Hoxe, 23F, estarían mortos

Se hai algo que define unha sociedade, máis que a súa Historia (con maiúscula) que, como dicía Ambrose Bierce, é o relato case sempre falso de feitos case sempre cativos producidos por gobernantes case sempre ruíns ou por militares case sempre parvos, é como reacciona nos momentos críticos, e como os asume despois. Hoxe conmemórase (conmemorar quizais non sexa a palabra adecuada) o aniversario do 23-F, o intento de golpe de Estado, ou a suma de varios, que estivo a piques de tronzar os primeiros pasos da segunda etapa da democracia en España no século XX, ou sendo realistas, na práctica totalidade da súa historia.

En rigor, aquel 23 de febreiro de 1981, a sociedade española no seu conxunto reaccionou máis ben como os caracois en caso de perigo, e non sería xusto reprocharllo, dadas as experiencias. As negativas, no caso da esquerda, e as positivas no da dereita (un presidente provincial de UCD confesaba, absolutamente avergoñado, que en pleno secuestro do Congreso, houbo alcaldes que o chamaron para preguntarlle «si había que sumarse»). A asonada fracasou, sobre todo, porque historicamente era anacrónica, formalmente resultou esperpéntica («un torero tomou o Parlamento», titulou un asombrado medio estranxeiro) e organizativamente foi chapuceira. Pero iso non quere dicir que, aínda cando non chegase a prosperar ou a consolidarse, non puidese ter consecuencias tráxicas. O exemplo máis claro é a famosa lista dos 500 candidatos á supresión física en Galicia que desvelou tempo despois o historiador coruñés Carlos Fernández.

Segundo os golpistas, en Galicia tiñan armas desde Bautista Álvarez a Salvador Fernández Moreda ou Pedro Arias

Aquel listado incluía líderes e militantes dos partidos progresistas e dos sindicatos, a intelectuais coñecidos e a unha serie de cidadáns anónimos. Lela hoxe, como ver as imaxes do «torero», induce ao sorriso, cando non á gargallada. Nas descricións, unha escueta e fría mención de nome, ocupación, lugar de residencia e filiación ideolóxica, hai -ademais de inexactitudes clamorosas- comentarios que rozan o cotilleo («María José Queizán, estuvo casada con Ferrín» ou «Fernando González Lage, es cuñado -en realidade, xenro- del ex-alcalde Liaño»), e ata o recoñecemento (do que sería presidente do Ateneo Republicano coruñés, Carlos Etchevarría, especifica que «es abogado muy respetado», e de Xosé Manuel Beiras e Xosé Luís Méndez Ferrín que teñen «gran predicamento entre la masa estudiantil»). Tamén se apuntan deberes auxiliares ao paseo («Manuel Camaño Suárez, presidente de O Facho. Importante fichero socios agrupación»).

A parte cómica é a relación de suprimibles que se afirma que posúen armas: Bautista Álvarez, Pedro Arias, Rafael Bárez, Miguel Cancio, Salvador Fernández Moreda, Xan López Facal, Manuel Monge, Xan María Castro («además coordina pisos francos»), Xosé Antonio Gaciño («enlace del Grapo»), Ramón Valcárcel («cura de Sésamo, utiliza las iglesias como depósito de armas y explosivos»), Anxo Guerrero -sic- Carreira («muy proselitista»), Manuel Amor Deus («despedido por los sucesos revolucionarios de mayo del 72. Participó en varios sabotajes»), Xosé Manuel Beiras Torrado («axudou a terroristas do Grapo»), *Valentín Paz Andrade («tiene armas en su despacho») ou Manuel Soto Ferreiro («organizó un verdadero soviet en el Ayuntamiento de *Vigo, con depósito de armas y explosivos»). Dos que coñezo persoalmente dou fe que, de telas o máis probable é que se pegaran un tiro nun pé.

Pero a lectura da lista induce, como na mítica sección de La Codorniz, a tremer logo de rir. Por moito que pareza que a confeccionou un bolseiro con máis aplicación que coñecementos, non por iso as súas consecuencias terían sido menores ou menos dramáticas. En todas partes, e aquí xa en 1936, a violencia máis cega e irracional, a máis inmediata, correu a cargo dos entusiastas, non das autoconstituídas autoridades (e a quen se sume ao argumento de que houbo entusiastas dos dous bandos, recordarlles que en Galicia as vítimas púxoas unicamente un deles, e da ignominia encargouse en exclusiva o outro). Hoxe, de non fracasar o «torero», a maioría dos que figuraban na lista estarían mortos. E non só eles. O propio Carlos Fernández apuntou que existía outra co dobre de integrantes e non sei se con parecido rigor. E xa cinco anos antes daquel 23F, un avogado notoriamente franquista que me defendía nun sarillo político advertía aos meus pais, como argumento para que me enderezaran, que «circulaban listas».

Iso quere dicir que, desde que a sociedade empezou a seguir a mala senda da democracia, houbo xente tragando saliva e mastigando a vinganza. Xente que non tiña uniforme, nin quizá sequera armas, pero que o 23-F formaba parte da cuadrilla, fosen subalternos, banderilleiros ou mozos de cuadra, e cunha carga de odio que non se debeu de diluír como por encanto ao día seguinte. Outra cousa é que, logo de incubar anos o ovo da serpe, lles saíra, como lles saíu, unha lagarta.

* A versión en castelán deste artigo apareceu na edición impresa de EL PAIS do 24 de febreiro de 2011

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail