Somos negros?

«Non matara a ninguén dende 1984». O gánster siciliano que interpreta Christopher Walken en Amor a queimarroupa (1993) cuspe esa frase mentres dispara unha e outra vez a Clifford Worley, un ex-poli maxistralmente interpretado por Dennis Hopper ao que pensaba torturar na procura de información. Coccotti, que así se chama, perde o oremus cando Worley desenvolve ante el unha tese que ben podería levar este título: «Os sicilianos son negros». Cando chega á parte na que a tataravoa do seu interlocutor xaceu cun mouro, Walken cabréase tanto que pide unha pistola e acaba con el. Worley consegue así que o manden para o outro mundo sen sufrir e sen soltar prenda. Xogada mestra.

Antes de que rematase esa década, os descendentes mestizos daqueles sicilianos (e napolitanos) tomaron a pequena pantalla con The Sopranos e descubrimos que a mafia tiña os mesmos referentes estéticos que os nosos pais. Eses polos con deseños abstractos combinados con horrendos pantalóns de tergal en beixes e marróns ou os vaqueiros lavados á pedra con chupa de chándal eran dress code en calquera bar de extrarradio galego; o que non sabiamos é que acontecía o mesmo en Nova Jersey, e iso que a ampla colonia emigrante en Newark ben nolo podería ter contado…

Hai máis xenes africanos en Galicia que en Granada, por moito que Almanzor leve a fama

Así que antes de que chegasen as gorras de lado, os pantalóns caídos e as zapas inmensas, os nosos pais xa vestían coma os negros; polo menos, coma os descendentes italoamericanos daqueles negros. Porén, os irish golpearan primeiro na súa reivindicación do black power. «Os irlandeses somos os negros de Europa; os dublineses somos os negros de Irlanda e os de Dublín Norte somos os negros de Dublín». En 1991, Alan Parker gravara a lume ese lema en The Commitments, pero eu estou seguro de que esa negritude lles chegara máis pola herdanza de Ith e Breogán que polos berros de James Brown. «Say it loud, I´m black and I´m proud!» («Dío alto, son negro e con orgullo!»).

Con todos estes antecedentes, como nos vai sorprender que os xenetistas de Compostela e Oxford concluísen o que xa albiscaba hai case unha década Ángel Carracedo: que hai máis xenes africanos en Galicia que en Granada, por moito que Almanzor leve a fama.

A ciencia vén de confirmar unha vella sospeita ao tempo que lle quita a razón á matriarca das nosas letras. Os galegos non vimos como negros de Castela, Rosalía: xa iamos así, o que pasa é que a falla de sol mantiña latente a melanina do noso sangue mesturado.

Entón que? Citando á raíña televisiva das mañás: «Que somos? Negros…?». Pois si, Ana Rosa, os galegos si. Nin sequera precisamos buscar paralelismos sobre a nosa capacidade de traballo (de explotación), a nosa traxectoria migrante (escravizada) polo mundo ou a colonización e espolio dos nosos recursos. Somos negros, como o que afirmaba en Sitio Distinto: «Estamos en guerra, pero hai que reflexionar». Somos negros, e ningún pistoleiro siciliano poderá negar a evidencia. Se fose Django, aínda…

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail