Ecoloxistas e mariscadoras acusan á Xunta de «desidia» pola contaminación nas rías galegas

A Coruña.- Un total de 43 asociacións ecoloxistas e organizacións de pescadores e mariscadoras reclamaron este martes á Xunta medidas urxentes para acabar cos vertidos contaminantes nas rías galegas que, segundo aseguran, provocaron o ano pasado un drástico descenso na produción de marisco nos principais estuarios.

Os colectivos acusan á Xunta de «abandono e deixamento» na protección ambiental dos ecosistemas das rías e lembran que levan anos reclamando aos Gobernos de Alberto Núñez Feijóo e do seu sucesor, Alfonso Rueda, «a rexeneración integral das rías, o control efectivo dos vertidos e un plan de rexeneración urxente dos bancos marisqueiros cunha forte dotación económica para [emprender] un estudo multidisciplinar que analice as causas desta alarmante deterioración progresiva», subliñan nun comunicado.

Segundo as cifras que manexan as citadas asociacións, a produción marisqueira reduciuse en 2022 case en dous terzos nalgunhas especies con respecto á media dos vinte anos anteriores: un 69% en ameixa babosa e loura, máis dun 60% en ameixa fina e un 23% en berberecho.

«Das rías vivimos miles de familias e a súa actividade produtiva primaria é un motor socioeconómico para todo o tecido produtivo da contorna e de Galicia», subliñan.

Perdas de 25,7 millóns

Os datos facilitados por esas organizacións apuntan a que a contaminación, os vertidos, o mal funcionamento das estacións depuradoras e a baixa calidade da auga dos ríos que desembocan nas rías provocou o ano pasado unhas perda de 25,7 millóns euros, dos cales máis de 14 millóns corresponden á ría de Arousa.

«Este desenso afecta directamente os postos de traballo. En 2001 tiñamos en Galicia 6.551 permiso de explotación marisqueira e no o ano 2022 eran 3.614».

Os afectados critican «o abandono e desleixo das súas responsabilidades competenciais» por parte da Xunta e alertan da «andamiaxe legal» construída polo Goberno autonómico destinada a «recortar dereitos ambientais e promover e axilizar outras iniciativas empresariais» como a minería, a acuicultura industrial e a enerxía eólica, «que son claramente lesivas para o medio ambiente e os sectores produtivos de Galicia, favorecen intereses foráneos minoritarios e crea menos postos de traballo que os que destrúen».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail