O pobo perante o autoritarismo

A democracia pode estar ferida, pero non está morta. Cando menos aínda dá sinais de vida: o acto de Gabriel Rufián e Emilio Delgado celebrado na sala Galileo Galilei a semana pasada tivo un éxito sospeitoso. Desde hai un tempo Rufián viña predicando no deserto a necesidade de responder electoralmente ao auxe de Vox. Foi, porén, Emilio Delgado quen lle deu cancha ao contestar cun convite ao diálogo. O terremoto estaba servido.

Apenas uns días despois, anunciouse o acto dos partidos de esquerda do sábado pasado. Afirman que xa o tiñan listo, que levaban meses traballando, mais o certo é que só cando o xesto de Rufián e Delgado tivo lugar, o acto no Círculo de Bellas Artes semellou importar. Catro partidos –IU, Comuns, Más Madrid e Movemento Sumar– anunciaron xa unha coalición «confederal» coa que encarar o futuro e derrotar as dereitas.

Desde 2016, hai xa dez anos, a esquerda «confederal» perde votos elección tras elección. Dez anos, que se di axiña!, mais mentres tanto Vox saíu da irrelevancia electoral (0,20% en 2016) e acadou unha representación parlamentaria importante: primeiro irrompendo no Congreso cun 10,26% en 2019, logo aumentada a un 15,08% coa repetición daquel mesmo ano, e que despois baixou a 12,49% en 2023 por efecto da competición bipartidista entre PSOE e PP.

O bipartidismo semellaba reconfigurarse logo dunha década de crise (2011-2019) cando Trump gañou as eleccións nos EEUU dando unha oportunidade á dereitización global do espectro. Se atendemos ás enquisas posteriores ao 23X isto fíxose evidente. Vox medrou como alternativa ao bipartidismo (hoxe, en todas as enquisas por baixo das dadas de 2023). Que Vox saíra dos gobernos autonómicos só serviu para definir máis o seu perfil como alternativa ao bipartidismo. Acerto absoluto.

No lado oposto do espectro semellaba que non pasaba nada ata que se reuniron Rufián e Delgado. O acto foi o detonante dun debate perante o que hai múltiples posicións: por unha banda, as direccións dos catro partidos da esquerda «confederal»; por outra, os nacionalismos (Bildu e BNG, mais tamén a propia ERC desmarcándose de Rufián); e a medio camiño, en fin, as forzas territoriais Compromís, CHA…, que, sen renunciar a acordos electorais puntuais, deixaron constancia de estar fartos do peso excesivo de Madrid e Barcelona.

Pero como é que agora dous notábeis logran abrir este debate que obriga a posicionarse a todo o espectro «á esquerda do PSOE»? De onde a súa forza? Cando Rufián foi interpelado polos seus apoios, a resposta foi ben interesante: «Quizá tengo un 0% de apoyo político, pero creo que tengo apoyo popular». Velaquí a cerna do debate: tres axencias –notábel, partido e movemento– disputándose o protagonismo democrático nun contexto de autoritarismo crecente.

A historia da democracia, o progreso máis importante do século XXI, atópase en crise. Hai un século non había máis de dúas ducias de países cun réxime democrático. Todos eles se concentraban nos mundos anglosaxón, escandinavo e europeo occidental, todos potencias tamén do sistema capitalista. Isto foi á vez unha sorte e unha desgraza. Sorte porque ao longo do tempo a democracia universalizouse como forma de goberno; desgraza, porque a democracia ligaba o seu destino ao liberalismo nas súas distintas declinacións.

Coa modernización a participación foi en aumento e iso afectou a configuración da axencia: as democracias orixinais eran censitarias, restritivas, elitistas. Por iso, co tempo, a necesidade de control social fixo que a participación aumentara. Os partidos cumprían esa función para o mando capitalista. E, porén, o marco institucional volveu ser desbordado: desde os sesenta os movementos volveron cuestionar a partitocracia.

No caso español, sabido é que a democracia instaurada en 1978 confire a notábeis e partidos e, por riba destes, a centralidade do réxime político. Por iso no 1977, coas xornadas libertarias de Barcelona, ou no 2011, co 15M, a xente tomou a palabra para impugnar o réxime. Xurdiu daquela o movemento que en 2014 impulsou Podemos. E, porén, o xiro suicida imprimido por Iglesias a Podemos é o que hoxe se evidencia un erro histórico maiúsculo. Non só por afundir un proxecto alternativo (lévanse perdendo votos desde 2016), senón tamén por favorecer a activación do proxecto reaccionario.

Así as cousas, Rufián e Delgado veñen de reactivar a máquina do tempo e situarnos de volta onde se perdeu. Representantes parlamentarios da mobilización –15M e Procés– retoman o desafío fronte á ultradereita que moraba no interior do réxime. Dúas figuras que encaixan ben no «notábel de partido» orixinado pola primeira subsunción formulan agora o dilema dunha segunda subsunción, a dos partidos nos movementos. Cobrará corpo unha nova axencia a tempo para frear a Vox ou asistiremos á derrota  da partitocracia de esquerdas?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail