Rueda acelera a súa estratexia para arrebatar poder local ao PSOE pactando cunha tránsfuga en Lugo

A Coruña.- O Partido Popular de Lugo prepara unha moción de censura co voto dunha tránsfuga do PSOE para arrebatar a Alcaldía desa cidade ao socialista Miguel Fernández. A operación, que deixaría o bastón de mando en mans de Elena Candia, vicepresidenta do Parlamento de Galicia, está impulsada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen puxo en marcha en 2025 unha estratexia destinada a arrebatar poder local ao PSOE e ao BNG.

Rueda, que acaba de propoñer unha reforma da Administración local que restaría capacidade de decisión aos concellos e as deputacións provinciais, considera que a moción de censura é «lexítima» a pesar de que vulnera os termos textuais do pacto antitransfuguismo, que o seu partido asinou en 1998 e que confirmou en 2020 na última revisión do acordo.

Dáse a circunstancia de que a concelleira tránsfuga, María Reigosa, fíxose coa súa acta tras a morte do edil Pablo Permuy en setembro do ano pasado e da alcaldesa Paula Alvarellos, falecida cinco meses antes e que sucedera á súa vez á exrexedora Lara Méndez, secretaria de organización do PSdeG e quen obtivo un escano no Parlamento de Galicia nas eleccións de 2024.

«Pódeselle considerar boa persoa?»

O líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, natural de Lugo, cuestionou onte a moralidade do presidente da Xunta nunha dura intervención na Cámara autonómica: «Sen a morte dos nosos compañeiros, nunca chegarían a gobernar Lugo. Que ética hai nun político que mira unha familia en loito e pensa ‘esta é a miña oportunidade’? Cre realmente que quen fai iso pode ser considerado unha boa persoa?», preguntoulle.

O PP gañou as eleccións municipais de 2023 na cidade, aínda que sen maioría absoluta: 12 concelleiros fronte a oito do PSOE e cinco do BNG. Esas dúas formacións subscriben acordos de goberno periódicos desde 1999 que manteñen na Alcaldía a rexedores socialistas, impedindo ao PP recuperar unha praza emblemática que os populares gobernaron desde os inicios da transición ata o final do século pasado.

«Que ética hai nun político que mira unha familia en loito e pensa ‘esta é a miña oportunidade’?» (José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG)

Luzes-Público intentou sen éxito a versión de María Reigosa, unha enxeñeira de camiños da Demarcación de Costas do Estado en Galicia que a pasada fin de semana xustificou o seu cambio de postura política alegando nunha entrevista no diario El Progreso que cando chegou ao Concello deuse conta de que o equipo de goberno adoecía de capacidade de «xestión, traballo, orde e organización».

Fontes do PSOE, con todo, cren que leva semanas negociándoa, e aducen como proba o titular desa mesma entrevista –«A moción de censura é necesaria, pero non sei se me vou a atrever»–, do que deducen que aínda non daría un si definitivo a Candia e Rueda ata asegurarse «algunha vantaxe» a cambio do seu voto.

Unha praza co perfil profesional da concelleira

Varias fontes difundiron este mesmo luns o anuncio da Xunta dun procedemento para a cobertura en comisión de servizos da praza de xefe ou xefa do Servizo de Litoral en Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. O prazo de presentación de candidaturas, aberto explicitamente a funcionarios enxeñeiros de camiños de administracións distintas á Xunta e que se axusta segundo as citadas fontes ao perfil de Reigosa, abriuse este martes e péchase o vindeiro luns.

PSOE e BNG emitiron este martes un comunicado conxunto no que instan á Xunta aclarar se a citada convocatoria «garda algunha relación coa moción de censura», tendo en conta que, na súa opinión, «o perfil formativo e profesional requirido […] coincide de xeito significativo co currículo» da edil tránsfuga. Ambas as formacións instan á Xunta a que explique se Reigosa «ten previsto optar a esa praza».

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, este martes no Parlamento de Galicia / Foto: PSdeG

Ao comezo do ano pasado, Rueda anunciou ao seu equipo no PP que debía traballar para recuperar aqueles concellos onde gañaran as eleccións pero nos que a alianza do PSOE co BNG ou con outras forzas progresistas lles impedíq gobernar. En especial, segundo dixeron entón fontes dos populares, o sucesor de Feijóo tiña a vista posta nas deputacións de Lugo e A Coruña, institucións onde os populares tamén son maioría pero que contan con presidentes socialistas grazas aos pactos de goberno co BNG.

En apenas dez meses, o PP promoveu nove mocións de censura apoiándose en tránsfugas socialistas ou desoutras formacións. A última foi en outubro pasado en Ribeira (A Coruña), onde prosperou a operación para converter en alcaldesa a María José Sampedro Fernández, que lle arrebatou o posto ao nacionalista Luís Pérez Barral. Houbo operacións similares nas localidades coruñesas de Carral, Fisterra e Serra de Outes; en Viveiro (Lugo), en Manzaneda e O Irixo (Ourense) e en Forcarei (Pontevedra).

Pouco despois de que saíra adiante a de Ribeira, o portavoz de Rueda en Santiago, Borja Verea, ofreceu unha operación similar a catro edís do PSOE expulsados do partido para desbancar da Alcaldía da capital de Galicia á tamén nacionalista Goretti Sanmartín.

PSOE e BNG apoiáronse nun tránsfuga en Noia

Segundo Rueda, a moción de censura de Lugo está xustificada pola necesidade de conformar un Goberno que dea «estabilidade» á cidade. «Se a esquerda lucense non é capaz de articular unha proposta, non é culpa do PP», alega. Ademais, o presidente da Xunta lembra que PSOE e BNG fixeron o mesmo o ano pasado en Noia (A Coruña), onde o socialista Francisco Pérez se fixo co Concello que dirixía o popular Santiago Freire o pasado verán grazas ao apoio dun edil tránsfuga do seu partido.

O pacto antitransfuguismo, asinado en 1998 por 14 de forzas políticas estatais e autonómicas, entre elas PP e PSOE, comprométeas a «rexeitar e non admitir no seu grupo político a un concelleiro integrado na candidatura doutra formación, mentres manteña o cargo conseguido no seu partido orixinal», e a «impedir a utilización de tránsfugas para constituír, manter ou cambiar as maiorías de Goberno das institucións públicas, a non apoiar ningunha iniciativa que proveña dos mesmos, e a desincentivar o transfuguismo político a través da adopción de medidas disuasorias de carácter económico, regulamentario e protocolario».

Público dirixiuse ao PP estatal para coñecer a opinión de Xénova sobre a moción de censura de Lugo, e para saber se o presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo, a considerq compatible cos compromisos adquiridos no citado acordo. Á hora na que se terminou de redactar este artigo, o equipo de comunicación de Feijóo non respondera ás cuestións que se lle expuxeron.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail