Verín e o desmantelamento da sanidade pública galega

Día e noite, facendo relevos, mantendo o bo humor e o estómago cheo, grazas ao compromiso de todas,  familias incluídas. Son ao redor de 20 persoas, aínda que nalgúns momentos a cifra aumenta. O peche no hospital comarcal de Verín protagorizáronno tanto traballadores do Sergas como a veciñanza, non só da comarca senón de todo o territorio damnificado polo desmantelamento do centro hospitalario. «Hai moitos afectados pola decisión de eliminar paulatinamente os servizos de saúde de Verín», explica Iolanda Domínguez, médica de atención primaria en Vilardevós e membro da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei. «O peche da sala de partos tivo moito eco e repercusión, pero o problema é máis amplo. Contra todo iso estamos aquí, pechados día e noite, vixilantes».

O 2 de decembro de 2019, ás 8 da mañá, comezou o peche. Primeiro foron profesionais sanitarios, pronto se uniu a veciñanza. Horas despois de que o daquela xerente da Área Sanitaria de Ourense, Félix Rubial, anunciase que se pechaba a sala de partos, que a partir dese momento todos os nacementos que dependían de Verín se producirían no Complexo Hospitalario de Ourense, a 74 km das instalacións verinesas, a case unha hora en coche, se o tránsito da capital das Burgas o permite. «Hai moitos usuarios do hospital comarcal que viven a 70 km da capital comarcal», conta Domínguez. «Nun territorio onde non hai un transporte público eficaz, o custo persoal dos traslados a un hospital tan afastado son altísimos, tanto economicamente como en horas investidas e malestar: estar lonxe da casa, ter que comer fóra… e todo isto se o paciente dispón de coche propio, porque se ten que pagar un taxi…».

Manifestación contra o peche da sala de partos en Verín. Fotos: Brais Lorenzo
Manifestación contra o peche da sala de partos en Verín. Fotos: Brais Lorenzo.

Domínguez conta que o peche da sala de partos foi só a pinga que fixo rebordar o vaso. «O nacemento de bebés é un tema socialmente cheo de arestas: o outono demográfico, os dereitos das comarcas baleiradas, a loita feminista… ingredientes que axudaron a crear un altofalante fóra de Ourense, incluso fóra de Galicia. E o eco chegou de fóra novamente ás comarcas damnificadas, que reaccionaron máis contundentemente, se cabe», analiza. «Mais as deficiencias en Verín son moitas. Recentemente eliminaron a consulta de dermatoloxía e reduciron a atención cirúrxica. O máis simpático é que hai especialistas con praza en propiedade no hospital comarcal que en realidade atenden en Ourense capital», revela.

Manifestación contra o peche da sala de partos en Verín. Fotos: Brais Lorenzo.
Manifestación contra o peche da sala de partos en Verín. Fotos: Brais Lorenzo.

Logo do peche e a rápida resposta cidadá, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, insistía en que parir en Verín non era seguro. «Nun hospital con poucos partos ao ano, os profesionais non están preparados», dixo. Estas declaracións, amais de irritar os profesionais verineses, atoparon resposta nas súas propias fileiras políticas. Hai un tópico da información política que asegura que o PPdeG non goberna nunca só, senón en permanente e tácita coaligazón co PP de Ourense, liderado por Xosé Manuel Baltar. Co conflito da sala de partos o tópico concretouse. A Deputación, gobernada polos populares co apoio de Democracia Ourensá, fixo unha declaración de protesta contra o peche. Incluso antes de que se fixese efectiva a medida, a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín tamén aprobara por unanimidade, coa participación dos alcaldes do PP, unha declaración similar.

A pesar de todo, durante o mes de decembro Feijóo mantívose firme e conseguiu apoios, entre eles o do Colexio de Médicos de Ourense, que preside José Luís Jiménez. «A decisión foi técnica», subliña Jiménez. «Podemos discutir sobre se os prazos para o peche e a comunicación aos profesionais e á cidadanía foron óptimos, pero o certo é que non hai pediatras. E sen pediatras, non hai suficiente seguridade para parturientes e neonatos». Mais a firmeza do Goberno fraqueou en poucos días. A continuidade da protesta veciñal e os conflitos que se produciron cos novos nacementos que houbo en Verín, obrigaron a Xunta a modificar a súa decisión. O xerente do hospital de Verín, Miguel Abad, dimitiu aínda en 2019 e foi relevado por Guillermina Agulla, profesional de ampla experiencia, xa retirada, que volveu á xestión para resolver un problema que a Xunta quixo delimitar a unha cuestión laboral.

Participantes na manifestación en contra do peche do paridoiro do hospital de Verín. Fotos: Brais Lorenzo.
Participantes na manifestación en contra do peche do paridoiro do hospital de Verín. Fotos: Brais Lorenzo.

«Temos que decatarnos de que hai escaseza de profesionais médicos en determinadas áreas, a pediatría é unha delas», subliña Jiménez. «Agora o problema estivo en Verín, pero veremos carencia noutros lugares proximamente». Mais Feijóo, logo da asunción de Agulla, anunciou que retellaba a decisión do peche definitivo, que a sala de partos verinesa abriría novamente en febreiro. «Agulla demostrou que si se podían contratar pediatras, ela contratou dous, e que o problema non era económico, senón de modelo», explica Iolanda Domínguez. «A Galicia rural, a Galicia interior, a Galicia envellecida está a ser laboratorio dun modelo de xestión da saúde pública onde o principal non é a atención á cidadanía. Desta volta a mobilización freou o intento porque o PP non pode permitirse perder os votos deste territorio nas próximas eleccións. Pero debemos estar atentos e en garda. Primeiro, para verificar que a reapertura en Verín se dá nas óptimas condicións, e despois para denunciar o desmantelamento noutros lugares, como xa ocorreu e como xa ocorrerá».

A saúde pública, un negocio por explorar

As cifras orzamentarias e a estratexia de xestión do Sergas na Era Feijóo indican que a política sanitaria en Galicia procura explotar a saúde coma un negocio. Aproveitando o shock xeral da crise de 2008, e as súas consecuencias para as arcas públicas, a Xunta reenfocou a súa atención sobre a sanidade en base a dous criterios fundamentais: todo aquilo que pode ser executado a través de empresas privadas, privatizarase, e primaranse todas aquelas prácticas sanitarias que teñan valor económico engadido. Na práctica, isto supuxo, por exemplo, a posta en marcha do modelo Álvaro Cunqueiro de Vigo, un hospital que se construíu a través dunha concesión e no que, a día de hoxe, só se mantén baixo dominio público o estritamente relacionado cos profesionais sanitarios, privatizando a xestión da limpeza e da alimentación. No día a día, a medicina galega prima sobre todo os diagnósticos e as intervencións, cada vez efectuadas en menores establecementos, nun proceso de centralización hospitalaria que beneficia as cidades e baleira os centros comarcais e a atención primaria, que axudaron a vertebrar o territorio.

«Os catro grandes problemas da sanidade galega son a mingua no servizo de atención primaria, o baleiramento dos hospitais comarcais, a xestión das listas de espera e a precariedade profesional». Quen así os define é Manuel Moreira, médico de atención primaria en Vigo e membro da Plataforma SOS Sanidade. Veterano nas protestas contra a xestión do Sergas, felicítase da protesta en Verín. «O poder treme cando a cidadanía se enfronta a el e reclama o que lle pertence. Isto foi o que sucedeu co peche da sala de partos: a veciñanza saíu á rúa masivamente e o Goberno non puido ignorala. É fundamental que haxa mobilización cando se produce calquera abuso ou se intentan degradar os servizos públicos. Cada comunidade que se rebela porque non ten pediatra, porque lle pechan o centro de saúde… é unha forza que se opón a un modelo nocivo que só acabará con maior desigualdade social e con máis gasto, cuxo destino serán os petos das empresas sanitarias privadas».

Manifestación contra o peche da sala de partos en Verín. Fotos: Brais Lorenzo.
Manifestación contra o peche da sala de partos en Verín. Fotos: Brais Lorenzo.

Moreira explica que a argumentación económica para xustificar os recortes é unha falacia. «En 2008, antes da crise, o gasto por habitante en saúde pública roldaba en Galicia os 1.492 euros por habitante e ano. Nese tempo, a cifra, no caso de Francia, superaba os 2.400 euros. A porcentaxe do PIB dedicada á sanidade era en 2008 do 6,25%; en Francia, do 8,48%. Así que non había un gasto excesivo que había que cortar. A restrición do investimento foi unha escusa para reorientar o modelo. E de feito, os resultados dese xiro non se traducen nun maior aforro», continúa Moreiras. «Por dar un exemplo, no caso do hospital Cunqueiro de Vigo, o aforro comparativo entre que fose o Sergas ou unha empresa privada quen xestionase o servizo de limpeza tiña só a ver cos custos de persoal. Unha vez que o persoal de limpeza conseguiu unhas condicións moi semellantes á dos empregados públicos, segue a ser o privatizado máis barato? O servizo custa igual no laboral pero hai que deixarlle marxe de beneficio á empresa privada que o xestiona, algo que no caso dun servizo público non ten custo engadido».

Hai realmente carencia de médicos, como afirma José Luís Jiménez? «Si, faltan médicos. Pero iso non o pode xustificar todo», afirma Iolanda Domínguez. «Eu traballo en Vilardevós e o Sergas ignora tanto o relevo das miñas horas de descanso coma as do persoal de Enfermaría, así que a escusa profesional non abonda». Manuel Moreira é máis radical. «Non cómpre aumentar o número de doutores, o que si necesitamos é organizar dun xeito máis efectivo a carreira médica. O que está a marcar a barreira para traballar é o MIR (curso de internos residentes que deben facer todos os profesionais da Medicina para se especializar na súa área). É necesario aumentar as prazas e enfocar os postos dispoñibles cara aos eidos onde hai carencias: pediatría, medicina de familia, anestesistas…».

Para José Luís Jiménez, a ampliación das prazas do MIR non vai resolver determinados problemas. «Nun contexto de maior demanda ca oferta, os lugares con menos poboación perden atractivo. Hoxe un pediatra, por exemplo, pode traballar onde queira. Vai querer traballar en Verín ou nunha cidade con outros servizos e comodidades? Velaí a cuestión». Moreira coincide en que hai esas dificultades. «A propia xestión da sanidade pública favorece ese desequilibrio. Se o Sergas elimina o acompañamento dun facultativo nos primeiros anos de vida dun bebé e ao mesmo tempo ese programa se converte na oferta estrela dun seguro privado, cara a onde van ir os pediatras? Por suposto que talvez custa atopar profesionais que queiran ir aos hospitais comarcais, pero a Xunta debe ser creativa. Por exemplo, garantindo a rotación e a formación continua ou aumentando a puntuación profesional por ter traballado nos territorios menos atractivos. Hai, evidentemente, preconceptos culturais que van ser difíciles de desterrar pero agora mesmo non se está a facer nada».

Manifestación contra o peche da sala de partos en Verín. Fotos: Brais Lorenzo.
Manifestación contra o peche da sala de partos en Verín. Fotos: Brais Lorenzo.

País doente, país rendible

Desde hai anos o Sergas busca debilitar o poder dos hospitais situados fóra das cidades. O cambio na xestión das áreas sanitarias, coa integración de amplos territorios e unha base demográfica moi espallada nun modelo centralizado só produce problemas. Mais a causa do empobrecemento do servizo ten un sentido para os responsables da política sanitaria. «Se queres crear un mercado para a sanidade tes que explotar aquelas áreas onde hai negocio, un negocio doado. Unha política de prevención e de atención básica non xera diñeiro. A sobrediagnose e a práctica hospitalaria si poden monetarizarse», ilustra Ramón Veras, médico de atención primaria na Coruña e tamén membro de SOS Sanidade. «En Galicia, as autoridades sanitarias ignoran as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) para incidir sobre as condicións socioeconómicas para mellorar a calidade e esperanza de vida. E en cambio hai unha campaña institucional, a través de desgravacións fiscais, para xeneralizar o uso de seguros privados. Seguros básicos que dan unha falsa sensación de que estamos atendidos, que queren substituír a longo prazo todo aquilo que era universal e público nos centros de saúde».

A degradación da atención primaria é evidente e xeneralizada. Non se planifican os descansos do persoal nin se cobre a demanda de medicina de familia. En moitos lugares se falta o médico suspéndense as consultas, xerando listas de espera e desconformidade na primeira liña de fronte de combate á enfermidade. «Búscase a mantenta que haxa unha percepción social de que o sistema non funciona, de que para tratar un problema de saúde non se pode confiar no público e hai que pagar o seguro privado», afirma Manuel Moreira.

As listaxes de espera son consecuencia directa da precariedade profesional. Poucas contratacións, en moitos casos temporais. Persoal sanitario que vai acumulando contratos por poucos días, ausencia de relevo, sobreexplotación… e a cidadanía do outro lado achando que todo funciona peor do que funciona. «En cambio», continúa Veras, «o Sergas fai un esforzo pola denominada medicina tecnolóxica. Todos os problemas van solucionarse grazas á tecnoloxía. A realidade é outra. A sobrediagnose en base a probas que antes non estaban tan xeneralizadas non está evitando nin unha soa morte. Por exemplo, que detectemos todas as variacións nos nódulos tiroideos ou na próstata xera un mercado: probas, intervencións, seguimento… pero, con franqueza, nada diso supón unha mellora xeral na esperanza de vida».

Multitudinaria manifestación o pasado 7 de decembro, na que se escenificou un funeral en Verín polo peche da sala de partos. Fotos: Brais Lorenzo.
Multitudinaria manifestación o pasado 7 de decembro, na que se escenificou un funeral en Verín polo peche da sala de partos. Fotos: Brais Lorenzo.

Tal e como recomenda a OMS, a medicina do século XXI ten que incidir sobre os hábitos vitais da cidadanía. Ten que atender os desequilibrios motivados pola escaseza de traballo e as esixencias sobre a saúde dun cada vez máis inhumano mercado laboral, a alimentación, o transporte, a contaminación… «Confío en que as autoridades teñan que axeitarse aos obxectivos de sustentabilidade en todas as áreas da gobernación, tamén na sanidade», comenta Veras. «Como é posible que non haxa ningún programa de prevención da obesidade? Moita xente ignórao pero fixo máis pola saúde a prohibición de fumar en espazos públicos que o investimento en máis medicinas ou en máis maquinaria nos hospitais. Pero para iso hai que manter profesionais de atención primaria, fortalecer a súa presenza nas súas comunidades máis alá das consultas, favorecer un uso habitual da sanidade que non se resuma en consumir medicamentos ou facer resonancias cada vez que temos tose ou nos doe a cabeza. Que non nos digan que o problema da saúde é o gasto. Porque na verdade ocorre ao contrario: o modelo sanitario público actual está inserido nunha engrenaxe de gasto baseado na descuberta e tratamento da doenza, digamos leve, que é moi lesivo para o erario e pouco efectivo para manternos sans».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail