Teme a psicoloxía social que este período de confinamento e a pandemia que sobrevoa invisible, pero ameazadora, derive nun incremento do individualismo. De momento, o que parece é ter axudado a tecer novas redes e novas complicidades.
Residentes do outro lado da rúa que eran descoñecidos deixan de selo, e mesmo se establecen conexións solidarias entre a veciñanza antes próxima, mais tamén distante.
Tamén se receaba do perigo de afondar aínda máis no retraemento. Son bos días para as redes sociais, si, mais tamén para a proxección exterior. Ou polo menos así o entendeu un colectivo de creadores en Santiago (#olaveciñas) que decidiron exteriorizar as súas opinións máis aló de aplausos e cazoladas, é dicir, optaron pola proxección exterior.