Vía Galega pretende crear máis conciencia nacional e reforzar a autoestima común dos galegos como país no 176 aniversario da revolución de abril e a creación da Xunta Superior do Reino de Galicia
A Coruña.- A plataforma Vía Galega, integrada por sesenta organizacións sociais unidas en defensa dos dereitos nacionais de Galicia, convocou unha manifestación este domingo en Santiago para, segundo os seus organizadores, «crear máis conciencia nacional e reforzar a autoestima colectiva» dos galegos «como país».
Na última manifestación, celebrada o ano pasado a pesar das restricións pola crise sanitaria, a plataforma reuniu a máis de mil persoas na capital de Galicia. Ademais, mantén campañas para esixir o dereito de autodetermimación, traballo digno que impida que as traballadoras galegas teñan que emigrar, e a conformación de seleccións galegas que poidan concorrer a competicións nacionais e internacionais en todas as disciplinas deportivas.
Vía Galega fundouse en 2018 cun manifesto, a Carta de Dereitos do Pobo Galego, na que incluía o seu dereito «para decidir libremente o seu futuro como nación que quere contribuír á construción dun mundo mellor, xusto e solidario», e a conformarse como Estado soberano se así o decidisen democraticamente os galegos.
A manifestación do domingo tamén conmemora os 176 anos da revolución de abril de 1876, provocada polo levantamento de militares galegos comandados polo coronel Miguel Solís contra a ditadura do xeneral Narváez durante o reinado de Isabel II. Os sublevados, que ademais das liberdades cernadas por Narváez denunciaban que Galicia era «unha verdadeira colonia da Corte», disolveron as institucións estatais e crearon a Xunta Superior do Reino de Galicia.
A rebelión concluíu co fusilamento da maioría deles. Desde entón son coñecidos como «os mártires de Carral», pola localidade coruñesa na que foron axusticiados. Desde 1905, no centro da vila érguese un monumento na súa homenaxe.
«Salvando as distancias, o contexto social de entón parécese ao de agora», afirma Anxo Louzao, un dos portavoces de Vía Galega. «A crise pola guerra da Ucraína, que se sobrepón sobre a provocada pola emerxencia sanitaria e sobre os efectos da crise financeira do 2008, ocasionou unha subida desorbitada de prezos que en Galicia ten maior repercusión», explica: «Aquí temos os salarios máis baixos de todo o Estado e as segundas pensións máis baixas».
Louzao alude expresamente ao incremento dos prezos da enerxía cando Galicia é unha das principais produtoras de electricidade do Estado e onde o seu prezo ao consumidor, paradoxalmente, está tamén entre os máis elevados. «As industrias eléctricas levan cada ano 2.700 millóns de euros pola enerxía que producen en Galicia, é inadmisible que non exista unha tarifa eléctrica galega nin unha empresa pública propia», apunta.
O voceiro engade que a iso se suman os preto de 3.000 millóns de déficit entre o que Galicia achega e recibe do Estado para servizos sociais, as ao redor de 4.000 empresas que cotizan fóra do país a pesar de ter os seus centros produtivos nel, e a desaparición do sector financeiro galego. «O Goberno de Feijóo en Galicia non cre no país, e o do Estado segue considerándonos como unha colonia, como nos tempos da revolución de abril», engade.
«Somos un país rico en recursos naturais e en materias primas, temos sectores produtivos con moito potencial, e, sobre todo, queremos acabar con esa falacia de que Galicia está condenada a ser submisa e dependente. Non, Galicia ten vontade de existir como nación, e iso é o que queremos expresar coa manifestación do domingo», conclúe.