A Xunta Electoral obriga á Xunta a retirar da súa web mensaxes «electoralistas» sobre a actividade de Rueda

A Coruña.- A Xunta Electoral ordenou á Xunta de Galicia retirar da súa páxina web unha información sobre un convenio co Concello de Ferrol, gobernado polo PP, ao considerar que o seu contido excede o interese público e contén unha mensaxe «electoralista» sobre a actividade pública do presidente en funcións da Xunta e candidato popular, Alfonso Rueda.

A Xunta Electoral refírese a un acto celebrado o pasado 29 de decembro, oito días despois da convocatoria electoral, ao que acudiu Rueda para dar publicidade ao convenio para o proxecto Abrir Ferrol ao mar, cun investimento de once millóns de euros. O alcalde da cidade é José Manuel Rey Varela, exconselleiro dos gobernos de Alberto Núñez Feijóo e senador por designación autonómica.

A denuncia partiu do PSdeG, que o pasado 17 de xaneiro dirixiuse ao órgano que fiscaliza o cumprimento da lei electoral para advertir de que a publicidade que a Xunta deu a ese acto constitúe propaganda electoral, e pedindo que se retirase da web do Goberno galego as referencias ao mesmo.

A Xunta atendeu á petición dos socialistas galegos e lembrou ao PP que durante o período electoral −desde que se convocan as eleccións ata que se celebran− está prohibido «calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións ás realizacións ou aos logros obtidos».

Segundo a Xunta, do exame das mensaxes difundidas nos medios de comunicación que foron convocados ao acto e na propia web da Xunta apréciase «que a presenza do presidente da Xunta e candidato do Partido Popular ás eleccións en curso que, aínda que non sexa algo excepcional (…) non resulta imprescindible para a firma do convenio e que a mesma non puidera quedar postergada ata despois do período electoral sen quebranto ou lesión do servizo ou interese público».

A noticia xa foi retirada da web da Xunta, aínda que na internet poden atoparse as fotos institucionais do acto, así como as referencias dos medios que o cubriron.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail