O BNG acusa á Xunta de facilitar á banca un negocio de 1.400 millóns de euros coa débeda pública autonómica

A Coruña.- A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou este mércores no Parlamento galego que a Xunta paga un sobrecusto de 1.400 millóns de euros pola débeda pública autonómica pola decisión do Goberno de PP de renunciar aos fondos que o Estado puxo ao dispor das comunidades autónomas a través do Fondo de Liquidez Autonómica (FLA) e preferir endebedarse coa banca privada.

Segundo asegurou durante a sesión de control ao Executivo autonómico, ese sobreprezo está recollido nun informe do BBVA publicado o pasado setembro sobre o endebedamento das comunidades autónomas.

«Un negocio redondo para a banca que acaban pagando os galegos e as galegas», criticou a líder nacionalista, que avanzou que se o BNG chega á presidencia da Xunta ordenará unha auditoría para coñecer como e en que condicións se triplicou a débeda baixo o mandato popular.

Decisións «en contra de Galicia»

Pontón considerou «evidente» que o PP tomou decisións «en contra de Galicia», única e exclusivamente por «propaganda política e, ademais, para beneficiar á banca», e reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que explique «por que preferiron acudir á banca privada cun sobrecusto de 1.400 millóns de euros», cando o propio sector recoñece nolos seus informes unhas condicións peores que as do FLA.

A portavoz do BNG indicou que informe do BBVA explica que as comunidades autónomas que renunciaron aos fondos do Estado para endebedarse directamente cos bancos asumiron un custo medio adicional dun punto porcentual. »Pero se ata o ministro Montoro, que non Montero, lles advertía de que ían pagar máis», recriminou.

Ana Pontón: «O que se pregunta a cidadanía é en que gastaron o diñeiro»

Pontón lembrou que o Goberno do PP triplicou a débeda pública ata situala nos 14.156 millóns, sumando as colaboracións público-privadas, o que supón nada menos que 5.243 euros por habitante, e todo mentres recortaba en servizos públicos.

«Nunca na historia deste país tivemos tanta débeda, esta é a herdanza do PP» criticou, despois de lembrar que o pago da débeda é, cun incremento do 71%, a terceira partida máis alta dos orzamentos de 2024 despois da educación e a sanidade.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este mércores no Parlamento de Galicia / Foto: Xunta

«O máis grave é que o Partido Popular triplicou a débeda mentres recortaba en sanidade, en educación, en servizos públicos; triplicou a débeda sen construír nin unha soa residencia pública, triplicou a débeda a pesar de dinamitar a política social de vivenda e triplicou a débeda mentres se perdían miles de postos de traballo na pesca, no campo ou na industria», argumentou. «O que se pregunta a cidadanía é en que gastaron o diñeiro».

Pontón destacou que o acordo de investidura co PSOE logrado polo BNG achega unha solución ao problema xerado polo PP ao garantir un trato en igualdade para Galicia na condonación de débeda, exactamente o mesmo que acordou reclamar o Parlamento galego hai pouco máis dun mes pero que agora Rueda critica.

Alfonso Rueda: «Galicia é a comunidade que menos incrementou a súa débeda»

A líder nacionalista finalizou a súa intervención cunha pregunta directa: «Vai aproveitar o acordo do Bloque para negociar unha quita da débeda ou vai deixar pasar esta oportunidade simplemente porque o BNG conseguiu o que vostede non foi capaz?», preguntou a Rueda.

Na súa resposta, o presidente da Xunta asegurou que Galicia é a comunidade que menos incrementou a súa débeda, o que atribuíu á xestión «responsable» que exerceu o Goberno galego nesta materia nos últimos 14 anos.

Hipotecar ás próximas xeracións

«Temos unha política económica dun Goberno que decidiu non hipotecar as xeracións que viñan despois á vez que facía uns servizos públicos sostibles», defendeu Rueda, para afirmar que, na actualidade, a cada galego correspóndanlle 2.200 euros menos de débeda pública que ao español medio.

O presidente contrapuxo esa xestión coa practicada polo Goberno bipartito do PSdeG e BNG entre 2005 e 2009, ao que reprochou un incremento anual da débeda da 23% fronte ao 6% rexistrado desde entón durante o seu mandato e o do seu predecesor, Alberto Núñez Feijóo.

Tamén puxo en valor que a débeda sobre o Produto Interior Bruto (PIB) está na actualidade 6,5 puntos por baixo da media estatal, cando no 2009 estaba por encima, e destacou que Galicia é a cuarta comunidade con menor endebedamento por habitante cando hai 14 anos era a sexta.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail