Feijóo esquiva a tensión política e modera o ton para as eleccións

O presidente da Xunta foxe de polémicas como a da «madrileñofobia» e céntrase en transmitir mensaxes afables. Os partidos galegos chegan ás eleccións sen diálogo co mandatario durante a COVID-19 e piden á cidadanía progresista que vaia votar.

O único acordo ao que chegaran as forzas políticas galegas co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, non se cumpriu. Radicaba en convocar eleccións dous meses despois do estado de alarma. A unha semana da campaña electoral o presidente mira de lonxe a crispación política de Madrid e no caso de salpicarlle, como foron as acusacións sobre a «madrileñofobia», marca distancia e refúxiase nun ton agradable e comprensivo, mesmo co Goberno central.

Aínda lonxe do cru discurso dos seus compañeiros Pablo Casado ou Cayetana Álvarez de Toledo -que todo apunta a que non fará campaña en Galicia- o presidente tamén lanza dardos á xestión de Pedro Sánchez comparándoa coa «anticipación» da Xunta ante o coronavirus e coas compras de material que a televisión galega, ao seu favor, non dubidou en rotular nas súas múltiples intervencións. E é que segundo as sondaxes electorais que saíron á luz esta semana, como o de Key Data para Público, a xestión da pandemia levantou ao barón galego, debido a que en marzo os mesmos auguraban a perda da maioría absoluta do PPdeG.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

É por iso polo que, escudado no perfil de xestor e moderado, o presidente prefire non contestar para que a discusión non crispe a política popular galega, aínda que afee ao Goberno en entrevistas radiofónicas como a do xoves pasado en Onda Cero, onde criticou que o PSOE «nunca quixo falar co PP e ninguneou o papel da oposición», o mesmo que en Galicia lle achacan as forzas parlamentarias por evitar asistir á Deputación Permanente, ignorar o debate e eludir as propostas que non viñan do lado dos populares.

Aínda así, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, considerou que «a oposición non interrompeu nin un só día a precampaña». Tamén, os populares reprochan á oposición que non estean dispostos a acurtar a campaña electoral, que por lei ten que durar 15 días. Feijóo sae con vantaxe de cara ao 12 de xullo convertido na imaxe da xestión da pandemia, estando á súa sombra figuras tan reclamadas para render contas como o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña ou a Conselleira de Política Social, Fabiola García, principalmente pola grave situación das residencias.

A metade das mortes en Galicia foron en centros de maiores e aínda non hai explicacións, lonxe de que foi unha tónica xeral no estado. Os hospitais da comunidade aguantaron a pandemia debido ás características xeográficas galegas e á dispersión territorial, sinaladas por expertos sanitarios, así como que o virus chegou máis tarde a Galicia. O estado de alarma freou a expansión da COVID-19 cando se manifestou máis fortemente en Madrid ou Barcelona e o PPdeG, desde a Xunta e sen autocrítica, colgouse a medalla.

O PPdeG quería que os partidos acurtasen a campaña, por «motivos sanitarios», e pola súa banda aseguran que retomarán a precampaña onde a deixaban. O escenario político dos comicios cancelados de abril é moi dispar ao actual, posto que o país entrara nun estado de alarma do que non se sabía o fin e descoñecíase a evolución da pandemia. Dous meses despois, Feijóo conseguiu que Galicia sexa a primeira comunidade en abandonar o estado de alarma, e así o recolleron os titulares.

 «Se a xente vai votar, Feijóo perde»

A oposición non comparte que os comicios se celebren no verán, aínda que fosen os seus compañeiros de partido desde Madrid os que chegaron ao acordo con País Vasco. De feito, as forzas cren que un dos motivos que impulsaron a Feijóo é a baixa participación que poden traer unhas eleccións en xullo, e por iso chaman ao voto progresista, o gañador nas últimas eleccións xerais. «Se a xente vai votar, Feijóo perde», comunicou o candidato por Galicia en Común, Antón Gómez Reino.

Todos os partidos, incluído o PP, mantiveron as listas electorais das pasadas eleccións canceladas en marzo pola pandemia. O único cambio significativo é a concorrencia de En Marea, que votou a favor dunhas eleccións autonómicas no verán xunto ao PP e a Ciudadanos, algo que levantou sospeitas entre os partidos políticos, xa que non tiñan pensado presentarse ás anteriores pola recentemente retirada do seu líder, Luís Villares.

En 2016 En Marea converteuse na segunda forza de oposición xunto ao PSdeG-PSOE, onde conseguiron 14 deputados. A coalición rompeu, da que quedan Galicia en Común (Podemos, Esquerda Unida, Anova, Mareas) e agora a coalición Marea Galeguista (En Marea, Compromiso por Galicia e Partido Galeguista), cuxo candidato á Xunta é Pancho Casal, formación da que os partidos non queren falar. A esquerda chega aos comicios fragmentada e figuras como Gómez Reino, chaman ao acordo tanto antes como despois das eleccións en forma de coalición.

Aínda que o marco electoral das eleccións é incerto, as sondaxes apuntan a unha baixada de Galicia en Común e unha subida do Bloque Nacionalista Gallego (BNG), cuxa candidata é Ana Pontón, que quere converterse na primeira muller nacionalista en gobernar Galicia. O seu grupo viuse favorecido co asentamento no Congreso de Néstor Rego, pero tamén o vento favorable de Madrid chega ata Gonzalo Caballero polo PSdeG-PSOE e a Galicia en Común, que esperan que figuras do Goberno estatal vaian facer campaña en Galicia.

Durante o estado de alarma, a oposición foi dura contra o mando autoritario do PPdeG, e por iso insisten en debates e «cara a cara» con Feijóo, como o que terá lugar na TVG, no que tamén se convidará a Ciudadanos e a Vox se non rexeita a proposta como ocorreu nas anteriores. Da formación laranxa acudirá a súa candidata, Beatriz Pino e da formación ultradereitista non hai candidato concreto á presidencia da Xunta e Santiago Abascal será a imaxe da campaña.

Feijóo confirmou a súa asistencia ao debate en rolda de prensa este venres. «É un clásico na CRTVG», comunicou. Con todo, nas pasadas eleccións, o debate tivo lugar a primeira hora da mañá, motivo fortemente criticado polo resto de partidos, porque era unha hora complicada para que chegase a mensaxe a toda a poboación galega. Esta vez emitirase en prime time segundo informou a corporación.

Os acontecementos ligados á actualidade seguen marcando a axenda da precampaña dos partidos políticos, como a política industrial galega a través de Alcoa, onde Feijóo segue ignorando que é competencia autonómica e enviou unha carta a Pedro Sánchez pedíndolle axuda. A mensaxe das forzas galegas para as eleccións autonómicas vai orientada á xestión da crise económica e social da Galicia postcovid, nun territorio de incerteza derivado do coronavirus, nuns comicios anómalos.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail