A telenovelización da ONU

A negatividade, a personalización, a sorpresa e a tematización son factores importantes á hora de ser noticia en tempos de «bulocracia». Desaloxan do primeiro plano criterios como actualidade, conflito, relevancia, novidade, proximidade, interese humano… que se aprenden nas facultades de xornalismo como os elementos que fan dunha nova algo interesante e atractivo para o público e, por tanto, para os propios medios.

Estas dinámicas converten a escena política en escenarios de telenovela, nos que se desenvolven melodramas que teñen pouca relación cun programa político dos gobernos ou unha crítica política das oposicións. Non é so que se poñan as institucións ao servizo dos intereses partidarios, que xa sería bastante preocupante, é que se desprezan acordos, protocolos e responsabilidades. Banalízanse os espazos de negociación multilateral e faise, coma nas películas de destape dos anos 70, por esixencias do guión.

O pasado 23 de setembro, empezaba en Nova York a 80 Asemblea Xeral da ONU. Non lembraremos os acordos aos que chegou, pero as peripecias que a rodearon son propias dun «culebrón» venezolano. Había un acordo previo sobre a intervención na Asemblea de Mahmud Abás no nome de Palestina, pero uns días antes, Marco Rubio revogoulle o visado de entrada no país, xunto cos doutros 80 funcionarios palestinos. A ONU, nunha reunión de urxencia, «permitiu» que a intervención estivera pregravada cos votos en contra dos EUA e outros catro membros co argumento de que: «a Autoridade Palestina non cumpre os estándares de dereitos humanos».

Sen problemas de visado, Netanyahu asistiu en persoa, malia estar baixo unha orde de arresto da Corte Penal Internacional. Pasou pola incomodidade dun voo accidentado, bordeando países que respectan as decisións dese tribunal e que o poderían deter e poñer a disposición. A súa intervención entre apupos, e o abandono da maioría dos países, reivindicou o dereito sagrado a cometer un xenocidio que aínda non rematou.

Gustavo Petro non tivo problemas para entrar no país e participar na Asemblea representando a Colombia cun discurso antiimperialista: «Liberdade ou morte. Estados Unidos xa non ensina democracia». Co auditorio a medio encher, tería pasado sen pena nin gloria, pero foise manifestar cun megáfono, xunto a Roger Waters na concentración propalestina en Nova York, pedindo aos soldados ianquis que deserten e a creación dun exército da «salvación do mundo». Retirada inmediata do visado e ameaza de sancións a Colombia. Non parecía estar moi preocupado.

Por primeira vez, dende 1967, un presidente sirio falaba ante o plenario. Ahmed al-Sharaa, coñecido como al-Golani mentres liderou durante anos unha facción siria de AlQaeda, pasou en meses, de estar buscado pola CIA, a ser presidente de Siria, ocupando en xaneiro de 2025 un baleiro de poder sen respaldo democrático. Acude á ONU, sen data, para unha convocatoria electoral a poucos días da celebración dunhas «eleccións» parlamentarias sen partidos políticos, sen voto popular directo e coa terceira parte dos asentos nomeados a dedo polo presidente. Naturalmente, sen problemas de visado, e ademais dunha axenda completa de amistosas entrevistas cos líderes mundiais, artigos nos medios celebran a «conversión» e o ben que lle acaen os traxes a medida e as gravatas.

E, como non, outro dos protagonistas foi Donald Trump. Mostrouse enfadado no seu discurso autolaudatorio, mentres criticaba a ineficacia e inutilidade da ONU. Para rematar cos conflitos no mundo bastábase el, que en sete meses rematou con sete guerras. Como O xastriño valente dos Grimm, sete dun golpe, que menos que o Nobel da Paz! Aproveitou para denunciar un triplo ataque contra el aqueles días: unhas escaleiras mecánicas que se paran, un teleprompter avariado e un micro que deixa de funcionar. Conspiración internacional. O lema desta Asemblea de 2025 foi «Mellor xuntos: 80 años e máis pola paz, o desenvolvemento e os dereitos humanos». Malia todas as ameazas, mellor xuntos. Non é un lema optimista, porque se trata hoxe de manter viva, aínda que agonizante, unha institución que está en risco de desaparecer por inanición. Pensemos cal sería a alternativa.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail