Os erros equivocados

Na Costa da Morte dise dunha tarefa ardua, que esixe moito esforzo e habilidade: «A cousa, ademais de difícil, é complicada». Hai tamén unha variante, cando o asunto se revira por un desacerto no xeito de afrontalo: «Ademais dun erro, foi unha equivocación». E logo temos ao marabilloso Erik Satie: «Cando me equivoco, fágoo sen dubidar, aínda que me equivoque por un erro». Iso na música pode ter un efecto maxistral, abrir un camiño inexplorado.

Mais na política un erro, cando se fai sen dubidar, é unha equivocación. Pode haber desacertos tácticos na campaña, mais o que resulta incomprensíbel é ter por estratexia a Estratexia da Equivocación. Agás que o partido fose formado por cómicos (quen o pillara!) a ilustrarnos na arte de caer e erguerse, co lema tamén mariñeiro de «Deus dea ghanas de rir!».

O sorprendente nesta campaña non a contraposición notoria entre acertos e desacertos. A competencia é entre o tamaño e o efecto dos erros equivocados. Os erros equivocados, feitos sen dubidar, iso é o denominador común.

Un erro que ademais é unha equivocación, é a estratexia de Cidadáns. Con moitos medios informativos e económicos a favor, a súa deriva, dende o comezo, é un modelo de Estratexia do Erro. Unha especie de autodestrución de marca

Do erro equivocado non sempre é responsábel quen candidata. O primeiro gran erro equivocado desta campaña é que os políticos cataláns presos, de xeito provisorio, sen estar condenados nin inhabilitados, son candidatos pero non poden facer campaña fóra da prisión. Ademais dun erro xudicial, é unha equivocación xurídica. Quen pode explicar mundo adiante que os políticos son candidatos políticos presos mais non son presos políticos e poden participar na política de campaña sen poder facer campaña política?

Un paradigma de erro que ademais é unha equivocación, é a estratexia de Cidadáns, co candidato a presidente Albert Rivera. Partindo dunha boa posición de arrinque, con moitos medios informativos e económicos a favor, a súa deriva, dende o comezo, é un modelo de Estratexia do Erro. Unha especie de autodestrución de marca. Ao integrarse no mesmo carro que a extrema dereita, cunha entrega incondicional, ficou como un tresillo de Ikea no salón de antigallas e trofeos do Pazo de Meirás. Por que Rivera decidiu amputar a súa banda central? Está a haber unha clara sobrevaloración do espazo ultra. Cómpre saber se ese erro é unha equivocación desexada ou consecuencia dunha grande ignorancia. Quizais as dúas cousas. Tan españolistas, e descoñecen España e mesmo Hespaña.

Seguiremos con outros erros equivocados da campaña. Até breve.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail