Como kamikazes enamorados
Como pistoleros de sangre caliente,
juégatela un poco, valiente…
Quique González. «Kamikazes».
Cando era novo e abstencionista convencido, a miña vida era moito máis doada. Como os partidos políticos non eran máis que unha extensión dun sistema malvado por si mesmo e co que había que acabar, elixir entre eles resultábame tan absurdo como elixir entre tiradores de caixón: cousas totalmente alleas á miña vida.
Co tempo, un descobre que o sistema segue sendo intrinsecamente perverso, pero que existen males menores. Que semella moi complicado recuperar o rescate bancario, librarnos da Monarquía, das cloacas do Estado, deixar de ter presos políticos na cadea ou de confundir liortas de bar con terrorismo. Pero sabemos que non é o mesmo padecer unha reforma laboral que non tela; que non é o mesmo sufrir unha lei mordaza que estar sen ela ou que non é o mesmo contar cunha Lei de Violencia de Xénero que co manual da sección feminina da Falanxe. Ou, varrendo para casa, non é o mesmo poder estudar ciencias en galego no colexio que ter que conformarnos cun Goberno que anuncia como un fito histórico a publicación dunha tradución da táboa periódica dos elementos que el mesmo prohibe empregar nas aulas. O ridículo dos gardiáns da nosa cultura –a RAG, o CCG, a USC…– sumándose á celebración deste simulacro, só acadou o seu cénit cando se descubriu que xa había dúas décadas que andaba entre nós unha táboa en galego. Se alguén quere entender que lle pasa a este país, á súa cultura e ao seu idioma, poucos exemplos son máis claros ca este.
Non é o mesmo poder estudar ciencias en galego no colexio que ter que conformarnos cun Goberno que anuncia como un fito histórico a publicación dunha tradución da táboa periódica dos elementos que el mesmo prohibe empregar nas aulas
Chegados a este punto, un atópase por primeira vez na vida do lado da maioría, integrado na «maior forza política galega», como (nos) definía en La Voz Domingos Sampedro os indecisos, o 37,4% do censo. «Non son ácratas nin abúlicos da política. Tampouco abstencionistas». No meu caso, habería que dicir «xa non o son».
Imos coas causas da indecisión. Desbotadas as forzas da dereita –a quen queremos enganar a estas alturas?– un atópase por primeira vez a si mesmo escoitando os cantos de serea do PSOE. «Luisiño, non te recoñezo!», dicíame a min mesmo, incrédulo. Pensando que me botaran algo na comida ou que o sex appeal de Pedro Sánchez tivera en min o mesmo efecto que o de Felipe González nas nosas nais, empecei a preocuparme de verdade cando amigos e coñecidos antisistema –cando non abertamente filoetarras– anunciaban a súa disposición de votar por Sánchez. Nós, que medramos cos GAL, con Filesa e cos insubmisos nos cárceres socialistas! O único que podía explicalo era ver a todo aquel PSOE botando pestes contra este. Se González, Guerra, Corcuera e Paco Vázquez están dunha banda, loxicamente nos debemos estar da outra… pero é dabondo?
Entón apareceu Villarejo e o pobre Pablo Iglesias volveunos caer simpático. Un Podemos forte tiraría cara a esquerda dun PSOE que non deixa de poñerlle olliños a C’s
Non, claro que non. Entón apareceu Villarejo –ou reapareceu, que leva polo menos tanto tempo dando a matraca como Martín Villa– e o pobre Pablo Iglesias volveunos caer simpático, tan vítima desas cloacas como os independentistas («eso te lo afina la Fiscalía») aos que, grazas ás circunscricións electorais, xa non tes a opción de poñer na balanza, o cal case é de agradecer, vista a lea. Ademais, un Podemos forte (perdón, un En Común Unidas Podemos Madrid Barajas Adolfo Suárez Lagarto Spock de Todos los Santos) tiraría cara a esquerda dun PSOE que non deixa de poñerlle olliños a C´s, un socio de goberno co que se sente máis cómodo, como demostrou nas negociacións frustradas que supuxeron a repetición de eleccións no 2016…
Aqueles cinco deputados galegos que non puideron formar grupo parlamentario propio fixéronnos sentir durante unhas horas coma se fósemos o PNV, pero a ilusión durou o mesmo que a Independencia de Catalunya entre esas dúas fotos que xa se converteron nun meme. Desposuídos da pata nacionalista que supoñía Anova, a responsable de que ese espazo «rupturista» fose tamén «mestizo», agora sementan moitas dúbidas nun elector que quixer dar presenza clara a Galicia na carreira de San Jerónimo. Con esa bandeira quedou En Marea, convertida nese señor de barba sentado só na bancada do circo ao que a Fronte Popular de Xudea lle berra: «Disidente!». Unha bandeira que, por antigüidade, pertence ao BNG, forza que volve atoparse nunha situación que coñece ben: a dunha polarización do voto que volve poñer a utilidade por riba da ideoloxía.
Semella que sempre pasa algo no Estado que fai que o votante de esquerdas opte polas forzas estatais antes que polo nacionalismo. Esta vez está claro: a ameaza, nada pantasma, do trifachito, e a súa concepción de Galicia.
Dende C´s, Marta Rivera de la Cruz –a que quixo traer Game of Thrones á garita de Herbeira– di agora que non fai falla programa específico para a comunidade; que Galicia é parte de España e o que sexa bo para España tamén o será para a súa esquina noroeste.
Dende Vox, a tía de Santi Abascal, preséntase por Ourense, o sitio polo que «siempre paso cuando vamos a La Coruña y a Vigo». Ourense é para ela como Ordes para os que imos de Compos a LaCoru pola vella para non pagar tributo a Audasa. Por certo, miña nai pasou anos crendo que as vellas matrículas OR se referían a esa vila á que ela segue a chamar Órdenes. Só a súa transformación en OU rematou de convencela. Que candidata se perdeu con ela…
Miña nai pasou anos crendo que as vellas matrículas OR se referían a esa vila á que ela segue a chamar Órdenes. Só a súa transformación en OU rematou de convencela. Que candidata se perdeu con ela…
E dende o PP… ben, quen teña dúbidas que volva ler a parte dedicada á táboa periódica.
Así que o Bloque volve atoparse na encrucillada da que non parece saír dende o frontón de Riazor. O Bloque, «ese partido del que usted me habla», que semella dicir un CIS que non pregunta especificamente por el.
E mentres o votante pon todas esas cousas na balanza, ve cunha mestura de envexa e admiración como Aitor Esteban gaña cun simple alzamento de cellas eses debates aos que vai coa mesma resignación coa que eu tiven que papar (pagando!) un concerto enteiro de Quique González. Eu perdera unha aposta, pero a el vaille no cargo…
Definitivamente, vivía moito mellor cando era abstencionista. E, en especial, cando non tiña que tomar decisións sobre os tiradores das caixoneiras. Quen o diría, pero hai todo un mundo por descubrir aí…
Un día de reflexión, e outro de votación
E entre eles disputan catro anos de sillón
E alí vote vote vote que o meu voto non rebote.
Os Resentidos. «Manda carallo».