positivo que tería sobre a zona, creando 500 empregos directos e uns 2.500 indirectos.

Os seus opositores, por contra, alegan que A Ulloa xa dispón dunha economía diversificada e modernizada vinculada á natureza e a produción agraria, cunha taxa de paro que rolda o 5% e con máis de 5.000 granxas, a maioría familiares e que xeran moitos máis postos de traballo, só nun radio de 30 quilómetros ao redor da localización proxectada para a fábrica.

No crowdfunding de Goteo, ao que se pode acceder nesta ligazón, Ulloa Viva ofrece a posibilidade de doar cantidades de entre 10 e 2.000, con recompensas que van desde o agradecemento nominal na súa páxina web, carteis, chapas, camisetas e bandeiras conmemorativas, ata a participación gratuíta en roteiros conmemorativos e talleres de artesanía, degustacións e invitacións de ata catro persoas ás foliadas que organiza periodicamente a plataforma.

Na web de Goteo facilítase ademais un simulador que permite calcular a desgravación fiscal que aplica polas doazóns a Axencia Tributaria no imposto sobre a renda, e que van desde os oito euros por unha achega de dez ata os 900 euros por outra de 2.000.

Protestas pola contaminación no Ulla

A Plataforma Ulloa Viva, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace convocaron unha concentración para o próximo 8 de maio ás sete da tarde fronte ao Congreso dos Deputados para protestar contra o proxecto de Altri en Lugo e para reclamar que nin o Estado nin a UE a financien con diñeiro público.

Doutra banda, as asociacións cívicas que se opoñen á reapertura da mina de Touro, cuxos vertidos tamén contaminaron o río Ulla, tamén convocaron actos esta fin de semana para protestar contra o plan da Xunta para aprobar a reapertura da explotación.

O domingo 4 de maio organizaron un descenso polo río en embarcacións de rafting desde Padrón e unha concentración posterior na mesma localidade.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail