A Cultural War e os señores da nube

O seu obxectivo é acadar o poder, todo o poder posíbel e en todas as instancias. O futuro do mundo é incerto. Mais hai unha certeza. En mans dos aprendices de bruxos, da nova barbarie reaccionaria, os problemas serán axiña grandes desastres.

O que ofertan, espallan e venden os capos da Cultural War, e os seus soldados e peóns na ‘batalla ou guerra cultural’, é unha suma de negacionismos, un compendio do que George Steiner chamaría «cultura da barbarie». O método para espallala resúmese no belicismo semántico do seu superheroe planetario; a estratexia que Donald Trump aprendeu do seu mestre, o sinistro avogado de mafiosos Roy Cohn: «Atacar, contraatacar e nunca desculparse». Unha mostra recente, e máis ben tibia, dese estilo de golpe verbal permanente é o xeito de Trump para referirse a Kamala Harris: «tola», «chalada» e «tonta como unha pedra».

Certo que os imitadores de Trump en España aínda van máis alá, nunha especie de campionato de alcumes para os referentes progresistas. Os presuntos moderados, sexan políticos ou arietes culturais ou xornalísticos, perden a compostura e tornan en easy triggers ou gatillos fáciles que entran de cabeza no que un intelixente liberal como Karl Popper chamou a «lei de especies picantes». É dicir: para ter un titular ou certo impacto, o disparate de hoxe ten que ser maior que o de onte.

Esta enxurrada reaccionaria da Cultural War semella ter moi estudados os principios da propaganda de Goebbels, pois, entre outros, combina moi ben o da «esaxeración» e a «orquestración» co do «silenciamento». Por unha banda, convértese calquera anécdota ou loiada (referida ao progresismo) nunha «ameaza grave», que cómpre repetir unha e mil veces até que moita xente o asuma como verdade catastrófica. Por outra banda, o principio do silenciamento consistía en «calar sobre as cuestións nas que non se teñen argumentos e disimular as noticias que favorecen o adversario». E tamén contraprogramar coa axuda de medios de comunicación afíns: «Se non podes negar as malas noticias, inventa outras que a distraian».

A Cultural War significa, xa de entrada, unha guerra contra a cultura. Baséase, na práctica, noutro dos once puntos de Goebbels: o principio da vulgarización. «Toda propaganda debe ser popular e adoptar o seu nivel ao menos intelixente dos individuos ao que vai dirixida».

Inspirada ou non directamente, a internacional reaccionaria aplica isto de xeito metódico. E ao igual que o ‘irresistíbel ascenso’ de Adolf Hitler sería incomprensíbel sen o apoio do grande magnate da comunicación Alfred Hugenberg, dono de xornais, revistas e, sobre todo, da UFA e os «noticiarios cinematográficos», os capos da vixente Guerra Cultural non terían a crecente influencia que teñen de non contar co apoio e cobertura dos Hugenberg do noso tempo. Algúns vellos e, sobre todo, os novos magnates do poder mediático. Os Señores da Nube.

Negación da emerxencia climática, negación da violencia de xénero, negación da diversidade, negación da dignidade humana dos migrantes, negación do diálogo como ferramenta de paz… A suma de negacionismos é a barbarie. A cultura é unha crianza da excitación creativa. E a barbarie é o seu envés: o dominio da excitación destrutiva.

O trazo principal nesta nova xeira reaccionaria non radica na calidade e natureza das ideas que se pretenden impoñer, pois non deixa de ser unha produción incesante de mofo híbrido de paleoconservadurismo e ultraliberalismo. O estupefaciente español, por exemplo, vén sendo o mesmo que o do integrismo tradicional, co Syllabus de Pío Nono pregoando os «erros modernos». En vez das Santas Misións para Recatolizar España no franquismo, os altofalantes en autobuses de Hazte Oír.

A primeira vítima desta Guerra Cultural é o pensamento conservador democrático. Falar hoxe de Angela Merkel na dereita é case como nomear, permítase a ironía, a Rosa Luxemburgo. Mais todo este xurro, por moitas macro-granxas de propaganda que cebe o tecnofeudalismo, semella tan inconsistente e delirante que pode abanealo o oportuno estrelampo dun futbolista como Mbappé.

Fronte á Cultural War, o pensamento alternativo. E que é hoxe o pensamento alternativo? Simplemente, pensar.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail