«Unha folga de mulleres é o máis machista» ou «dálle recordos ao comando Barcelona»: máis de dez anos de odio parlamentario de Tellado

A Coruña.- O discurso de deshumanización do adversario que o Partido Popular estatal abrazou desde que Alberto Núñez Feijóo asumiu a presidencia da formación, cuxo último exemplo foi acusar o Goberno de alentar a «violencia política», ten o seu embrión en Galicia. O actual secretario xeral de partido, Miguel Tellado, alumou aquí unha táctica feroz que o levou a relacionar a oposición co terrorismo, a pedir en público aos simpatizantes do PP que destruísen papeletas de Vox antes dunhas eleccións, a falar do destino en «caixas de piñeiro» que esperaba aos líderes de formacións rivais, e ata a acusar de machismo ás convocantes das folgas feministas do 8M.

Tellado, quen sempre atribuíu a dureza das súas declaracións á ironía, e que en contadas ocasións admitiu que poderían ser froito dun erro, accedeu a un escano no Parlamento de Galicia en 2012. Dous anos despois, en setembro de 2014, fíxose coa portavocía popular na Cámara autonómica, estreándose cunha entrevista no diario ABC na que alertaba de que a oposición estaba instigando o «odio» cara ao seu partido. En decembro dese ano repetiu a expresión e referiuse, desde a tribuna do Parlamento de Galicia e citando a novela 1984 de George Orwell, aos «dous minutos de odio» dunha intervención previa da entón deputada autonómica Yolanda Díaz, que denunciaba unha trama corrupta na adxudicación de axudas públicas para cursos de formación.

Díaz era entón portavoz adxunta de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), con cuxo portavoz titular, Xosé Manuel Beiras, Tellado mantivo varias sonoras grescas públicas. O número dous de Feijóo prometía en público que non ía contribuír «ao clima de crispación e enfrontamento» da política galega e española –«O que necesita recorrer ao insulto para descualificar as ideas do contrario é porque non lle quedan moitos argumentos para defender as súas propias», dicía–. Pero o 16 de marzo de 2016 as súas disputas con Beiras culminaron co de AGE expulsado da Cámara por encararse con el e aporrear varias veces a mesa do seu escano. O diario de sesións dese día non recolle as palabras que se cruzaron.

As folgas feministas son machistas

O 25 de febreiro de 2018, pouco antes da folga feminista convocada para o 8 de marzo dese ano, Tellado desacreditou aquelas mobilizacións e os seus convocantes ante as mocidades do partido, durante un encontro de Novas Xeracións do PP en Zaragoza. Afirmou que «unha folga de mulleres é o máis machista que se pode facer» e para explicarse, preguntouse: «Que sentido ten que as mulleres paren? É isto unha guerra de sexos? Non, non; estamos todos no mesmo barco, temos que traballar todos na mesma dirección, cando se convoca só ás mulleres, desviamos o tiro».

Impedir que os veciños voten a Vox roubando papeletas

O 7 novembro de 2019, nun mitin en Cee (A Coruña) poucos días antes das eleccións xerais do 10N dese ano, o secretario xeral do PP autonómico pediu ao seu auditorio que destruíse as papeletas de Vox distribuídas mediante correo electoral. «Quero convidarvos a que metades a man, agora cando cheguedes á casa, na caixa de correos dos vosos veciños, e collades os sobres da bandeira de España, que os abrades e os tiredes co sobre, e que tiredes esas papeletas ao cubo do lixo. Estaredes a facer o mesmo que se os vosos veciños usasen esas papeletas o domingo para ir votar e seguro que desa forma lle aforraredes un desgusto ao noso país». Poucos días despois, desmentiu que fixera unha chamada á sabotaxe e desculpouse asegurando que utilizara «un recurso metafórico» en ton de «chiste».

Unha caixa de piñeiro para Caballero

Na sesión plenaria do 14 de abril de 2021 no Parlamento de Galicia, durante un debate sobre unha moción do PP asinada por el que propoñía varias esixencias investidoras ao Goberno, Tellado chamou «palmeiros oficiais» aos deputados e deputadas do PSOE, cuxa actitude cualificou de «ridícula»: «Ao señor Caballero [Gonzalo Caballero, entón secretario xeral do PSdeG e portavoz parlamentario], en Ferraz [a sede da executiva do PSOE] están a prepararlle unha caixa de pino».

«Dálle recordos ao comando Barcelona»

O 22 de decembro dese mesmo ano, durante o debate sobre unha proposición non de lei do PP contra o independentismo, que tamén encabezaba a súa firma, Tellado dirixiuse a Olalla Rodil, deputada do BNG, para relacionar ata en tres ocasións con ETA á formación que lidera Ana Pontón, acusándoa de non condenar a violencia terrorista. Así o recolle a transcrición literal do diario de sesións dese día. «Vostede falou en castelán, e a min paréceme moi ben, porque supoño que é o idioma que utiliza Ana Pontón para felicitarlle as festas a Arnaldo Otegi. (Risas.) (Aplausos.) Oe, Arnaldo, bo nadal, Arnaldo, bo nadal! Dálle recordos ao comando Barcelona [responsable de decenas de asasinatos de ETA] (…) O nacionalismo galego, que pacta co máis radical do nacionalismo de toda España. Arnaldo, bo nadal!, e recordos ao comando Barcelona. Eses son os seus socios, cos que vostedes concorren (murmurios) nas eleccións europeas, comparten listas con eles; esa é a realidade. Vostedes (…) néganse de forma reiterada a condenar o uso da violencia (…) Representan vostedes un nacionalismo que non é capaz de condenar o uso da violencia no ano 2021 e un nacionalismo aliado con Bildu, señores. Por tanto, bo nadal, Arnaldo!, dálle recordos ao comando Barcelona. Ese é o BNG da señora Ana Pontón no ano 2021. (Aplausos.)».

Cando Feijóo accedeu á presidencia do PP en abril de 2022, Tellado acompañouno. Deixou o seu escano no Parlamento de Galicia e ambos asumiron un mes despois senllas actas de senadores por designación autonómica. Foi nomeado vicesecretario de organización territorial, primeiro, máis tarde portavoz no Congreso tras as eleccións xerais de xullo de 2023, e secretario xeral do partido dous anos despois. Varias das súas intervencións mostran que seguiu en Madrid a mesma estratexia que ensaiou en Galicia.

Burlas ante a fustrigación a Óscar Puente

O 29 de setembro de 2023, o ministro de Transportes, Óscar Puente, sufriu un incidente nun AVE Valladolid-Madrid cando un home o fustrigou e o increpou. Tellado burlouse de Puente nas súas redes sociais, lamentou que non soubese «encaixar unha crítica dun cidadán» –Lucas Burgueño, quen 15 días antes xa fora detido por acosar tres policías e ferir un deles lanzándolle un vaso nun bar, e quen logo foi encarcerado por extorsionar a súa propia familia–, e acusou o ministro de atrasar o tren por chamar á policía para denunciar os feitos. En decembro dese mesmo ano, Puengte volveu sufrir un incidente similar nun avión ao ser acosado por outro pasaxeiro.

Pedro Sánchez, do maleteiro á fraude electoral

O 13 de novembro de 2023, durante unha rolda de prensa, Tellado cualificou o presidente do Goberno en funcións e entón candidato á investidura, Pedro Sánchez, como «o maior perigo para a democracia», e engadiu que debería «irse deste país nun maleteiro». Dúas semanas despois, durante unha entrevista en directo na televisión, admitiu que aquelas frases podían «soar regular», pero aínda que asegurou que estaba disposto a retiralas, engadiu que Sánchez «chegou a presidente a través dunha gran fraude electoral».

As fotos de socialistas asasinados por ETA

O 9 de outubro de 2024, durante un debate no Congreso sobre a reforma dunha lei sobre antecedentes penais que o Goberno acordara, entre outros, con EH Bildu, Tellado enarborou unha cartolina coas fotos de once socialistas asasinados por ETA. Tamén as publicou nas súas contas de redes sociais, de onde as borrou tras as críticas dunha asociación de vítimas e das de familiares dos asasinados. Subliñou, con todo, que as borraba por respecto a esas persoas, pero que non retiraba «a intención» daquela perfomance: «Enfrontar o PSOE á súa propia miseria moral».

Sánchez, un «capo» con «tácticas mafiosas»

O pasado 30 de maio, durante un almorzo informativo en Madrid, Tellado chamou mafiosos ao presidente do Goberno e o seu equipo: «Este país non ten un Goberno, ten un capo aferrándose ao poder con tácticas mafiosas e cun equipo de gangsters». Engadiu que Pedro Sánchez «tamén ten os seus esbirros para tentar amedrentar aos seus inimigos» .

A fosa do Goberno

O pasado 6 de setembro, durante un acto de partido en Pamplona, o secretario xeral do PP inaugurou o curso político que acaba de comezar augurando que nesta etapa empezarase «a cavar a fosa onde repousarán os restos dun Goberno que nunca debeu existir no noso país».

Os terroristas que aplauden a Sánchez

O día despois de que a última etapa da Volta ciclista a España tivera que ser suspendida polas protestas contra o xenocidio en Gaza, Tellado enfrontouse na 1 de Televisión Española á xornalista Silvia Intxaurrondo, que lle preguntou se condenaba expresamente ao Goberno israelí polos asasinatos de miles de nenos documentados pola ONU e Unicef. O secretario xeral do PP respondeu que aínda que «a ninguén lle gusta o que está a suceder nestes momentos en Gaza», non podía cualificalo de xenocidio porque iso «corresponde á Corte Penal Internacional». Inmediatamente, relacionou ao Executivo de Pedro Sánchez co terrorismo: «Nós, desde logo, con quen non estamos é con Hamás, con organizacións terroristas internacionais que nestes momentos aplauden ao Goberno de España».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail