Empregando a metodoloxía do campo literario de Pierre Bourdieu, Mario Regueira asina o ensaio Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1936-1966), (Xerais, 2020). Un traballo baseado na súa tese de doutoramento que, como outras teses defendidas nos últimos anos, ten ao grupo Galaxia como obxecto de estudo.
Entre esas teses de publicación recente, quen isto escribe leu apenas a de Cristina Martínez Tejero, outro traballo destacable que versa sobre o control do discurso de e sobre Galaxia por parte do círculo da editora; entendido este, ademais, coma un «grupo de poder».
No caso do libro que nos ocupa, Mario Regueira céntrase no período que vai da guerra civil e inmediata posguerra ata os anos de fundación do nacionalismo político marxista. Un tempo no que o traballo intelectual galeguista do interior se reconstruía paseniño adaptándose á realidade sempre mediada pola censura e a folclorización da lingua e identidade galegas do primeiro franquismo e que, co paso do tempo, irá reclamando, coma o resto da sociedade, cotas máis amplas de apertura intelectual e política.
Regueira comeza pola creación das primeiras estruturas estables nas que aqueles intelectuais tentarían revivir a cultura literaria galega, con exemplos coma o Instituto Padre Sarmiento, Bibliófilos Gallegos, o Patronato Rosalía de Castro ou o suplemento cultural do xornal compostelán La Noche. Un tipo de institucións nas que a consideración do feito literario galego non dependerá aínda do criterio filolóxico senón doutros criterios subxectivos como poidan ser a temática ou o lugar de nacemento do autor.
Mario Regueira céntrase despois na aparición da editorial Galaxia, empresa que, sobre todo a través da figura de Carvalho Calero, incidirá no criterio filolóxico como definidor de que cousa sexa literatura galega. Se ben a gran ascendencia de Ramón Piñeiro e as súas ideas arredor do canon literario galego contribuirán a que os criterios subxectivos —como os da presenza do poético, do fantástico, do humorístico, do rural ou do saudosista— permanezan como definidores do ser da literatura galega. Un canon que, por outra banda, non se entende sen a ruptura do galeguismo do interior co da emigración e exilio e, por tanto, coa tradición republicana e antifascista deste, así como sen a persistencia do réxime franquista despois da derrota do Eixe en 1945.
«A obra que funcionará como un contramodelo absoluto á proposta normativa galaxiana será A esmorga»
Só coa emerxencia dunha nova xeración, a da chamada Nova Narrativa, con vontade de autonomizarse a nivel autoral a respecto do canon implícito en Galaxia, será que as influencias do Noveau Roman francés e do existencialismo, nun primeiro momento, e do marxismo, despois, fagan aparición na literatura galega moderna a través de nomes coma Xohán Casal, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, Camilo Gonsar ou Carlos Casares. Se ben será un autor coma Gonzalo Rodríguez Mourullo quen introducirá, xa con anterioridade, outras estéticas e xeitos de narrar influídas por autores coma Faulkner, Kafka ou Albert Camus.
Polo que toca ao exilio, avanzado o tempo serán persoas como Luís Seoane ou Eduardo Blanco-Amor, así como outras figuras do interior, pero excéntricas a respecto do grupo Galaxia, como Neira Vilas ou Eliseo Alonso, as que introduzan ideas e xeitos de facer diferentes no campo literario galego. Como escribe o propio Regueira: «A obra que funcionará como un contramodelo absoluto á proposta normativa galaxiana será A esmorga […]. A esmorga non só fai unha aposta polo realismo, senón que a localiza nun ambiente urbano (a cidade de Ourense) do que se inclúen os elementos periféricos» (p. 213).
Fóra do estritamente literario, cuestión que interesará sobre todo ao público especializado, o ensaio de Mario Regueira suxire, no epígrafe titulado «Entre o humanismo e a posmodernidade», algunha clave que toca a dimensión política e ideolóxica do núcleo galaxiano. Por exemplo, cando o autor reflexiona sobre o Ramón Piñeiro dos anos cincuenta, para quen o pobo galego era unha sorte de entidade metafísica, vital e espiritual «allea á Historia». Unha actualización dos postulados místicos de Vicente Risco enchoupados das ideas conservador-revolucionarias de Martin Heiddegger, pero aderezadas, tamén, coa fe nunha sorte de elite intelectual constituída por individuos selectos e encargada de custodiar esa visión esencial e ahistórica —é dicir, apolítica— do pobo galego.
Ademais, o autor sinala o aire de familia dalgúns dos postulados piñeiristas coas ideas da «fin da Historia». A este respecto, cabe lembrar que no París da altura, Alexandre Kojève utilizaba a Hegel, non moi acaidamente segundo os hegelólogos actuais por certo, para apuntalar esa mesma idea da fin da historia.
Escribe Mario Regueira: «Podemos falar dunha especie de posmodernidade adaptada no caso galego de posguerra, entendendo esta como un proceso de adaptación ao final ou á crise da modernidade. Vemos así, uns herdeiros ideolóxicos incapaces de artellar o que Vattimo chamaría un pensamento forte e que, sen perder de vista as dificultades impostas polo contexto franquista, non deixan de recorrer a textos laterais, insinuacións e artigos filosóficos para constituír algo que, no fondo, é unha ideoloxía imanentista de carácter identitario» (p. 222). E continúa: «A impugnación da política convencional organizada en dereitas e esquerdas […] permite ao grupo de Galaxia aproveitar a colaboración con determinados elementos próximos á ditadura, ben sexa como arrepentidos, cómplices ou como elementos plenamente integrados nela» (p. 222).
Ao meu ver, esta intepretación de Mario Regueira da liña ideolóxica de Galaxia, liga a ese grupo e, en concreto, a Ramón Piñeiro, a outros intelectuais contemporáneos que actuaron coma ponte entre o pensamento irracionalista e conservador de preguerra e a tecnocracia pos-política, e curiosamente positivista, de posguerra; sendo Ortega y Gasset, no Estado español, quen encarnaría mellor, na súa propia biografía, ambos estremos, o conservador-revolucionario e o liberal-tecnocrático.
As dúas correntes, a irracionalista-vitalista e a tecnocrática posmoderna tiñan o background común do nietzcheanismo: vitalismo relativista e crenza na existencia de elites excepcionais creadoras de mundos e separadas das masas. Así, por exemplo, a Hannah Arendt que condena toda ideoloxía revolucionaria como conducente inevitablemente ao totalitarismo e exculpa ao oficial nazi Adolf Eichmann da Solución Final ao velo —cun argumento propio do Kulturpessimismus alemán— coma o prototipo de home sen capacidade de pensar (cuxo mal, por tanto, é banal) enxendrado pola abstracción da técnica e o poder na modernidade. Ou o católico franquista Gonzalo Fernández de la Mora que en 1966 escribía El crepúsculo de las ideologías, na estela do Daniel Bell de The End of the Ideology (1960), auténtico canto aos tempos tecnocráticos que vivía o Estado español da altura e que continuarán ata o presente.
Canda isto, outra ideas de interese que se extraen do exposto por Regueira: por exemplo, a referencia a como este galeguismo literario do interior se reconstruirá en colaboración con sectores do que o autor chama «falanxismo romántico» (nos que hai que incluír a Álvaro Cunqueiro). Un falanxismo romántico e un tradicionalismo de raigaña carlista (velaí o guipuzcoano José Goñi, director de La Noche) que, de xeito natural, non vía con malos ollos certo rexionalismo e uso folclórico-sentimental das linguas diferentes do castelán. A vinculación do mundo Galaxia con ese particular falanxismo intelectual é coherente con fenómenos análogos sucedidos noutras partes do Estado e sinalados, por exemplo, por Gregorio Morán en El cura y los mandarines (2014), estendendo a influencia dese falanxismo á intelligentsia próxima ao PSOE que acabará, dalgún xeito, creando o que se deu en chamar a Cultura da Transición en tanto que decantado de cultura posmoderna, consensual e aproblemática, perfecta para os tempos do piloto automático tecnócrata no que toca á política económica.
Tamén o historiador valenciano Carles Sirera apunta ese vencello entre os intelectuais falanxistas e o PSOE, ata o punto de que, para el, a xénese do bipartidismo que marcou a vida política española ata a crise financeira de 2008 hai que procurala nos tecnócratas do Opus Dei como pais da dereita neoliberal e no falanxismo intelectual como antecedente dun PSOE reinventado ad hoc para evitar que o PCE ocupase o espazo da esquerda no contexto estatal. A síntese deses dous mundos fundirase, na Transición, na idea hipertecnocrática e teleolóxica de Modernización coa que, aínda hoxe, nos fustrigan desde os medios de comunicación do establishment cada vez que pretenden dar algún machadazo aos petos das clases populares.
Unha cultural consensual, esta, que ten o seu correlato no galeguismo da autoidentificación producido por Realidade Galega, think tank de noso que xerará a argamasa cultural autonomista que tantos réditos deu na creación da hexemonía cultural do fraguismo e que aínda hoxe, en 2020, cando Galaxia xa non cumpre un papel tan central e o neoespañolismo espido asoma a pata, segue a dar os seus dividendos, cando menos en campaña electoral, a Alberto Núñez Feijóo.