Entre tanto e máis ruído nos medios de comunicación, houbo unha serie de frases que quedarán no anecdotario da pelexa política como unha caste de boutade, cuxa intención parecía non ser outra que tentar impresionar para obter un espazo na prensa e amosar así unha habilidade enxeñosa, aínda que tras dela non haxa máis que fume. Estoume a referir a batalla dialéctica dalgúns importantes cargos políticos en relación ao indixenismo, e de paso atacar o presidente de México, López Obrador. Sorprendeume a inxerencia na política dun país no que as empresas do IBEX teñen moito que perder. A modo de exemplo, dicir que o BBVA é a primeira entidade financeira daquel país, e eses ingresos procedentes de México supoñen un 36% do total do banco. Ata o Vaticano tivo que intervir na liorta.
Porén, tentei investigar que era o que estaba provocando semellante barrabasada diplomática. E atopeina. A razón que tería alporizado os ánimos é que unha desas grandes empresas eléctricas do IBEX-35 pode ser unha das grandes prexudicadas polo cambio que está impulsando o Goberno mexicano de López Obrador. Voilá, parece ser que temos xa a cuestión na que reside ese ataque visceral. Trátase, ademais, desa mesma empresa que se encara co Goberno do Estado español polos prezos da enerxía eléctrica, ou a que baleira os encoros.
O goberno mexicano pretende cambiar os artigos 25, 27 e 28 da Constitución para darlle máis poder á empresa eléctrica estatal, nunha reforma enerxética de fondo calado na que se cancelaran permisos xa concedidos a empresas privadas. Daquela enviaron o exercito patriótico a dar unha batalla ridícula e perigosa, xa que hai demasiados intereses económicos doutras empresas no país norteamericano. Pero eles seguen fieis a aquel retrouso da canción dos Nikis:
Con los Austrias y con los Borbones perdimos nuestras posesiones.
Esto tiene que cambiar, nuestros nietos se merecen que la historia se repita varias veces.
Lo, lo, lo, lo, lo, seremos de nuevo un Imperio.