Bananas

«Go bananas» (literalmente, «ir bananas» ou «ir plátanos») é unha expresión en inglés que quere dicir «tolear, volverse tolo».

Hai uns días, a casa de subastas Sotheby’s de Nova York subastou unha peza de arte chamada Comedian, do artista Maurizio Cattelan. A peza consiste nun plátano suxeito na parede con cinta de embalar. Iso é todo. O señor Cattelan presentara a súa obra por primeira vez na feira de Art Basel Miami Beach, como unha crítica ao mundo da arte. Con todo, o mundo da arte non lle fixo moito caso, porque a peza se vendeu ben. Xa daquela a banana alporizou o público, pero vendéranse tres edicións por máis de 100.000 dólares. A instalación conceptual vén acompañada dun certificado de autenticidade e instrucións para trocala por outra banana cando a froita podreza.

Hai uns días, en Sotheby’s, un mozo chinés empresario de criptocartos, Justin Sun, que puxaba dende Hong Kong, levou a banana para a súa casa por uns 6,2 millóns de dólares. O home dixo que ía comela. Ben feito. Esa banana millonaria era a mesma que, unhas horas antes, un traballador de Sotheby’s, mercara nun posto de froitas do Upper East Side por 35 céntimos. Cattelan, o señor que quixo criticar a inxustiza que o mercado da arte fai cos artistas, non puido crear exemplo mellor. Non querías caldo?, toma dúas cuncas! O que quedou claro é que o mundo enteiro coñece hoxe o nome de Justin Sun  pola banana. Non sei se paga a pena crear unha imaxe pública deste xeito, dándose a coñecer tirando os cartos así, pero o home anda metido nas criptomoedas, e de aí a pagar millóns por unha froita pegada á parede non hai máis ca un paso.

O absurdo deste mundo vaime superando. En Mazón non podo nin pensar e, desde as eleccións nos Estados Unidos, Israel dáme máis medo ca nunca. Agora xa pode comezar cos cimentos dos complexos hoteleiros que o xenro de Trump vai construír no que foi Gaza. Hai tamén quen «vai bananas» porque non entende o que está a facer Cristina Fallarás. Non se trata de linchamentos, trátase de compartir experiencias de abuso, acoso, humillación, violación e vexacións que ou ben as vítimas non queren denunciar na policía ou ben sucederon hai tanto tempo que os criminais xa morreron. A quen se denuncia cando se recorda que un amigo de teu pai che metía o polgar pola cona cando eras nena? Coma este exemplo hai centos de miles que non son denunciables segundo a lexislación actual ou que, simplemente, ás vítimas non lles peta facelo. Por que? Porque teñen trauma, porque teñen medo…, porque a xustiza deste país (e do mundo) está escrita e feita polos homes, e porque todas as mulleres teñen o dereito a escribir a súa propia como lles veña en gana.

Agora quedo pensando na cara do home desaliñado do posto de froitas se descubrise que unha das súas bananas foi vendida por tantos cartos. O absurdo tórnase inmoral cando unha peza de froita pasa a custar millóns só porque estea nunha casa de subastas, dende a que pode verse o posto da rúa onde acababan de mercala. Calquera día van subastar alí mesmo un neno palestino, unha reliquia do pasado. Entón si, subidón de potasio.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail