Expulsións, despedimentos e candidatos a dedo avivan a crise interna do PSdeG

A Coruña.- A dirección do PSOE galego, que encabeza o presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, apurou nos últimos días varias decisións polémicas que avivaron a crise interna polo enfrontamento aberto entre os seus partidarios e os do exsecretario xeral, o excandidato á presidencia da Xunta e deputado autonómico Gonzalo Caballero.

A seis meses das eleccións municipais, o grupo parlamentario está dividido pola metade e a executiva de Formoso enfróntase ao malestar interno xerado pola proposta de expulsión do partido do deputado caballerista Martín Seco; pola suspensión das primarias en tres cidades onde ían presentarse candidatos non afíns á dirección, e polo despedimento de dúas traballadoras do grupo parlamentario autonómico, unha delas embarazada cando lle anunciaron a súa saída.

O venres pasado sóubose que o partido decidira suspender as primarias para elixir aos cabeza de lista das municipais nas localidades coruñesas de Narón e Ribeira e na cidade de Ourense, onde o portavoz municipal e gañador das eleccións de 2019, Rafael Rodríguez Villarino, que obtivo o récord de votos do partido na cidade aínda que sen maioría absoluta, e que dimitiu do seu cargo tras coñecer a decisión.

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, asegurou en declaracións ao diario Nós que o nomeamento directo de candidatos ás alcaldías deses municipios por parte da dirección decidírase por entender esta que «era a mellor fórmula» para designalos, fronte a quen defenden que deberían ser os militantes os que escollan. Estes acusan a Lage e a Formoso de minar a democracia interna e laminar a discrepancia impedindo que as bases locais se pronuncien a favor de militantes críticos coa dirección.

Valentín González Formoso / Foto: PSdeG

No caso de Ourense, o cabeza de lista será Francisco Rodríguez, que xa ocupou a Alcaldía da cidade entre 2007 e 2012, e quen foi detido en xuño dese ano por axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira pola súa implicación nunha suposta trama de corrupción, tráfico de influencias e branqueo de capitais. Rodríguez, que foi expulsado do partido, foi condenado en 2018 a sete anos de inhabilitación por un xulgado do Penal, aínda que absolto un ano despois pola Audiencia Provincial de Ourense, que recoñeceu a ilegalidade das súas actuacións pero rexeitou que fosen merecedoras de reproche penal.

No que algunhas fontes da facción contraria a Formoso cualifican como «estratexia de ameazas para acalar as críticas», na pasada fin de semana tamén se soubo que a dirección autonómica tiña proposto á executiva estatal a expulsión do deputado e secretario local de Arteixo (A Coruña) Martín Seco, baixo a acusación de «deslealdade», de «menoscabar a imaxe pública» da dirección e do secretario xeral e de manter «actitudes e discursos impropios e inadecuados en relación co posicionamento do partido».

As acusacións sobre Martín Seco refírense a unha intervención no pleno do Parlamento de Galicia na que o deputado expuxo a postura do seu grupo sobre un proxecto de lei impulsado polo PP. A posición do PSOE fora moi crítica coa norma durante toda a súa tramitación, ata que a dirección de Formoso decidiu que os deputados socialistas debían votar a favor no pleno tras votala en contra en comisión.

Fontes próximas ao secretario xeral xustifícano asegurando que Formoso pactara previamente coa Xunta o apoio socialista a esa lei. Luzes-Público tentou verificar esa versión co Executivo galego, que ao peche desta edición non a confirmaba nin tampouco a desmentira.

Gonzalo Caballero
Gonzalo Caballero

Na opinión de varios deputados o vídeo do Parlamento de Galicia demostra que Seco fixo un discurso respectuoso e correcto e que en absoluto incorreu en ningunha deslealdade nin menoscabo da imaxe do partido. Segundo eles, o parlamentario expedientado explica o cambio de posición e indica que os socialistas votarán cos populares por indicación da dirección da súa formación. O propio portavoz do grupo, Luis Álvarez, designado por Formoso en substitución de Caballero e que curiosamente asina despois o informe sobre o que se substancia o expediente contra o seu compañeiro, aplaudiu a intervención de Seco no pleno.

Militantes e simpatizantes socialistas crúzanse estes días mensaxes nas redes sociais, nas que caballeristas e mesmo antigos opositores ao exsecretario xeral acusan aos actuais dirixentes de executar «un axuste de contas en toda regra» contra os perdedores das primarias. «Os argumentos para incoar este expediente carecen de sustento xurídico e estatutario», escribiu hai días na súa conta de Twitter o exdiputado Juan Carlos Francisco, quen abandonou o seu cargo seis meses despois das primarias que gañou o presidente da Deputación coruñesa.

A deputada Noa Díaz, pola súa banda, lembrou que foi «testemuña directa» da intervención de Seco, que na súa opinión foi «máis que correcta». Para o tamén deputado caballerista Pablo Arangüena, «implantar unha especie de ‘dereito sancionador do inimigo’ nun partido democrático e suxeito ao estado de dereito sería un grave retroceso impropio dunha ideoloxía de avance».

Mentres, a actual dirección guarda silencio. De feito o secretario de Organización evitou pronunciarse sobre o expediente a Seco a pasada fin de semana cando anunciou a suspensión das primarias en Ourense, Narón e Ribeira, e limitouse a responder aos xornalistas que «ninguén esta por encima das normas do partido», pero sen detallar cales tería vulnerado o deputado no seu discurso.

José Manuel Lage Tuñas / Foto: PSdeG

Pola súa banda, Seco reitera que non se saltou ningunha delas, e advirte de que recorrerá á xustiza ordinaria se, como pretende a dirección, o PSOE estatal acepta a proposta da dirección autonómica de suspendelo preventivamente de militancia e expulsalo do partido e do grupo parlamentario. «Se é así, mantereime á espera da resolución xudicial sen exercer ningunha iniciativa como deputado, observando a posición dos meus compañeiros e compañeiras para actuar e votar con elas», asegura.

O certo é que a guerra interna do partido xa chegou aos Xil gados polos despedimentos de traballadores, que segundo os críticos non estaban adscritos a ningunha das faccións e cuxa saída consideran froito do interese da dirección en situar neles a persoas afíns ao actual secretario.

Este mércores, un maxistrado do Social presidirá a vista pola denuncia dunha das asesoras parlamentarias do PSdeG cuxo contrato foi rescindido tras a chegada de Formoso á secretaría xeral. A traballadora reclama a nulidade do seu despedimento e a reincorporación ao seu posto, dado que estaba embarazada cando llo comunicaron. O artigo 55 do Estatuto das Traballadoras declara expresamente nulo «o despedimento das traballadoras embarazadas».

Luzes-Público preguntou á dirección de Formoso se coñecía o estado de embarazo da súa empregada no Parlamento cando a despediu, e se se reformulou a decisión cando esta así o informou oficialmente no acto de conciliación no Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación no que o partido mantivo o despedimento. O director de Comunicación do PSdeG, con quen contactou este diario por teléfono e whatsapp, limitouse a enviar esta mensaxe como resposta: «Non estou autorizado a falar de cuestións que atañen á intimidade ou vida privada de terceiras persoas, non é a miña función».

Díaz Formoso (dereita) e Gonzalo Caballero / Foto: PSdeG

A propia figura do director de Comunicación tamén foi obxecto de controversia interna, tendo en conta que, segundo desvelou eldiario.es, cobra un soldo -máis de 60.000 euros anuais- como asesor da Deputación da Coruña, a pesar de que non traballa para esa institución senón para a dirección o partido, e ademais ten unha relación de parentesco co responsable de organización, segundo esre medio

Os críticos coa dirección socialista galega aseguran que esa contratación «está ao límite da corrupción, se é que non o supera», segundo sinala un alto cargo que pide gardar o seu anonimato. E lembran que durante a precampaña das últimas eleccións autonómicas galegas, nas que o PSdeG de Caballero mantivo os seus 14 escanos a pesar de que foi superado polo Bloque, outro asesor de Formoso na Deputación da Coruña pagou a Instagram e a Facebook para promocionar artigos negativos cara ao entón candidato socialista á Xunta.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail