Un novo reenterro de Castelao

Las medallas son chapas de hojalata.

Las banderas son trapos de colores.

La Polla Records, Moriréis como imbéciles.

En datas recentes, nese altar necropolítico da montaña do Gaiás, levouse a cabo un novo reenterro de Castelao. Esta vez encabezou o mesmo un vergoñento discurso de Núñez Feijóo que buscou facer da obra unha mercancía inocua desde o punto de vista político, social e ideolóxico. Mais este non foi o primeiro reenterro de Castelao polos seus verdugos.

O 28 de xuño de 1984, no Panteón dos Galegos ilustres e contra a vontade de Castelao, eran reenterrados os seus restos polos seus verdugos. Todo isto mentres a policía infundía democracia a paus sobre unha cidadanía que mostraba o seu desacordo cara unha performance liderada por políticos, representantes da igrexa, policía, e dunha parte das elites culturais galeguistas apolíticas que xa había uns cantos anos que traizoaran a un Castelao exiliado. Para moitas persoas, ese día producíase a perda da inocencia no relato da transición; un movemento tan cínico coma intelixente o da simbólica data escollida para tal magno evento, o 28 de xuño de 1984, xa que conectaba directamente coa do plebiscito do Estatuto de 1936, apenas unhas semanas antes do cruel e sanguinario golpe de Estado.

Dende aquela, cada 28 de xuño prodúcese a entrega das medallas Castelao nunha continuación de tan macabra estratexia, unha maneira moi intelixente de borrar do mapa o recordo daquel Estatuto aprobado, con unha gran participación, durante a II República e moito máis positivo para o país que o que levamos sufrindo dende 1981, cuxa participación nas urnas non chegou ao 30% e que nos converteu nunha colonia; unha colonia de interior primeiro, e un dos alelos máis débiles do xenoma capitalista dun tempo a esta parte.

O obxectivo é diluír a súa figura ata que non quede rastro do auténtico Castelao, e resulta significativo á par que triste a nula protesta social -máis aló do activismo do click

Unha nova apropiación indebida produciuse en 2011 cando o Consello da Xunta declaraba Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial -primeira declaración deste tipo en Galicia- ao conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o cal  evidenciaba un novo intento de manipulación da figura dun dos pais do nacionalismo galego. Repetíase, a modo de movemento básico, o intento por ocultar a súa obra e borrar o seu pensamento. Se no ano 1984 a fórmula foi o traslado dos restos a Bonaval, en 2011 modificábase o método -moito menos  rimbombante- sen variar o fin. Podería parecer que con esta decisión dotábase do máximo nivel de protección á obra de Castelao, pero nada máis lonxe da realidade, ao ser a mesma unha declaración baleira e sen contido real.

O acontecido durante a primeira lexislatura de Núñez Feijóo, indica como aos seus verdugos continúa sen interesarlles que se coñeza e difunda a obra de Castelao porque esta desmonta os intentos de utilizar o de Rianxo coma  xustificador do actual Estado das autonomías. O obxectivo continuaba a ser o mesmo, diluír a súa figura ata que non quede rastro do auténtico Castelao, reenterralo declarándoo patrimonio inmaterial cando a súa extensa obra son bens materiais como libros, debuxos, cartas ou óleos.

Volvendo ao presente, resulta significativo á par que triste a nula protesta social –mais aló do activismo do click– que se produciu a un novo apropiacionismo e terxiversación; e por outra parte, que tipo de respecto institucional levou aos nosos representantes políticos de esquerdas a posar para a foto oficial do acto de desembalaxe de A derradeira lección do mestre? Non deberían ter abandonado os focos ao igual que Ánxeles Cuña Bóveda tras escoitar semellante ignominia do antigo vicepresidente de Fraga Iribarne? Por desgraza, todo semella que estamos peor que nos oitenta, e coa súa hexemonía cada vez máis e máis e máis asentada.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail