Franco e o Satisfyer

Na vida xorden todo tipo de puntos de inflexión. Grandes, pequenos e, ás veces, titánicos. Os 40 anos de ditadura en España tivéronnos engaioladas coma paxaros, mulleres perfectas que no canto de berrar, cantan. A Sección Femenina asegurábase de que as nosas nais, avoas e bisavoas seguisen levando o peso de ter que gardar a casa, parir como cadelas e conservar a honra familiar sen perder o sorriso nin despeitearse. E no sexo, submisión.

«Si tu marido te pide prácticas sexuales inusuales, sé obediente y no te quejes». «Si él siente la necesidad de dormir, no le presiones o estimules la intimidad». «Si sugiere la unión, accede humildemente, teniendo siempre en cuenta que su satisfacción es más importante que la de una mujer. Cuando alcance el momento culminante, un pequeño gemido por tu parte es suficiente para indicar cualquier goce que haya podido experimentar». Son só algunhas das citas da Sección Femenina recuperadas por Tereixa Constenla neste artigo de El País de hai 10 anos.

Clase de costura organizada pola Sección Femenina impartida durante o franquismo. EFE.

Pero non foi ata agora, 44 anos despois da morte de Franco e 10 despois do texto de Constenla, cando comezamos a falar alto, claro e repetitivamente da reivindicación do pracer feminino como unha parte máis das conquistas femininas para igualarnos aos homes, de orgasmos ultraintensos e de estimuladores de clítoris. E que esta etapa histórica coincida coa inminente exhumación do caudillo de España por la gracia de Dios perfílase como un paralelismo perfecto e ata poético.

O 5 de agosto de 1939, trece mulleres de entre 18 e 29 anos foron fusiladas pola ditadura franquista tras atribuírselles un delito de «adhesión a la rebelión». As Trece Rosas tiñan algo en común: eran mulleres reivindicativas –algunhas do Partido Comunista, outras das Juventudes Socialistas Unificadas– que tiñan que sacar adiante as súas vidas e as dos seus nun réxime sen liberdades, e menos para elas; e que foron aterrorizadas, violentadas e mesmo abusadas.

O 28 de abril de 2019, a ultradereita volveu obter representación política en España e recentemente o seu secretario xeral afirmou na televisión pública que as Trece Rosas «torturaban, violaban y asesinaban vilmente». As súas familias e varios colectivos xa estudan medidas legais e veñen de poñer en marcha este manifesto de adhesións como símbolo de protesta, un manifesto que, no fragor da avalancha informativa que vai aparcando as burradas verbais da extrema dereita en caixóns de pó, aínda non alcanza as 1.000 sinaturas.

Como as Trece Rosas, foron moitas as mulleres que desafiaron o franquismo e os seus tufos posteriores, reivindicando os nosos dereitos ata conseguir, non sen esforzo e carreiras de fondo diante dos grises, a patria potestade sobre os fillos, viaxar soas, herdar bens, abortar, divorciarnos ou que se nos permitise abrir unha conta corrente. Pero o gozo das mulleres no sexo, enterrado durante séculos polo mito que transformaba a submisión feminina en romanticismo, e o romanticismo nun modelo a seguir, continuou a ser o elefante rosa en todos os cuartos.

Vímolo claro no fragor mediático da violación do San Fermín de hai 3 anos: a vítima foi sinalada, insultada, cuestionada, acosada e perseguida durante todo o proceso, mentres o xuíz Ricardo Javier González no seu voto particular aseguraba ver «actos sexuales en un ambiente de jolgorio y regocijo en todos ellos, y, ciertamente, menor actividad y expresividad en la denunciante», matizando que se trataba dunha «innegable expresión relajada, sin asomo de rigidez o tensión». De novo o sistema obviaba a consciencia e o pracer feminino ata converter a actitude submisa nun símbolo de consentimento. E de novo o movemento feminista foi decisivo nunha sentencia histórica que, non sen moitos xiros de guión, mandou cinco violadores a prisión.

Despois de tres anos de intensa reivindicación feminista, as mulleres estamos a vivir o que seguramente é un dos maiores puntos de inflexión das nosas vidas: rompemos os esquemas e negámonos a ser as perfectas nais, amas da casa, coidadoras e obxectos de consumo. Como fixeron no seu día as Trece Rosas, aínda que cuns obstáculos bastante máis discretos, pero amplamente permitidos. O pracer feminino está a deixar de ser un tabú cunha importante conquista: a industria do sexo xa non é unicamente falocentrista. Hai pracer máis alá do pene. Hai orgasmos máis alá do seme e a segregación de testosterona.

Quen anda nas redes sabe do Satisfyer, o exitoso nome comercial dun dos chamados estimuladores de clítoris, un xoguete sexual que consiste na emisión de ondas expansivas que prometen un aluvión de orgasmos intensos e, de desexalo, inmediatos. O produto está a ser tan revolucionario que centra numerosas conversas, nas que aínda se evidencia un notable pudor entre certos sectores femininos e, nos masculinos, un claro rexeitamento que se traduce en temor diante dun pracer feminino que non os fai partícipes.

O Satisfyer é control, e non submisión; é para calquera momento e calquera lugar (cabe nun bolso); é un berro máis que un xemido; é o maior inimigo da Sección Feminina de Franco, que onde vai que está morto, pero segue moi vivo. É, en definitiva, un poderoso punto de inflexión que propaga titulares centrados no pracer das mulleres. Incluído ese que moitas xamais experimentaron en parella.

«Molaría que abrisen a tumba de Franco e atopasen un Satisfyer», escóitase nun bar mentres un grupo de mulleres fala de feminismo, de fascismo, do camiño andado e do que aínda nos queda por andar. A risa, que non falte. E o pracer tampouco.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail