O PSOE lembra que Feijóo aínda non tomou ningunha medida sobre Baltar un ano despois da súa condena

Madrid.- O grupo parlamentario do PSOE no Senado reclamou este venres ao PP que explique que medidas tomou un ano despois de que o Tribunal Supremo condenara a un ano de cárcere ao seu senador Manuel Baltar por un delito contra a seguridade viaria. Baltar foi detectado en abril de 2023 circulando a 215 quilómetros por hora ao volante do seu coche oficial cando era presidente da Deputación de Ourense e do partido nesa provincia.

«Baltar gozou desde entón do amparo e do apoio da dirección do seu grupo e do seu partido, que non tomaron medida algunha contra o senador nestes 365 días», sinala o PSOE nun comunicado.

Os estatutos do PP obrigan á súa dirección aabrir expediente informativo cando se teñan noticias de que calquera dos seus militantes e altos cargos orgánicos ou de representación están a ser procesados nun causa penal, e a transformar ese expediente en sancionador se son condenados.

Designación de Feijóo

Baltar, a quen se lle imputou un delito contra a seguridade viaria poucos días despois da sanción, tivo que dimitir tras coñecerse que había máis multas pagas pola Deputación asignadas ao seu coche, pero logrou o seu aforamento cando Alberto Núñez Feijóo o designou senador en representación de Galicia. O procedemento acabou no Tribunal Supremo, que o condenou a unha multa de 1.800 euros e un ano de retirada do permiso de conducir.

O PSOE advirte na súa nota de que nin a dirección do PP nin a portavoz no Senado, Alicia García, aplicaron medida algunha ao senador condenado, como esixen as normas internas do partido, e que ademais o presidente da Deputación de Ourense, segue sendo presidente da Comisión de Despoboamento e Reto Demográfico «coas retribucións correspondentes».

«Os feitos polos que Baltar foi condenado hai un ano non constitúen unha infracción menor, senón unha conduta gravemente imprudente, incompatible coa exemplaridade que se esixe a un representante público, xa que circular a máis de 200 km/h non é unha imprudencia puntual senón unha temeridade que puido acabar en traxedia», engade o PSOE.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail