Xosé Sánchez Bugallo: «A nosa prioridade é defender o carácter residencial dunha cidade viva, non un decorado turístico»

A Coruña.- Xosé Sánchez Bugallo (Teixeiro, A Coruña, 1954) foi alcalde da capital de Galicia entre 1998 e 2011, e volveu selo oito anos despois cando en 2019 logrou arrebatarlle a alcaldía a Compostela Aberta, a marea que, á súa vez, lla tiña collido ao PP en 2015. Exdiputado no Parlamento de Galicia polo PSOE e membro da vella garda do socialismo galego, onde segue sendo unha das figuras máis respectadas, explica que puxo en marcha medidas para reactivar o dinamismo de Santiago, advirte sobre o cambio de paradigma que están a experimentar as cidades e aposta pola convivencia, a peonalización, a conservación da identidade histórica da súa cidade e a integración dos barrios periféricos mediante o transporte público e a dotación de servizos, como claves do seu programa para o 28M.

De cal das súas etapas como alcalde sente máis satisfeito? Son totalmente distintas. A anterior foi nunha época de maior estabilidade política económica, salvo ao final, coa crise do 2009. As circunstancias políticas favoreceron un goberno de coalición e por tanto con apoio maioritario da corporación. Este foi un mandato completamente atípico, de goberno en minoría, con pandemia, coa guerra, que fai bo iso de que a vida é aquilo que nos pasa cando planificamos outras cousas.

Pero persoalmente, en cal das dúas se sentiu mellor? Non sabería contestarlle. A primeira vez hai unha enorme ilusión, pero agora teño un sentido enorme da responsabilidade. Ademais, hai unha circunstancia que valoro moitísimo: a oportunidade de estar na alcaldía no momento da pandemia, pola posibilidade de axudar aos demais, de facer cousas positivas. Pero as dúas etapas enchéronme de actividade e de ilusión. Hai pouco me preguntaba un colaborador: «Non vas poñer en valor que es unha persoa que traballa seis días á semana doce horas diarias?» E díxenlle que non podo, porque en realidade gozo facendo iso e que son eu o que case ten que dar as grazas por ter a oportunidade de facer o que fago.

«Este foi un mandato atípico que fixo bo iso de que a vida é aquilo que nos pasa cando planificamos outras cousas»

A política local é máis esixente que a nivel autonómico ou estatal? Non ten absolutamente nada que ver. A política parlamentaria é como ir nun autobús mentres a xente pasa á beira. A política local, en cambio, é o directo. Antes da entrevista, fun ver unhas obras na parroquia de Villestro e tiven oportunidade de escoitar a opinión dos veciños, enfadados polo transcorrer desas obras. É o día a día. E ao vir cara aquí, ao saír do coche, unha veciña da Avenida de Ferrol dicíame que por que faltan sinalizacións na parada do bus… É en vivo e en directo, o mesmo podemos estar a falar dun tema internacional da máxima relevancia que do tema máis pedestre e a pé de rúa. Non hai solución de continuidade, non hai interrupción.

O alcalde, no centro, na presentaión da súa candidatura / Foto: PSdeG

Déitase pola noite pensando nos sinais da parada do bus? Un vaise á cama pensando que arranxou unha chea de cousas, e cando se levanta descobre que se desarranxaron outra vez. A política local parécese á sensación que debían de ter antigamente as amas de casa. Cada día hai que facer o mesmo e cada día hai que empezar de novo e volver planificar. A prioridade de calquera alcalde é garantir o futuro do seu municipio e da súa cidade, e iso require pensar en postos de traballo, en vivenda, en resolver os problemas de desequilibrio social, na terceira idade, nos máis novos… É inasequible ao desalento e imposible o aburrimento, énchete as 24 horas do día, 60 minutos cada hora. E se un día tivese 72 horas, tamén cho enchería. Pero xa o asumín. No regulamento da Garda Civil había un artigo que dicía que un axente estaría permanentemente de servizo en todo tempo e lugar, estivese ou non de servizo. Como alcalde é igual. Tes que asumilo con naturalidade e entender que forma parte da túa función. A única maneira de saír diso é coller un avión e voar a 3.000 quilómetros.

Fai iso habitualmente, coller un avión e escaparse para desconectar? Non. Procuro facelo oito días cada ano, para irme coa miña filla, lonxe, a ver outras realidades, respirar un pouco, aliviar a tensión e falar coa familia.

E xa colleu billete para o día 29? Non, estou a preparar a viaxe, pero adoita ser entre o 10 e o 20 de agosto. A primeira semana de agosto sempre é de moito traballo, e a última quero estar aquí.

«Se unha cidade queda parada catro anos, xa non digo oito, recuperar a distancia perdida pode ser misión posible»

Como atopou o Concello despois do mandato de Compostela Aberta? O que máis me preocupou non era a situación do Concello, senón da cidade. Deume a sensación de que Santiago perdera oito anos e estaba quedando atrás. Había un gran polígono industrial, A Sionlla, de 1,5 millóns de metros cadrados, que se construíu na miña anterior etapa e que estaba practicamente baleiro. Na estación depuradora de augas residuais, que era outro gran investimento, imprescindible tanto para o coidado da ría de Arousa como para o crecemento da cidade, non se fixo nada e os fondos europeos se perderon e se trasladaron para o saneamento da ría do Burgo, na Coruña. Atopeime con que prescindiran do proxecto para a estación do AVE e a intermodal e que se ía a facer outro proxecto a anacos, e que non se desenvolveu ningún polígono de vivendas en oito anos. Era unha situación de parálise, preocupábame que Santiago quedase atrás. Nos últimos anos, e máis no últimos catro, a aceleración dos procesos de cambio foi brutal, de tal calibre que se unha cidade queda parada durante catro anos, xa non digo oito, recuperar a distancia perdida pódese converter nunha misión imposible.

O candidato do PSOE, nun mitin / Foto: PSdeG

Cal son as súas propostas para a próxima lexislatura? A situación que temos agora é xusto a contraria á que describín. Hai máis de 300 millóns de euros en obras xa contratadas ou en proceso de contratación, o que garante un impulso moi intenso para os próximos anos. Pero o noso problema é que todo se quedou pequeno: o polígono industrial do que lle falei, a estación de autobuses, a terminal do AVE, o aeroporto… Temos dous retos. Dar un salto adiante cara ao norte, onde pode crecer o chan industrial e onde está a reserva de chan residencial, e outro salto cara ao interior para articular todo o crecemento que tivo Santiago basicamente na primeira década deste século. Entre 2000 e 2023 construíronse máis de 20.000 vivendas, delas 14.000 e pico na primeira década. E iso deu lugar a un enorme desenvolvemento de diferentes áreas, especialmente da zona sur. Ese crecemento articulouse ao redor das antigas estradas nacionais que agora son de titularidade local pero cuxa configuración segue sendo de estradas. Temos que cambiar iso, convertelas en vías urbanas e incorporar a eses barrios non como ensanches senón como centro da cidade.

«Temos unha poboación activa de máis de 68.000 persoas, e máis de 30.000 veñen de fóra»

Santiago ten 98.000 habitantes, pero unha enorme poboación flotante engadida de estudantes, visitantes e traballadores empadroados noutros municipios. Como fan para dar servizos a esas persoas que os reclaman, pero que cotizan e votan noutros lugares? A maior porcentaxe son os traballadores, que superan aos estudantes e aos turistas. Temos unha poboación activa de máis de 68.000 persoas, e máis de 30.000 veñen de fóra. Non é conxuntural, veñen cada día, e durante moitos anos. E iso configura unha cidade distinta. Agora mesmo estamos a deseñar o segundo plan de mobilidade urbana. A nosa formulación é compactar a cidade e priorizar o uso peonil, que non é fácil porque somos unha cidade moi extensa, cun centro urbano de 30 quilómetros cadrados. O segundo nivel é o transporte público. O urbano move máis de sete millóns de viaxeiros ao ano, o metropolitano máis de dous millóns e o de estrada, outro millón e medio longo. E aí temos que mentalizar á Xunta e aos concellos limítrofes que hai que apostar polo transporte público e polos aparcamentos periféricos. O terceiro eixe consiste en tentar facilitar os medios brandos, a bicicleta e o monopatín. Onde podemos, estamos a facer carrís bici, e onde non podemos, baixamos a velocidade dos vehículos de motor tratando de facer compatible o seu uso coa bicicleta e o monopatín.

O alcalde de Santiago, co secretario xeral do PSdeG, Valentín Díaz Formoso / Foto: PSdeG

Que tal trata a Xunta á cidade? Santiago é a capital de Galicia, debería ter certo enchufe, non? Moita xente ten esa impresión, pero non é así. Nós tratamos de ter boas relacións porque cremos que da confrontación extráese pouco beneficio e que a través da cooperación e a lealdade institucional, obtense máis. Pero debo recoñecer que á Xunta de Galicia cústalle ter conciencia de país. E vou tratar de explicarme. Cústalle deixar de pensar no voto como unidade de medida. Está continuamente botando contas para ver onde hai máis votos. E todo iso leva a que non se tomen decisións de país que habería que tomar. O sucedido cos aeroportos é un auténtico escándalo. Non houbo ninguén capaz de tomar unha decisión e ao final foron o mercado e os concellos os únicos que interviron na decisión. Teño algún colega no sur que di que a Xunta prima ao aeroporto de Santiago, cando a Xunta hai 14 anos que non pon nin un céntimo nel nin presta a máis mínima colaboración. Desde o Concello facemos unha aposta potente, si, pero en menor termo que A Coruña e Vigo porque son máis grandes e teñen máis recursos. Afortunadamente, a posición central de Santiago xera que o 60% dos viaxeiros se movan desde aquí, outro 20% desde A Coruña e outro 20% desde Vigo. Pero, ao final, o maior aeroporto do noroeste non é nin Santiago, nin Vigo nin A Coruña, senón Porto. Porque temos os nosos esforzos divididos e non somos capaces de ter unha alternativa real para competir con Porto. En transporte de mercadorías por avión, con todo, onde non intervén ningún concello, o que fai o mercado é que o 85% pasen por Santiago e menos do 15% pola Coruña e Vigo. A pena de todo isto é que ao final temos dous aeroportos pequenos e un aeroporto medio mediano e non un capaz de ter unha oferta competitiva con Porto. Hai 30 anos os tres aeroportos galegos moviamos sobre tres millóns e medio de viaxeiros e Porto, dous millóns. Agora, Porto move 12 millóns e entre os tres galegos xuntos non chegamos a seis. E espero que iso que pasa cos aeroportos non pase cos portos, porque podería suceder tamén.

«Á Xunta de Galicia lle custa ter conciencia de país. Cústalle deixar de pensar no voto como unidade de medida»

Para moita xente de fóra de Galicia, Santiago é a gran referencia do país. Así que facer país é facelo en Santiago, non? Galicia é unha descoñecida. O que a xente coñece é Santiago, por tradición histórica. En toda Europa do leste, se dis Galicia pensan en Galitzia, é dicir en Polonia e mesmo nunha parte da Ucraína. Tiven unha discusión cun bo amigo meu que era conselleiro de Cultura, por uns carteis que puxeran por Berlín e por Roma con fotos da catedral, víase só a parte de arriba e dicían algo así como: «Onde está isto? En Galicia». Díxenlle: «Pero non te dás conta de que, se non pos Santiago, a xente vai pensar que estás a facer publicidade de Cracovia?». Santiago é a percha de todo o turismo de Galicia, sobre todo do turismo máis diversificado. Hai uns 150 municipios de Galicia que están atravesados polos diferentes camiños de Santiago e en moitos deles a actividade derivada do Camiño é a principal actividade económica e o seu sustento económico. Iso pasa en Galicia, pero tamén en León, en Navarra, mesmo en Portugal. Son ríos de xente que acaban aquí e que nós temos que xestionar, porque é un problema de presión do mercado e de vivenda, polos pisos turísticos.

«Galicia é unha absoluta descoñecida»

E como xestionan ese problema? Se o deixamos, o mercado levaría todo o centro histórico para o turismo. Todo. Só entre xaneiro e marzo tivemos 180 solicitudes de cambio de uso de vivendas do centro histórico, todas de uso residencial a uso turístico. Ao revés, nin unha. O mercado exerce unha presión brutal que nos leva nunha dirección. Desde o punto de vista da Administración pública, temos que ter clara nosas prioridade, que é defender o carácter residencial, de cidade viva, non un decorado turístico. E ademáis de medidas coercitivas e urbanísticas, temos que habilitar medidas de apoio, de axuda e de colaboración, porque se non moita xente se nos rebota. Hai quen nos di: «Vostedes están só para poñer dificultades, teño unha proposta, danme 3.000 euros ao mes polo meu piso, amoládesme, tocádesme a puñeta, poñédesme 20.000 limitacións e logo dicídesme que o alugue por 600». O mercado tira nunha soa dirección. Cada vez que pecha unha mercería ou unha tenda de roupa no centro histórico, abre unha tenda de agasallos para turistas. Hai quen pensa que hai solucións reglamentistas, como unha ordenanza reguladora, pero iso non serve porque ningunha lei autoriza a dicirlle a un comerciante o que ten que vender. O único que podemos facer é crear as condicións para que o comercio poida ser viable, fixando poboación a través de axudas e subvencións que manteñan o comercio de proximidade. O éxito turístico ten consecuencias, por iso defendemos unha taxa turística, para que quen nos visita se conciencie e contribúa, e para que esa parte da cidadanía que só ve problemas nos turistas vexa tamén un beneficio práctico.

Sánchez Bugallo, nunha rolda de prensa / Foto: PSdeG

Como capital de Galicia, Santiago tamén ten relevancia política, e nestas eleccións, que o PSOE manteña a Alcaldía tamén vai ter unha lectura fóra da comunidade. Comparte esa impresión? Non teño ningunha dúbida. O PP está a situar estas eleccións en clave «Feijóo presidente, Alfonso Rueda que siga de presidente». Eles entenden que gañar estas municipais sería unha lombeirada para Alfonso Rueda e para Feijóo, e que en cambio non gañalas tería outra lectura. Paréceme terrible, porque o que imos elixir é ao alcalde de Santiago, ao goberno municipal de Santiago, da Coruña, de Vigo, e o que temos que decidir é un proxecto para Santiago, para A Coruña, para Vigo ou para Ferrol. Xogámonos moitísimos máis temas que quen vai ser presidente do Goberno. As eleccións para a presidencia do Goberno terán o seu momento.

«O que imos elixir son proxectos locais, non quen vai ser presidente do Goberno nin da Xunta»

E no PSdeG? Cre que os resultados do 28M se lerán tamén en clave interna polas divisións que hai agora no partido, e que poderían aclarar un pouco as cousas sobre o liderado da formación? Son dúas preguntas nunha. Non creo que no PSdeG haxa divisións internas. Agora mesmo temos un partido unido, cun secretario xeral respectado e querido polo conxunto da militancia. Non hai confrontación interna. Hai líderes que afortundamente recuperamos, como o actual delegado do Goberno, e estou seguro de que despois das eleccións municipais o PSdeG escollerá ao seu candidato á Xunta de Galicia. Podería dicir tamén candidata, pero os nomes que están agora sobre a mesa son masculinos.

Refírese ao delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro; ao ministro de Sanidade, José Miñones, e ao secretario xeral, Valentín González Formoso? Sen profundar máis, son nomes masculinos. Pero calquera decisión que se tome será unha decisión responsable, razoable e compartida. Á marxe diso, é evidente que o resultado vai ter unha lectura política. Dicir outra cousa sería negar o obvio.

Xosé Sánchez Bugallo

Refírome a se un mal resultado se podería ler como un toque de atención á actual dirección. O secretario xeral é candidato nas Pontes, o secretario de organización é o número dous pola Coruña; en Ourense suspendéronse as primarias e a executiva puxo a un candidato afín, Lugo está vinculada a Gómez Besteiro… Xa digo que é inevitable unha lectura política, pero non creo que vaia a ter ningún tipo de influencia. En xuño ou en xullo haberá que decidir quen será o candidato, porque creo que o PSdeG debe estar preparado para as eleccións autonómicas. Isto é unha opinión particular miña, porque creo que non deberían convocarse antes das xerais, pero pode suceder que a quen corresponde convocalas [ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda] lle entre a tentación de facelas coincidir segundo o que vaian dicindo as enquisas.

«Se queremos que haxa unha alternativa real ao PP en Galicia, vai estar centrada nun PSOE pragmático e moderado»

Vostede ten un nome favorito para o candidato? De entrada, o meu secretario xeral, salvo que se decida outra cousa. Eu contemplo os nomes que vostede deu con profundo afecto e admiración. E hai algo que para min é moi importante. Se queremos que haxa unha alternativa real ao Partido Popular en Galicia, esa alternativa vai estar centrada no Partido Socialista, nun Partido Socialista pragmático e moderado. Os galegos non somos de extremos. Hai un sector no centro que pode ir cara a un lado ou a outro, pero o que non vai asumir, desde logo, é ningún risco. Se percibe un risco por unha banda, irase cara ao outro ou quedará en casa. O importante é que, sexa quen sexa o candidato, debe ser moderado, prudente e que infunda confianza. A xente non espera a un xenio que lle vaia a resolver todo, non cre que existan eses xenios nin santos que fagan milagres.

Esgotei as preguntas que quería facerlle. Deixeime algo? En Santiago decidimos se Santiago mantén unha determinada liña de progreso e tolerancia. Porque aquí temos sectores moi diversos e diferenciados, que dan unha enorme riqueza, pero se non hai convivencia pódese montar unha lea morrocotudo. Sempre poño de exemplo o 25 de xullo, Día de Galicia. Alí, entre o Obradoiro e A Quintana e Praterías, na catedral, uns estamos coa Casa Real, outros na misa, outros na manifestación nacionalista, outros na independentista, os republicanos, os de Vox alá arriba… Todo isto ten que coincidir nun espazo moi pequeno onde se pode liar. E a liña entre que se líe ou non é moi pequena. Porque ninguén vai aceptar que lle quiten o espazo. É importante que Santiago dea o salto que ten que dar, que siga dándoo e que aproveite estes anos, e que o faga sempre cun estilo co que todos se sintan cómodos: o fundamentalista español, o nacionalista acérrimo, a LGTBI, o da igrexa máis conservadora, o da igrexa máis progresista, o máis institucionalista, o monárquica, o republicano… Temos que facer para que siga sendo así.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail