–Mira, fillo! Un garda civil que se persegue!
Amanece que no es poco.
Cristina Moreno Martínez é algo así como un mito dentro da Garda Civil. En 2018, cando chegou a Interior, Grande-Marlaska nomeouna xefa da área de apoio do Gabinete de Coordinación e Estudos da Secretaría de Estado de Seguridade. Foi apenas dous anos despois de terse convertido na primeira muller en alcanzar o grao de tenente coronel na historia do instituto armado. Loira e miúda, benemérita de quinta xeración, está acostumada a rachar teitos de cristal ao seu paso. En 1998, con 24 anos, xa fora tamén a primeira en graduarse como oficial. Tras saír da academia, o seu destino inicial foi o posto de Oleiros…
Tal debía ser a expectación desatada pola súa presenza que a Garda Civil tivo que improvisar como boamente puido unha rolda de prensa que resultou multitudinaria. A novísima tenente Cristina –de onde vén este costume de non referirnos nunca a elas polo apelido?– víase claramente desbordada por todo aquilo, pero foi capeando o temporal como puido, tirando de tópicos ante preguntas como «que poden achegar as mulleres ao corpo?». «Unha maior sensibilidade». Quen contaba.
Penso que foi José María Villot –xa por entón un vello raposo– quen acabou con aquel ambiente de xogos florais deslizando unha pregunta sobre a antipatía que o instituto armado espertaba entre algúns veciños de Navarra, que mesmo pediran levar as casas cuarteis lonxe dos seus domicilios. A tenente, que non agardaba tal cousa, titubeou unha resposta de circunstancias que rematou máis ou menos así: «Vivimos nunha democracia e se a xente quere máis liberdade, contra iso, a Garda Civil non pode facer nada». Tiro de memoria e van aló máis de vinte anos, pero a sentenza impactoume tanto que creo que podo apostar, non só polo espírito da frase, senón tamén pola súa case absoluta textualidade.
Encantado co achado, o manzanillo que eu era entrou pola porta da redacción convencido de que traía ouro en po. Pouco durou a emoción. Tocaba vender o binomio muller e Garda Civil, así que o da «sensibilidade» era o enfoque adecuado. Pero non estaba todo perdido: Madrid quería tamén unha peza sobre o acontecemento. Chamei correndo á redacción central e vendinlles o que eu seguía considerando un titularazo:
–Que di que «se a xente quere máis liberdade, contra iso a Garda Civil non pode facer nada». Así, textual.
…
–Algunha cousa máis…? Si, claro, falou doutras cousas…
…
–Si, que a presenza da muller na Garda Civil servirá para dar maior sensibilidade ao corpo e…
…
–Que queremos iso…
…
–Xa…
…
–Vale, vale. Pois nada. Xa volo gravo…
Como non hai dúas sen tres, aínda ben non colgara e xa soaba o teléfono de volta. A emisora de Móstoles. Resulta que a tenente era orixinaria dalí e querían que contase tamén a noticia no seu local. Eu daquela era inasequible ao desalento, así que volvín coa turra. Nin caso. Tamén para eles facturei unha peza chea de sensibilidade.
Se aquela rolda de prensa se tivese retransmitido en directo, aínda que non fose no medio dunha crise sanitaria, esa declaración no tería pasado desapercibida e á tenente –e aos superiores da tenente– teríalles custado moito explicar, por exemplo, que era o que lle gustaría poder ter feito á Garda Civil contra esa xente que quería máis liberdade ou que medidas tomaría se isto non fose, vaia por Deus, unha democracia.
O máis probable é que, a pesar do historial da benemérita, o de Cristina Moreno fose un lapso. E por iso eu pensei que tamén o sería o do xeneral Santiago cando dixo aquilo de que unha das súas «liñas de traballo» nesta pandemia é «minimizar ese clima contrario á xestión da crise por parte do Goberno». Pero os feitos viñeron demostrar que non, e que este home, ata agora pouco acostumado a falar ante os medios –como tampouco o estaba a nosa protagonista aló polo 98– simplemente dixese o que pensaba e o que a Garda Civil está facendo; no caso dos bulos, por certo, con bastante pouco éxito…
Máis aló do divertido que é que o trifachito considere agora os picoletos marxistas bolivarianos, ou que os herdeiros de Fraga, Urdaci e Fernández Díaz se preocupen de súpeto pola liberdade de expresión e a independencia das forzas de seguridade, está claro que isto tiña que pasar. Tanto uniforme e tanto ardor guerreiro nas comparecencias; tanta foto da UME apatrullando cidades baleiras; tanto parte de batalla na loita sen cuartel contra o virus tiñan, por forza, que deixarnos este tipo de cousas.
A uns días de que os pequenos volvan saír á rúa e de que comece o desescalamento, chega o momento de preocuparse en serio desa «nova normalidade» que agarda por nós. E non falo só do económico, que semella a única preocupación. O medo é o mellor caldo de cultivo que existe para o recorte de dereitos. E a ver se, mentres estamos nas nosas casas, facendo pan, pilates, ou dándolle a volta ao catálogo de Netflix, aí fóra vaise estar fraguando un escenario onde a Garda Civil –ou a policía, ou o exército, ou os xuíces– desta vez si que vaian poder «facer algo» cando queiramos máis liberdade. Ou, polo menos, a que tiñamos antes.