Axudas e convenios tramitáronse sen concurso público eludindo as garantías de concorrencia, transparencia e control
A CORUÑA.- Alberto Núñez Feijóo pagou preto de 45 millóns de euros ás empresas editoras de medios de comunicación privados mediante axudas a dedo e convenios opacos de propaganda institucional, dirixidos en moitos casos a que a prensa glosase a súa acción política durante os seus trece anos de goberno en Galicia.
Nesas cantidades non están incluídas as partidas que as consellerías da Xunta e as empresas, fundacións e axencias dependentes da Administración autonómica pagan polas insercións publicitarias convencionais que adoitan facer en prensa, radio, televisión e medios dixitais.
Tampouco os máis de 1,25 millóns que o Goberno galego pagou o mes pasado a xornais, televisións e radios nacionais con sede en Madrid cando Feijóo xa dimitira, exercía de presidente en funcións e preparaba a súa chegada a Madrid como novo líder do Partido Popular.
En total son 44,7 millóns de euros, que tampouco inclúen as axudas convencionais para cuestións como a promoción económica e o mantemento do emprego que as sociedades editoras poden solicitar como calquera entidade mercantil.
Convenios opacos
O principal mecanismo ao que recorreu Feijóo para derivar diñeiro público ás empresas de comunicación foron os convenios de colaboración, un instrumento que lle permitiu repartir fondos sen convocar un concurso público para adxudicalos eludindo os requisitos de publicidade, concorrencia, transparencia e control sobre o cumprimento dos obxectivos do gasto, que si se garanten nos procedementos abertos que establece a Lei de Contratos do Sector Público.
Desde que chegou á Xunta en 2009 e ata que a deixou a finais de abril pasado, a Administración galega entregou aos medios máis de 25,9 millóns de euros mediante máis de 650 convenios que os comprometían en todo tipo de accións.
Algunhas tiñan carácter xenérico, desde «potenciar o uso do idioma galego» ata «fomentar a lectura de prensa escrita» entre os estudantes e «promocionar a capitalidade de Santiago», pero sen que a Xunta establecese requisitos sobre a maneira facelo nin como controlar que efectivamente se facía. Outras estaban centradas especificamente na cobertura «mediante entrevistas e reportaxes» da actividade política da Xunta e as súas consellerías, para que aparecese como información propia dos medios e non como mera propaganda institucional.
Algúns dos convenios mesmo están subscritos e financiados por entidades alleas á materia obxecto do convenio. Por poñer un exemplo recente, a Axencia Turismo de Galicia distribuíu en maio de 2020 máis de 860.000 euros entre unha vintena de diarios e emisoras de radio para unha campaña informativa sobre as medidas de desescalada da emerxencia sanitaria, coas que a citada axencia nada tiña que ver a pesar de que a memoria do convenio así o asegura.
Axudas a dedo
O segundo instrumento mediante o que Feijóo repartiu diñeiro ás grandes compañías de comunicación foron as axudas directas entregadas a dedo pola Secretaría Xeral de Medios, tamén sen concurso público e, polo tanto, non suxeitas na súa distribución a máis criterios que a decisión sen motivar dos responsables dese departamento, que dependía directamente da Presidencia da Xunta.
Entre 2011 e 2021 –non existe información pública sobre os exercicios do 2009 e o 2010– a Administración galega adxudicou axudas a dedo por valor de 17,8 millóns de euros, concentradas en sete grupos de comunicación editores de prensa escrita e titulares de emisoras de radio na comunidade. Na exposición de motivos das resolucións que as anuncian, a Xunta xustifica as axudas na necesidade de contar con «medios de comunicación plurais e independentes».
Feijóo fíxose co poder en Galicia en 2009 por só un escano de diferenza coa oposición, en plena crise financeira e tras unha campaña prometendo austeridade. Foi encadeando recortes en sanidade, educación e servizos sociais desde o seu primeiro mes de goberno, pero o orzamento de subvencións a dedo á prensa seguiu crecendo á vez que o PP repetía en Galicia maiorías absolutas máis folgadas. Mesmo coa nova crise derivada da emerxencia sanitaria, as axudas non minguaron. No 2020 chegaron a 1,89 millóns de euros, e no 2021, a 1,98 millóns.
A principal responsable da repartición dese diñeiro foi Mar Sánchez Sierra, xefa de prensa de Feijóo cando estaba na oposición e quen ocupou a Secretaría Xeral de Medios en 2013. Baixo o seu mando repartíronse desde entón 14,4 millóns entre as sete grandes empresas xornalísticas de Galicia. Sánchez Sierra é hoxe a directora de Comunicación do Partido Popular.
15,8 millóns para «La Voz de Galicia»
O gran beneficiado do diñeiro público que a Xunta de Feijóo repartiu mediante convenios e subvencións a dedo é La Voz de Galicia, diario propiedade de Santiago Rey, que recibiu neses trece anos máis de 15,8 millóns de euros de diñeiro público por ambos conceptos a través da súa matriz, Corporación Voz de Galicia, e das súas filiais de prensa escrita, dixital e radio. Desa cantidade, máis de 8 millóns corresponden a convenios opacos e, o resto, a axudas a dedo.
Ségueo o grupo Prensa Ibérica, que preside Javier Moll e que edita en Galicia Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña. Desde o 2009 obtivo 7,1 millóns de euros. Deles, 4,2 millóns por convenios e o resto por subvencións directas.
En terceiro lugar, con 5,24 millóns, sitúanse El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra, propiedade da empresaria lucense Blanca García Montenegro; e no cuarto, La Región, de Ourense, e Atlántico Diario, de Vigo, cuxo dono é o ourensán Óscar Outeiriño e que obtiveron 3,37 millóns.
A Editorial Compostela, que dirixe José Manuel Rey Novoa e que edita El Correo Gallego, levou outros 3,04 millóns de euros.
A cadea SER e o seu grupo de emisoras locais asociadas en Galicia recibiu dos gobernos de Feijóo 1,56 millóns, por riba de Editorial La Capital, propiedade do empresario coruñés José Collazo, e que edita El Ideal Gallego, Diario de Arousa e Diario de Ferrol. A través delas, Collazo, tamén presidente do grupo Comar, un conglomerado mercantil con intereses en casinos, bingos, salóns e máquinas de xogo, levou 1,52 millóns.