En 1970 Margaret Thatcher, daquela ministra de educación do Reino Unido, foi alcumada «ladroa de leite» –Maggie Thatcher milk snatcher!– porque decidiu, como medida de aforro orzamentario, eliminar o vaso de leite que se distribuía gratuitamente nos colexios públicos. Unha medida implantada na posguerra mundial polos gobernos laboristas para combater a desnutrición e a pobreza infantil.
Non é un problema resolto, nin moito menos, no presente. As ONG advirten dende hai xa anos do medre dos indicadores de pobreza para nenas, nenos e adolescentes (NNA). O informe 2022 da Rede Europea contra a Pobreza (EAPN) sobre a situación en Galicia cifra no 34% , máis de 400.000, as persoas deste grupo de menores de 18 anos que están en risco de pobreza (o 27% padecen xa pobreza), nove puntos máis que o grupo de persoas adultas e 15 máis que o de maiores de 65 anos.
A finais de 2022 o informe de Save The Children «Garantía infantil a exame» fai propostas concretas de medidas para frear esta evolución negativa e reducir a pobreza infantil, partindo do estudo das características reais da infancia vulnerable.
Unha destas propostas concretas é o acceso gratuíto e universal ao comedor escolar: «supón unha ferramenta clave de inclusión ao garantir polo menos unha comida sa por día lectivo para a infancia máis vulnerable. Ademais, permite a nenos e nenas incorporarse de xeito natural ao ritmo do centro e desenvolver as habilidades sociais e grupais propias da idade.»
Teño para min que esta medida, que pode parecer modesta ou pouco relevante, tería un impacto grandioso na sociedade que a adopte: organizar a institución pública dos comedores escolares como parte do dereito a educación. Definila como tal na lei orgánica de educación (quen votaría en contra?) e planificar o seu desenvolvemento polo menos coa mesma enerxía que se usa para poñer en marcha os plans educativos.
En lugar de axudas as familias, servizos para as familias, mellor que subvencionar aos produtores, mercarlles o produto, no canto de dopar o mercado, facer que funcione
Sei que sería unha oportunidade de negocio extraordinaria para empresas de catering. Xa o está a ser agora. E igual haino que aceptar durante unha temporada como mal menor. Porén, non é diso do que estou a falar. Non de negocio, senón de servizo. De servizo público, universal e gratuíto. De cociñas nos centros, cociñeiras que fagan menús frescos e nutritivos, con produtos de proximidade. De plans de infraestruturas que engadan cociñas e comedores nos centros que non os teñen. De comedores con mesas e cadeiras onde a rapazada se afaga a comer sentada, con tempo e sen estres.
O beneficio máis evidente e inmediato é o que supoñería esta medida para as economías das familias. Ter a garantía de que as túas criaturas van comer ben cada día sería un alivio especialmente nas épocas de crise e para as familias máis vulnerables. Tamén para o sector primario no territorio, se as compras de alimentos para o comedor se fan cos criterios de economía circular, quilómetro cero e considerando a pegada de carbono. Para as ANPAS ao liberalas da carga económica que supón a xestión actual dos comedores. En lugar de axudas as familias, servizos para as familias, mellor que subvencionar aos produtores, mercarlles o produto, no canto de dopar o mercado, facer que funcione.
Unha medida estrela de conciliación. Libera o tempo do xantar para as familias, mais tamén cambia os tempos de compra, de preparación dos alimentos, de limpeza… Nomeadamente para as familias cunha so persoa adulta. Nos datos de Save The Children, o 33,5% das familias vulnerables son monomarentais e o 1% monoparentais, así que podemos tamén cualificala como favorable a igualdade, ou mellor aínda, compensatoria da desigualdade de xénero nas responsabilidades da crianza.
Non debemos minusvalorar a función educativa da medida. Moi importante aprenderlles a comer adecuadamente, no que se refire ao que se come: comida saudable, slowfood, no momento da vida en que se instalan os hábitos alimentarios, nun tempo de preocupación social pola extensión dos trastornos alimentarios entre a mocidade. E no como se come: sentadas a mesa, ollando para a de enfronte, sen pantallas que distraian, con iguais con quen compartir charla, bromas… Incluso pode ser un espazo para practicar o coidado dos demais, poñer e recoller a mesa, servir aos máis cativos… Política de prevención realista de condutas desviadas pola vía da convivencia.
Ocórrenseme moitas outras bondades da medida. Obrigaría a unha colaboración institucional entre ministerio, consellería e concellos en investimentos, contratacións e xestión do día a día. Daría espazo a participación das familias por vías diferentes da económica, como o voluntariado de comedor ou a planificación de menús. Crearía unha bolsa de emprego importante de profesionais de cociña e comedor. Investimentos en infraestruturas que traería tamén emprego. Novos espazos coa posibilidade de usos complementarios na liña da multifuncionalidade que se lle pide a un centro público… Como xa están en marcha moitas iniciativas neste camiño, chegaría con estendelas, aprender delas. Non hai nada que inventar.
En pleno debate sobre as fotos dos fetos, con partidos políticos preocupadísimos pola baixa natalidade e falando decote do devalo e a revitalización demográfica. Creo que fariamos ben en preocuparnos antes polo coidado da xente realmente existente, que elucubrando e manipulando sobre a que pode ou non chegar a existir.
Se queremos criaturas, coidemos das criaturas.