O mundo en chamas

Os Estados Unidos invadiron Venezuela e secuestraron o presidente. Agora ameazan con invadir Groenlandia se Dinamarca non lles cede a illa por «motivos de seguridade», unha escusa que non pode evitar conectar co «espazo vital» que Hitler usou como motivación para invadir os seus veciños. O seu presidente, en resposta á petición do primeiro ministro noruego de tomar as cousas con calma, tivo a ben dicir que como non lle deron o premio Nobel da Paz, tema co que leva obsesionado uns cantos anos, non sente a obriga de pensar soamente na paz. Ademais, anunciou novos aranceis co obxectivo de presionar os líderes europeos a manter o silencio e a compracencia fronte a estas ameazas.

O xenocidio en Gaza continúa, pese ao que os medios occidentais queren facernos pensar, con menor intensidade pero con constancia. Desde o 1 de xaneiro, case corenta axencias de axuda humanitaria que se ocupan de levar comida, medicina e auga ao pobo palestino, como Médicos Sen Fronteiras, Oxfam e Cáritas,  teñen prohibido actuar en Gaza. Hai só dous días, o 21 de xaneiro, demoleron en Xerusalén os edificios da UNRWA, a unidade de axuda humanitaria das Nacións Unidas. Ademais, desde que se declarou o alto ao fogo, van case 500 mortos e 1300 feridos en Gaza.

En Irán, no que se pode considerar unha continuación das protestas de 2022, estase levando a cabo unha serie de protestas contra o réxime autoritario que leva gobernando o país corenta anos, a revolución política máis relevante dende a de 1979. Comezaron o 28 de decembro e continúan a día de hoxe, pasando de ser organizadas por mercaderes a incluír tamén estudantes universitarios. As esixencias inclúen un referéndum para decidir o futuro político do país. A modo de resposta, o réxime cortou o acceso a Internet e aos servizos de telefonía para poder levar a cabo as súas sanguentas represalias na escuridade. Debido a isto, resulta difícil saber o verdadeiro alcance desta opresión, pero a cifra de mortos pode estar en calquera punto entre 5.000 e 16.000.

Comezamos este ano cun mundo que parece estar en chamas, cos actores que xeralmente parecían manter a paz, no mundo occidental polo menos, dando exemplo do que pasa cando un octoxenario cuxa saúde mental está en declive recibe os códigos nucleares e decide comezar un concurso de a ver quen ten o mísil máis grande cos outros dirixentes políticos do mundo.

O autoritarismo, e sobre todo o populismo autoritario, volve estar de moda, oitenta anos máis tarde, e as detencións masivas, deportacións, protestas e violencia non parecen ser un bo augurio para os Estados Unidos nin para os países cuxos partidos de extrema dereita se aliñan con Donald Trump na súa ideoloxía e nos seus obxectivos.

Podo dicir sen temor a estar equivocada que este ano naceu nunha casa en chamas. A situación internacional non só parece inestable, senón tamén perigosa para todos e todas, incluídos os países europeos nos que levamos décadas sen sentir este tipo de inseguridade. É moi difícil tratar de predicir a onde vai levar todo isto, por moito que os comentaristas políticos, economistas, dirixentes e outras autoridades traten de facelo.

Resulta moi fácil agochar a cabeza na area e ignorar o que está pasando no mundo, pensar que a nós non nos afecta porque non estamos en Irán, ou Venezuela, ou Gaza, ou Estados Unidos, pero o certo é que a globalización expandiu e fortaleceu as conexións entre as diferentes nacións do mundo, así que xa non é posible existir no illamento. Os seres humanos somos todos unha raza, a mesma xente, e o desapego que podemos sentir respecto a outras persoas non é natural, senón unha estratexia para dividirnos e asegurar que poidamos ignorar o sufrimento alleo e facilitar a violencia da que dependen os sistemas e as ideoloxías opresivas.

Por moito que pechemos os ollos, chega un momento no que nunha casa en chamas é imposible non afogar co fume.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail