O alcalde de Ourense contrata como asesora do Concello á muller do xuíz que o investiga por malversación

O maxistrado Luis Doval, que pediu o pasado luns á Audiencia Provincial absterse do caso, tiña practicamente pechada a instrución contra Gonzalo Pérez Jácome, ao que a Fiscalía acusa de derivar ás súas contas máis de 100.000 euros de fondos do seu partido

A Coruña.- O xuíz de Instrución Número de 2 de Ourense, Luís Doval, solicitou á Audiencia Provincial absterse na causa que segue contra o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, a quen a Fiscalía denunciou por un delito de malversación dos fondos do seu partido, Democracia Ourensana (DO).

Doval pediu ser apartado do caso coa instrución practicamente terminada e despois de que transcendese que a súa muller, Guadalupe Ucha, curmá de Telmo Ucha, concelleiro de DO e estreito colaborador de Jácome, fose contratada de novo polo Concello. Segundo informou este mércores o diario La Región, exerce as funcións de axudante do coordinador da Concellería de Infraestruturas, unha área de Goberno que dirixe persoalmente Jácome.

Luís Doval asegurou a Luzes-Público que a súa decisión de absterse se basea na necesidade de manter «a aparencia de imparcialidade». «Non hai ningunha relación co investigado, pero debe quedar claro que non existe nin trato de favor nin presión de ningún tipo», afirmou o maxistrado.

A Fiscalía acusa a Jácome de ter malversado máis de 100.000 euros de fondos do seu partido entre o 2015 e o 2018, mediante facturas, transferencias e talóns bancarios por supostos servizos prestados pola súa canle de televisión aos grupos municipais de DO na Deputación e no Concello, cando aínda non era alcalde.

Jácome, durante unha campaña electoral

Segundo varios dos seus colaboradores, Jácome tamén lles instaba a entregarlle parte dos seus salarios, que lle proporcionaban mediante transferencias ou en metálico nun sobre en man no seu despacho, sen recibo de ningún tipo, sen facelas constar na súa declaración da renda e sen que o alcalde ofrecese ata a data explicación algunha sobre se se rexistraban na contabilidade de DO.

Guadalupe Ucha xa traballara como asesora desa formación no Concello ata novembro do ano pasado, e foi cesada poucos días antes de que a denuncia da Fiscalía contra o alcalde recaese no xulgado do seu marido. Entón, Doval explicou a Luzes-Público que, dado que a súa muller non tivera contacto directo co alcalde e que ademais ela xa deixara o seu posto, non existía motivo para que se inhibise, como si sucede agora.

A Audiencia Provincial deberá decidir se acepta a petició de Doval de absterse na causa. Se o fai, o caso deberá ser librado a outro xulgado. En Ourense hai outros dousde Instrución: o número 1, cuxo titular é Leonardo Álvarez Pérez, e o número 3, a cargo de Eva Armesto González.

Precisamente, o xulgado de Leonardo Álvarez dispuxo onte a imputación de Jácome por un delito contra a honra dun policía local ao que o alcalde acusou de corrupción e de pertencer a «unha mafia policial».

Luzes-Público tentou obter a versión de Jácome sobre ambos os casos, pero nin o departamento de Comunicación do Concello nin o o rexedor responderon á petición deste diario.

Jácome, no seu despacho cunha placa de matrícula recordo de Nova York

O PP, que sostén a Jácome na Alcaldía e goberna en coalición con él desde que o ano pasado os populares decidisen volver apoialo, despois de que catro dos sete edís de Democracia Ourensana deixasen a formación denunciando que as irregularidades do alcalde na xestión dos fondos do partido.

Esa operación, tutelada directamente por Alberto Núñez Feijóo a través do secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, provocou a saída do portavoz municipal do PP e ex alcalde Jesús Vázquez. Sucede que o voto persoal de Jácome, tamén deputado provincial, é fundamental para que o PP manteña na presidencia da Deputación Provincial a Manuel Baltar.

A portavoz dos populares no Concello e concelleira de Turismo e Participación Cidadá do Goberno local, Flora Moure, limitouse a manifestar en nome do seu grupo «o máximo respecto aos procedementos xudiciais».

O portavoz do PSOE no Concello e secretario xeral dos socialistas de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, si se posicionou onte para valorar a situación: «A pregunta é por que xustamente agora, coa instrución practicamente terminada, Jácome contrata á muller do xuíz que leva o seu caso sabendo que o único ao que iso pode dar lugar é á súa abstención». «A resposta saberémola nuns días», aventurou.

José Manuel Palacios, ex militante de Democracia Ourensana e hoxe coordinador provincial da Coalición de Centro Democrático (CCD) en Ourense, tamén valorou a contratación de Ucha e a petición de abstención do xuíz: «O que estamos a ver é que é o que lle interesa ao PP: que procesen a Jácome agora ou que o procesen máis tarde».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail