Suso Vamonde. A canción libre e comprometida dun pobo

Vénse de publicar a biografía Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo (Galaxia, 2022), repasando a vida dun artista que hoxe reivindicamos como unha das figuras máis relevantes da música galega. El sempre creu no país da utopía, loitou sempre pola defensa dun pobo, dunha terra e dunha lingua. Loitou por mudar o mundo que lle tocou vivir -aqueles tempos da ditadura e de Voces Ceibes-. El foi un dos primeiros cantautores que se achegaron á poesía galega, musicando poemas dos poetas da terra; dos primeiros en facer discos en galego para nenas e nenos, e tamén foi un gran recuperador da nosa música popular, rescatando a música das tabernas, participando nos inicios de A Roda. O compromiso de Suso foi moi alto, e iso levouno incluso a sacrificar a súa liberdade persoal e a ter que vivir no exilio político. Nuns tempos en que palabras como «xustiza», «progreso» e «liberdade» escaseaban e os valores de Galicia intentaban ser anulados, Suso Vaamonde erixiuse coma o bardo que o país precisaba.

A súa carreira, e dende logo tamén a súa vida, queda marcada polo acontecido o 3 de xuño de 1979 na Praza da Ferrería de Pontevedra nun recital antinuclear no que participa. Mentres cantaba Uah!, acúsano de engadir a estrofa: «Cando me falan de España / sempre teño unha disputa / que se España é miña nai / eu son un fillo de…». Entre o público había un tenente do exército, salmantino e militante de Fuerza Nueva, que o denuncia. En novembro de 1980 recibe a sentenza: seis anos e un día de prisión por «inxurias á Patria con publicidade», converténdose no primeiro artista condenado por censura na democracia.

Suso decide que o exilio é a mellor solución. Trasládase a Londres, Alemaña… asentándose finalmente en Venezuela, en Caracas. Decide volver a Galicia en 1984 e entregarse, esperando que o goberno socialista deixase a un lado a condena. Permanece corenta e seis días na prisión de Ourense ata que recibe o indulto. Nesta decisión inflúen as presións do senador socialista Xaime Barreiro, antigo compañeiro en Voces Ceibes. Unha mágoa que este feito eclipse en certo modo todo o que Suso fixo pola música, a cultura e o idioma. Por iso é necesario reivindicar a súa figura e afondar na súa obra. Logo veu o seu traballo para Edicións do Cumio, impulsando o gran recompilatorio do bravú, Unión Bravú (Edicións do Cumio, 1996). Tamén desenvolve o seu propio selo discográfico, Trebón, co que promociona a súa música e a de outros artistas galegos.

A enfermidade, un cancro, frea unha carreira intensa e longa. O 16 de febreiro do 2000 falecía na Clínica Fátima de Vigo. Tres días despois, as súas cinzas eran lanzadas ao río Oitavén ao seu paso por Regodobargo. Antes, concretamente o 12 de novembro de 1999, recibe unha multitudinaria homenaxe en Salvaterra de Miño, nun acto celebrado pola Sociedade Cultural e Recreativa do Condado: máis de 3.000 persoas e artistas como A Quenlla, Muxicas, Bieito Romero (Luar na Lubre), Emilio Cao, Uxía Senlle, Tino Baz, Saraibas, As Cantareiras do Berbés, María Manuela, A Roda, Treixadura… Contan que ás cinco da mañá aínda había artistas tocando. Suso Vaamonde quixo subir ao escenario pero non puido cantar. Eran moitas as emocións.

O seu legado continúa vivo e de plena vixencia, e así seguirá durante moitos anos. Xeración tras xeración, novos músicos recollen a súa semente e fan que a chama siga prendendo no público. Porque como cantaba Bibiano: «Somentes morren aqueles que non deixan semente».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail