O PP e a tránsfuga socialista aceleran a moción de censura para arrebatarlle a Alcaldía de Lugo ao PSOE

A Coruña.- A presidenta do PP provincial de Lugo, Elena Candia, e a concelleira tránsfuga do PSOE nese Concello, María Reigosa, anunciaron este luns que xa presentaron a moción de censura que lle arrebatará a Alcaldía da cidade ao socialista Miguel Fernández.

Reigosa anunciou que non optará á convocatoria da praza de funcionaria da Xunta que esta anunciou o pasado luns, ao día seguinte de que ambas partes acordaran a operación. A oposición cre que a convocatoria se realizou ad hoc para que a edila puidese presentarse a ela a cambio de apoiar a moción de censura.

Fernández tamén compareceu en rolda de prensa pouco despois no Concello acompañado do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen o pasado martes cuestionou a moralidade e a decencia política do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por impulsar unha moción de censura que repousa, segundo a súa opinión, na morte de tres compañeiros socialistas.

Tres mortes no PSOE

María Reigosa, que se presentou de número 8 nas listas do PSOE nas municipais de 2023, obtivo a súa acta de concelleira tras os falecementos da alcaldesa Paula Alvarellos en marzo do ano pasado e do edil Pablo Permuy seis meses despois. Aos seus decesos sumouse o pasado 6 de abril o da súa compañeira e concelleira de Benestar Social Olga López Rocamonde. A súa substituta nin sequera tomou aínda posesión do cargo.

Reigosa, enxeñeira de camiños na Demarcación de Costas do Estado, negou que se vaia presentar á praza de xefa do Servizo de Litoral da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en Lugo, aberta, segundo a convocatoria da Xunta, a persoal do cadro de funcionarios enxeñeiros de camiños e arquitectos non só da Administración autonómica, senón tamén da do Estado, á que ela pertence.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro / Foto: PSdeG

Tanto a Xunta, que publicou a convocatoria este martes –o prazo de admisión de candidaturas péchase o vindeiro luns– como o PP negaron que o procedemento teña nada que ver coa moción de censura.

Durante a súa intervención, a concelleira asegura que se abandonou o grupo socialista no Concello foi por «discrepancias» na maneira de concibir o servizo público, e cualificou de «informacións falsas» as que relacionan a creación da praza co seu apoio ao PP.

«Non me vou presentar»

«Esta praza foi creada hai máis dun ano e publicada nun decreto de estrutura de decembro de 2024», dixo, para explicar que se se abriu ao persoal da Administración Xeral do Estado foi porque «quedou deserta ata en tres ocasións». «Para despexar a dúbida, quero dicilo moi claro: non me vou presentar», insistiu.

Elena Candia, que tamén ocupa a vicepresidencia primeira do Parlamento de Galicia, converterase en alcaldesa no pleno do vindeiro mes de maio. Onte tamén desmentiu a relación entre a moción de censura e a praza sacada a concurso pola Consellería de Medio Ambiente. «Aquí non hai compradores nin vendidos», dixo, para xustificar a operación para desprazar a Fernández en que, ao seu xuízo, o Goberno local está «á deriva».

O aínda alcalde, arroupado polo seu equipo e por Besteiro, negou onte esas acusacións e asegurou que «o Concello funciona, os proxectos saen adiante e a cidade mellora». «Tres mortos e unha tránsfuga son os avais que presenta Candia para asaltar o Concello», concluíu Miguel Fernández.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail