Os españois disque saben quen é M. Rajoy

Os españois son xente moi petulante. De socato, en redes sociais, comparecencias políticas, televisións e baiucas de morte mala andan todos a se gabar de teren acceso ao inextricable, ao máxico e neboento, á velenosa semántica das sereas.

– A hipótese de Riemann é un dos problemas matemáticos máis difíciles que existen. Aínda non ten solución –ría a pamplonica Ione Belarra estes días, falando do xuízo da Kitchen–. E temos a magnífica noticia de que onte, por fin, a xustiza española resolveu a hipótese de Riemann: quen é Eme Punto Rajoy.

–Descubriron, por fin, quen é Eme Punto Rajoy, que é Mariano Rajoy, esa dúbida ou esa incógnita que tiñamos todos os españois –retranqueaba a portavoz executiva do PSOE, Montse Mínguez.

–¡Ou sexa que M.R. era Mariano Rajoy! ¡Cona, isto si que é un titular! Todos estes anos eu pensara que era Meg Ryan –rinchaba o cómico madrileño Gran Wyoming.

M. Rajoy é un enigma envolto nunha incógnita agochada baixo un arcano cifrado, e por iso non se lle entende cando fala esa gramática cuántica e dadaísta que o fai digno de presidir a Surreal Academia da Lingua Española: “Es el vecino el que elige al alcalde y es el alcalde el que quiere que sean los vecinos el alcalde”.

Nin os lawferidos xuíces da Kitchen, a Gürtel ou a contabilidade B do PP, nin as rulas e doctísimas portavoces do PSOE, tampouco as amazónicas lideresas de Podemos, ou os máis espelidos locutores da televisión, serán xamais quen de comprender o concepto Mariano Rajoy, que nada ten que ver coa fórmula Eme Punto Rajoy nin, por suposto, co logaritmo MR. Procurar resposta a tal misterio é coma perseguir a sombra da túa propia sombra, ou xogar ás agachadelas cun bosón de Higgs. Unha solemne e cega parvada.

Lembro, hai xa máis de dúas décadas, cando o daquela presidente José María Aznar nomeou a Rajoy coordinador político da catástrofe do Prestige. Naquelas datas, a Galiza estaba ateigada de xornalistas chegados de todo o planeta para informar do desastre ecolóxico.

Repoludamente traxeado, engaravatado, gafeado e barbado, o pontevedrés explicou en multitudinaria e políglota rolda de prensa que os fondos mariños baixo os que xacía o Prestige fluctuaban entre «menos dous graos e máis dous graos» de temperatura, e suxería que o petróleo solidificaría con tanta friaxe atlántica, ficando, conxelado en blocos negros e inofensivos, na eterna sepultura abisal.

Os novidosos achádegos científicos expostos por Mariano deixaron abraiados a aqueles xornalistas ingleses, franceses, alemáns, norteamericanos e ata chineses. Algúns deles reportaran os naufraxios do Exxon Valdez, o Sea Empress ou o Aegean Sea, e nunca coñeceran marabilla tal de petróleo conxelado. Nin sequera aquel estraño reporteiro chegado de Macondo. O meu querido (e xa retornado á natureza) compañeiro xornalista Gustavo Catalán Deus (autor de Desprestige) choraba bágoas de chapapote encol das súas notas, por non rir. O milagre Rajoy trascendera o galeguismo máxico na procura do universal.

A prensa mundial esperrechou con Mariano Melquíades e o seu frigopetróleo. Pailáns iletrados en cen mil gramáticas.

Pasados os outonos, tamén os españois se chufaron do mariano enigma: votárono en 2011 e botárono en 2018 só por facer o chiste, o xogo de palabras.

Ofende como galego que hoxe eses mesmos españois rían ao fachendear de coñeceren a Mariano Rajoy, a Eme Punto Rajoy, a MR, ao Asturiano, ao Barbas. Coñecen ren. Rajoy é tan xenuinamente galego que nin sequera sabe falar galego. Por tanto, só un galego posúe intuición, cultura e dereito para descoñecer intimamente a Mariano e á súa máis fiel compañeira: a impunidade que só gozan os druídas, os menciñeiros capaces de crioxenizar petróleo e xeroglificar sintaxes.

Mariano Rajoy non é Eme Punto Rajoy nin MR nin andrómena algunha. Nin sequera é Mariano Rajoy.

Botade á mar as chaves, carcereiros, que a apócema mariana xa ferveu na Kitchen e nos desmemoriará. De que pode ser culpable alguén que nin sequera é, foi, nin será?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail