Habitar o baleiro

O oxímoro de habitar o baleiro

Fáisenos ruína a memoria canda as pedras. Vannos caendo os recordos por un buraco dos petos do pantalón e ciscamos sen querer topónimos, receitas, o calendario das colleitas, tradicións, refráns e ditos populares. Sorte de quen vén por detrás co angazo para ir recollendo e sementando.

Segundo os datos máis recentes do Instituto Nacional de Estatística (INE), no 2023 había 4.307 entidades singulares en Galicia con menos de tres habitantes. En 1.880 delas non vivía ninguén. Son 816 máis ca no 2000, o ano máis antigo sobre o que é posible obter esta información. O despoboamento afecta especialmente nas áreas montañosas de Lugo e Ourense (os Ancares, O Courel, o macizo central ourensán ou Trevinca), onde a poboación minguou nun 70% nos últimos 60 anos.

Conta un paxariño que a xornalista Marta Veiga Izaguirre, cando menos nos seus tempos en El Progreso, reivindicaba acotío o «xornalismo de corredoiras», ese que procura historias máis alá das axendas institucionais, as convocatorias de prensa ou as fontes habituais. É un traballo máis repousado ese de remexer en toda a realidade que frecuentemente queda fóra dos medios. Esixe tempo e paciencia. Esixe, ás veces, facer tres viaxes en furgoneta por Folgoso do Courel arriba ata que a veciña á que lle preguntaras o primeiro día por unha lareira acaba por convidarte á que ten na súa propia casa.

O fotoxornalista Brais Lorenzo (Ourense, 1986) é o condutor desa furgoneta. Por dentro é funcional, mesmo fai o avío para durmir nela un par de noites cando é preciso; por fóra, case que espanta, admite entre risas. Das necesidades da prensa diaria local e dun interese compartido co xornalista ourensán Javier Fraiz, naceu a idea de artellar un proxecto que prestara atención a esa forma de vida que ía esmorecendo nunhas aldeas cada vez máis baleiras. Ese foi o xerme de Habitar o baleiro, un proxecto xornalístico multiplataforma con vocación de longo percorrido que busca documentar ese rural de casas deshabitadas, de persoas maiores que viven soas, pero tamén un rural vivo e con futuro grazas a novas iniciativas e veciñas que apostan por el.

A fotografía é o eixo principal de Habitar o baleiro, que reúne imaxes tomadas ao longo de dez anos por Lorenzo, pero non o único. Textos e pezas audiovisuais traballadas en colectivo completan o proxecto, que medra a través dunha web propia, as redes sociais ou a publicación de reportaxes en medios galegos e estatais. «A fotografía é como un carballo. Vai collendo pólas de aquí e de acolá», explica Tono Arias, tamén fotógrafo e coordinador dunha desas pólas que lle foron saíndo á árbore das landras, quizais a que máis alegría lle está dando ao equipo: a exposición que xa pasou polo Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela, polo centro cultural Marcos Valcárcel de Ourense e que agora está dispoñible no Museo Provincial de Lugo ata o vindeiro 20 de abril.

«A fotografía é como un carballo. Vai collendo pólas de aquí e de acolá» (Tono Arias)

«Dende o xornalismo temos unha débeda co rural e co que está desaparecendo. Ten sentido que quen tiremos por iso sexamos xornalistas desta xeración», sostén Cláudia Morán (A Coruña, 1990), unha das voces de Habitar o baleiro desde a parte da escrita e recollida de testemuños, canda a Lucía Abarrategui, Manolo Broa, Alba Moledo e Sergio Pascual. «Nós vivimos un rural que foi desaparecendo cando fomos nenos, pero tamén coñecemos outro rural aínda que non o viviramos, o que nos contaron nosos avós e nosas avoas, e que agora se vai borrando da memoria porque eles van morrendo». Hai unha vontade de preservalo e de abrir debate sobre unha temática que nos afecta a todas. «Mentres traballamos nisto descubrimos que existe un discurso que dá o rural por amortizado, pero non é verdade. Non está morto, hai vida. Hai menos xente ca antes, hai unha problemática importante de illamento, soidade e abandono, pero tamén proxectos que se abren paso, moitas veces vencellados ao sector primario dunha maneira renovada», apunta Cláudia. Se cadra por iso a descrición que máis axiña lle vén á lingua a Brais Lorenzo ao querer explicar as intencións do proxecto é a da combinación de luces e sombras. É así tanto dende unha perspectiva máis metafórica como dende a máis puramente formal, co xogo de luces que devolve imaxes máis frías e desesperanzadas para retratar a soidade ou outras con tonalidades máis cálidas para mirar o futuro con certa ilusión.

«Virán os lobos comernos, e ala!», di unha muller de Chandrexa de Queixa

«A xente maior das aldeas non é optimista. Ven que están quedando sós. Os que teñen familia reciben visitas, pero non lles van vivir alí. Teñen o pesimismo, non ven futuro a medio e longo prazo. Pero non están dispostos a abandonar eses lugares». A moitos encantaríalles, por exemplo, que abrisen casas rurais ou vivendas turísticas. «Como non lles vai parecer ben se están alí sós?», pregúntase Cláudia. Velaí aquela muller de Chandrexa da Queixa que lles chantou unha frase que aínda lles resoa: «Virán os lobos comernos, e ala!». A neta, de 22, veciña dunha vila algo máis grande, soña con poder vivir naquela aldea, pero non atopa forma.

Na procura de historias que termasen desa dualidade, nesas corredoiras transitadas en furgoneta e grazas ao fío infinito do boca a boca, deron coas personaxes do Entroido Ribeirao en Santiago de Arriba (Chantada), coa xente de Puxedo (Lobios) que recupera os traballos tradicionais da sega, coa asociación de mulleres Teitos de Piornedo, ou con Lucero, o can dun dos catro veciños que habitaban Espasa (Chandrexa da Queixa) cando Brais foi por alí. Lucero, que protagoniza a imaxe de cabeceira de Habitar o baleiro xunto o seu dono e outra veciña, é o único dos tres que aínda segue vivo. Brais sóuboo polo fillo do home. Achegouse á mostra en Ourense e contoulle que seu pai morrera. Agora ten a fotografía na casa.

«Existe un discurso que dá o rural por amortizado, pero non é verdade. Hai menos xente ca antes, pero tamén proxectos que se abren paso» (Cláudia Morán)

«Ti non chegas a un lugar e a xente xa che abre a porta da casa. Ás veces xorde de vínculos previos con outras persoas que lles falan de ti; outras, nace de conversar da vida. Logo xa vén esa segunda fase de acender a gravadora e facer unhas fotos, pero a primeira fase é imprescindible». Para Cláudia Morán, as relacións de confianza que foron tecendo durante este proxecto son as que o fixeron posible. Xornalismo de ida e volta. «Estás con eles unha mañá enteira e meses despois volves por aló. Houbo casos nos que contaban que se lembraran de ti todo ese tempo, que preguntaban cando habiamos volver. Iso tamén dá unha pincelada de como o viven, desa soidade que teñen. Así que é unha contraprestación: nós obtemos unha información moi valiosa, pero eles tamén se senten acompañados con esa conversa con nós».

É un diálogo, ademais, que se prolonga no espazo-tempo. Hai familiares das persoas protagonistas que acoden ás inauguracións das exposicións nas distintas cidades, ou ás visitas guiadas que organizan de tanto en tanto, e que van ampliando e actualizando a información sobre a fotografía orixinal. Algúns morreron, outros enfermaron, outros seguen no mesmo sitio… «Por certo, Brais, hai que volver onda o matrimonio maior de Toubes (San Cristovo de Cea), que xa hai uns meses que non os vemos», interrompe a esta altura Cláudia.

«Queremos que sexa onde só imos as fins de semana? Ou que sexa un modo de vivir? (Brais Lorenzo)

A temática medioambiental tamén está moi presente en Habitar o baleiro, con impresionantes fotografías de incendios que queiman nada máis con miralas, reflexións sobre a instauración de parques eólicos que alentan a repensar os discursos urbanitas ou relatos de mobilizacións sociais contra proxectos como o da macrocelulosa de Altri na Ulloa. A pregunta fundamental que se fai Brais Lorenzo a este respecto é a de que queremos que sexa o rural: «Queremos que sexa unicamente o anexo das cidades como xeradora de alimentos, enerxía e masa forestal? Queremos que sexa o lugar a onde só imos as fins de semana nun momento de lecer? Ou queremos que sexa un modo de vivir e de estar no territorio con proxectos cada vez máis sostibles? Este é un momento no que a sociedade debería tomar posición. Nós o que podemos facer dende o xornalismo e dende a foto documental é dotar a xente de información para iso».

Con todo, evitan converter isto nunha responsabilidade ou vontade individual, así que o proxecto é crítico coas políticas institucionais e os discursos de falsa aposta polo medio. «Todo isto tamén nos apela directamente como profesionais. Queremos achegar información a medida que investigamos e imos comprendendo, porque Habitar o baleiro tamén nace desde un nivel persoal para entender que está acontecendo, como se está baleirando o rural e por que non está na axenda mediática e política dun xeito real e de maneira transversal».

Os folgos diríxense agora á creación dun documental audiovisual

A exposición Habitar o baleiro xa foi vista por máis de 7.000 persoas desde que se inaugurou en xuño do ano pasado en Compostela, construída con imaxes, textos, vídeos e audios que fan desta visita unha experiencia máis inmersiva. Os folgos diríxense agora, amais de a seguir adiante coa difusión de todo o material, á creación dun documental audiovisual coa axuda dos compañeiros da cooperativa Metrópolis. Ás historias que seguen buscando queren sumarlles voces expertas para situar con rigor a temática que abordan. «Pero como sintetizas o que pasa no rural de Galicia?», dubidan, conscientes da complexidade e da diversidade que ese concepto engloba. Niso andan.

Asemade, xa teñen a mirada posta nos vindeiros pasos da mostra, que pretenden levar ao resto de cidades de Galicia, pero tamén a vilas ou lugares máis pequenos. Aí é onde o baleiro se vai enchendo. Foi Lucía Abarrategui, outra xornalista que tamén forma parte do equipo, quen pensou que a propia idea de «habitar o baleiro» é un oxímoro en si mesma. «Se o habitamos, o baleiro deixa de existir. Ás veces, a incerteza esmagadora do futuro impídenos ver os xermolos».

Aínda con iso na cabeza, xorde a pregunta de cales son as fotografías que Brais Lorenzo imaxina que pendurarían nas paredes da exposición de aquí a vinte anos. «Tristemente, e sendo honesto, ou estoupa todo nas cidades de forma que o sistema entre en crise e a xente volva ás aldeas, ou a imaxe será algo como en Chernóbil despois da catástrofe. Algo completamente paralizado». Mais quere deixar espazo para as luces: «É que moita xente iría ao rural se houbese traballo e servizos, non só relativos á sanidade ou á educación, senón tamén á cultura. A xente moza precisa doutra xente moza alí. Se iso fose así, recuperaríase ese sentido de vida comunitario do rural».

Nas visitas guiadas que organizan pola exposición, adoitan lanzarlle contra o final ás asistentes a cuestión de que cren que vai suceder co rural en Galicia. As respostas bailan entre o optimismo e o pesimismo, entre a chamada a unha implicación política administrativa e a unha decisión individual. Pero hai tamén outra reflexión que se repite: «Se pensamos no rural dos nosos avós e bisavós, ese claro que vai desaparecer. Xa está desaparecendo. Se pensamos noutro rural máis adaptado á vida de hoxe, por que non?».

[Todas as fotos son de Brais Lorenzo]
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail