A Coruña.- A Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) presentou un plan de cobertura da campaña das eleccións ao Parlamento de Galicia do 18 de febreiro que reduce case á metade os tempos das informacións de cada partido con respecto aos anteriores comicios autonómicos.
Esa proposta coincide coa estratexia do presidente da Xunta e candidato do PP, Alfonso Rueda, de manter a campaña electoral nun perfil baixo xeneralizado destinado a desmobilizar aos votantes da oposición.
A televisión pública, que dirixe Alfonso Sánchez Izquierdo desde que Alberto Núñez Feijóo o nomeou a dedo para o cargo en 2009, prevé tamén excluír da información electoral a Vox, que compite directamente con parte do seu electorado, pero inclúe a Sumar e a Podemos, que pelexan con BNG e PSOE polo voto de esquerda.
O plan da CRTVG tampouco ten en conta a Democracia Ourensana, a formación do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que obtivo un 33% de votos na capital nas municipais do 28 de maio e que o 18F podería roubarlle un e ata dous escanos aos populares nesa provincia.
Fondos públicos «ao servizo da estratexia do PP»
O director de campaña do BNG, Rubén Cela, denunciou este martes o uso de fondos públicos da Xunta «ao servizo da estratexia do PP», que está a facer, ao seu xuízo, unha «instrumentalización partidaria da CRTVG» e «pagando con diñeiro dos galegos e das galegas campañas nos medios que engarzan perfectamente» co seu discurso electoral, remarcou.
O PP é consciente de que a abstención beneficia os seus intereses, xa que no últimas seis ocasiones en que os galegos foron ás urnas para elixir os seus representantes autonómicos, a fortaleza das maiorías dos populares foi inversamente proporcional á participación democrática cidadá.
A abstención reforzou ao PP no últimas catro eleccións autonómicas
En 2005, cunha abstención do 35,8%, Manuel Fraga perdeu a presidencia da Xunta con máis de 756.000 votos e o PP quedou con 37 escanos, un debaixo da barreira da maioría absoluta que si sumaron PSOE −25 actas− e BNG −13−.
Socialistas e nacionalistas gobernaron en coalición ata 2009, cando, cunha abstención do 35,6%, Feijóo alcanzou a Xunta con 789.427 votos que lle deron 38 escanos. En 2012 obtivo 136.000 votos menos, pero a abstención creceu ao 36,2% e, paradoxalmente, permitiulle gañar tres actas e chegar a 41.
Os 42 deputados, cun 51% de abstención
Eses resultados reproducíronse en 2016, e catro anos despois, con menos de 628.000 sufraxios pero a abstención no 51%, Feijóo logrou os 42 deputados que logo herdou Rueda.
As enquisas dan agora ao PP ao redor de 39 deputados, aínda que con posibilidades de que ata tres deles queden para o BNG, o PSdeG, Sumar ou Democracia Ourensá, e de que Vox poida obter preto dun 5% de votos, sen obter representación pero debilitando os apoios dos populares.
O plan de cobertura das eleccións da CRTVG parece pensado con esas claves, eliminando aos rivais do PP, incorporando aos de BNG e PSdeG e minorando de maneira xeneralizada o tempo que a televisión pública dedicará á información electoral.
Así, a Televisión de Galicia dedicará durante os 15 días de campaña, nos seus informativos de mediodía e tarde, un minuto e 45 segundos ao candidato popular; 52 segundos á do BNG, Ana Pontón, líder da oposición como segunda forza parlamentaria ; e 42 segundos ao do PSOE, José Ramón Gómez Besteiro.
Case o dobre de tempo que en 2020
Na campaña das autonómicas de 2020, os tempos foron dous minutos e 51 segundos para o PP; un minuto e 9 segundos para En Marea, que se levantou como segunda forza do Parlamento autonómico en 2016; e un minuto e catro segundos para o PSdeG.
Ademais, a CRTVG pretende destinar agora en cada un dos seus informativos 30 segundos a Sumar e outros 30 segundos a Podemos, cando ningunha desas forzas ten representación na Cámara galega. En 2020, cando Podemos si a tiña, dedicáronselle 25 segundos.
A estratexia de Rueda pasa por presentar á oposición como unha ruidosa amálgama de partidos de esquerda
A estratexia de Rueda pasa por presentar á oposición como unha ruidosa amálgama de partidos de esquerda enfrontados entre si, fronte á estabilidade dunha dereita supostamente ben avenida e concentrada unicamente ao redor do PP. E os plans de Sánchez Izquierdo para a cobertura da campaña seguen esa liña.
Así, Vox, a cuxo electorado o propio Feijóo pediu que apoie o PP, tamén foi excluído do debate electoral e das entrevistas a candidatos, que si inclúen a Sumar e a Podemos e non a Democracia Ourensá.
Sumar e Podemos xuntos, máis tempo que o PSdeG
De feito, as candidatas de Sumar −Marta Lois− e Podemos −Isabel Faraldo− , a pesar de que as súas formacións non teñen deputadas na Cámara, terán cada unha cinco minutos de entrevista.
Entre ambas, un minuto máis que Besteiro, cando o PSOE ten 14 escanos, e só un menos do que durará a entrevista a Pontón, que ten 19. A de Rueda durará 20 minutos.