Ata aquí cheguei. Aguantei varios anos pero a partir de setembro faise insostible: teño que facer uso do coche diariamente para dirixirme ao meu lugar de traballo. A miña pegada de carbono, ata o de agora exemplar, vai pasar a formar parte do grupo de pegadas de carbono medias dentro do total pero a todas luces excesivas se temos en conta canto maltrato pode aguantar o planeta. Vou comezar a ter unha pegada de carbono acorde á clase media da que formo parte, propia tamén de alguén que reside e/ou traballa na Galiza maioritaria que vive de costas a un transporte público cunhas frecuencia e alcance útiles.
Paralelamente a eu recibir esta nova sobre o cambio que vai sofrer a miña pegada de carbono, tiveron lugar tanto a campaña eleitoral francesa como a primeira rolda das eleccións, nas que a f*sc*st* Marine Le Pen conseguiu ser a segunda candidata máis votada e, en consecuencia, pasar á segunda rolda. Ben, paralelamente a eu recibir a nova pasaron moitas máis cousas, pero escollo mencionar esta en concreto, claro. Por que? Logo dela, como é normal e habitual logo de calquera elección nun país Occidental, sucedéronse as análises, as predicións, as revisións e os comentarios sobre as causas, as consecuencias, os efectos, os condicionantes, os factores relevantes e os revulsivos. E para os politólogos explicar todos eles, botaron man de mil e un apoios visuais e representacións que puideran facilitar as súas explicacións, o cal é de agradecer por parte dos que somos un pouco negados para entender cara onde se dirixe a sociedade e por que decide tomar un rumbo e non outro.
De todos os gráficos aos que me enfrontei (que non foron demasiados, teño que ser sincera, porque estou algo saturada dun tempo a esta parte dos bambeos sociais) chamoume a atención un que mostraba como se incrementou o voto ao fascismo no sector da sociedade que se despraza en vehículo particular a traballar. Nel non se explica por que está a darse esta situación, non se debaga quen conforma este colectivo nin se matiza nada máis (mesmo se no fío de Twitter no que se inclué a gráfica si se proporciona unha análise), simplemente se mostra a tendencia. E claro, sen ir máis aló da propia imaxe unha pensa: Ai, mimá! Voume volver tardofranquista a partir de setembro? Estou disposta a ir en burra traballar con tal de que a deriva turbofascista non me atrape! O coche vaime sintonizar a Cope sen eu poder protestar! En ano e medio non vai haber diferenza entre un taxista (perdón pola xeralización) e eu. E, aínda por riba, contaminando por contaminar. Este sistema lévame inevitablemente a ser unha carga para o planeta sen eu querelo. Obrígame a vestir uns hábitos que me van converter inequivocamente en monxe. En monxe facha. Estou horrorizada.
Lembro, no medio do desacougo, á escritora Meryem El- Mehdati (Rabat, 1991), que vén de publicar a súa primeira novela Supersaurio (Blackie Books, 2022), máis un libro mercado e aínda non lido porque ser asalariada is literally a 24/7 job. Porén, si tiven tempo tanto de vela entrevistada en relación ao libro. Nesta entrevista á RTVC (Radio Televisión Canaria) fai certas reflexións que alivian ata certo punto a culpabilidade que o sistema descarga con saña sobre nós e que, por afinidade coas propias, nos fan sentir acompañadas. A certa altura da conversa a autora responde á entrevistadora, que fala de «resignación», defendendo que, chegado un momento, non se pode culpabilizar a quen elixe amoldarse ao sistema cando a alternativa implica soidade e sufrimento. Esta elección, explica, non vén dada por unha falta de conciencia ou un espírito acrítico: é simplemente froito do instinto de supervivencia. Esta resposta dada á súa interlocutora chegou a min para absolverme pola miña inminente falta de respecto ao medio ambiente. Non son peor persoa por non ter alternativas para desprazarme. Grazas pola comprensión, Meryem. Agora que me sacudín un pouco a culpa, podo pensar con máis claridade. Con quen hai que falar para mellorar isto?