A Deputación de Ourense manipulou documentos do proxecto de ampliación da estrada que derrubará parte do entorno de San Pedro de Rocas, en Esgos, para sortear a prohibición legal para facelo
A Coruña.- A Fundación Moreiras San Pedro de Rocas, unha entidade sen ánimo de lucro para a investigación e a difusión do patrimonio histórico, denunciou ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a varios altos cargos da Administración galega, por falsear documentos do proxecto de ampliación dunha estrada que pon en perigo o mosteiro rupestre máis antigo de Galicia.
O proxecto, que planea derrubar muros e arquetas do camiño medieval de acceso a cenobio de San Pedro de Rocas, desmontar un cruceiro declarado ben de interese cultural (BIC) e tallar máis de medio cento de árbores, algúns centenarios, puxo en pé de loita a veciños, asociacións ambientalistas e organizacións de defensa do patrimonio histórico, que levan semanas denunciando un procedemento infestado de irregularidades e incumprimentos da legalidade.
As orixes de San Pedro de Rocas, no municipio ourensán de Esgos, remóntanse ao ano 573. A súa igrexa, escavada na roca, data do século VI e segundo a Xunta é un dos templos cristiáns máis antigos que se coñecen. O conxunto foi declarado monumento histórico-artístico nacional en 1923 e ben de interese cultural -ademais do cruceiro- en 1999, e no 2018, ben de interese cultural-paisaxe cultural xunto ás cen hectáreas de bosques autóctonos que o rodean. Trátase, segundo os expertos, dun dos complexos rupestres máis importantes do Estado e unha das xoias arqueolóxicas da comarca da Ribeira Sacra.
San Pedro de Rocas adoita ser o lugar onde Baltar leva aos visitantes ilustres da Deputación. Por alí pasaron desde Alberto Núñez Feijóo ata Esteban González Pons. E desde hai anos Baltar está empeñado en ampliar a estrada de acceso que conduce ao templo, a OU-0509, construída sobre o camiño medieval que unía o mosteiro co do San Estevo de Ribas de Sil e rodeada en moitos tramos por muros e peches da época pertencentes ao cenobio e o seu coto.
A Deputación pretende desdobrar a estrada coa escusa de mellorar a seguridade viaria e facilitar o acceso de turistas. Pero o certo é que na vía non se produciu nin un só accidente en lustros e os autobuses e vehículos xa circulan por ela con normalidade. Aínda así, Baltar fixo tres intentos para ampliala e dotala de máis carrís, modificando o seu trazado.
O primeiro, no 2011, foi denegado polo entón delegado provincial da Consellería de Cultura, Gerardo Pumar, quen só autorizou «obras de mellora do firme que non afecten a peches e muros». A segunda ocasión foi no 2018, pero a delegada de Cultura, Laura López del Castillo, limitou calquera obra a «ampliacións mínimas do ancho de vía, mantendo rasantes e perfís». Foi cesada pouco despois e nomeada xefa territorial da Consellería de Sanidade.
O terceiro intento foi no 2019, xusto despois da destitución de Laura López e do nomeamento como xefa territorial de Cultura de Sandra Quintas Vázquez, alcaldesa de Bande -a cincuenta quilómetros de Esgos- e persoa de confianza de Baltar. Entón si, a nova xefa territorial autorizou as obras, dunha forma que os denunciantes consideran ilegal e que documentan con probas fidedignas, tal e como explica Juan Carlos Moreiras, presidente da fundación e membro da familia propietaria dos terreos declarados de interese cultural e paisaxístico sobre os que se executarían as obras.
«Ademais de que non se fai mención algunha a que as obras afectan directamente a tres BIC e a que non están permitidas polo plan de ordenación urbana de Esgos, a autorización susténtase nun informe de impacto sobre o patrimonio da empresa Tragsatec, á que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de invalidar a concesión que tiña». Moreiras está no certo, pois o pasado 22 de xaneiro o TSXG declarou ilegais as declaracións de impacto sobre o patrimonio que a Xunta contratara con esa firma, alegando que só teñen validez as realizadas polos funcionarios autonómicos competentes para iso.
En segundo lugar, Moreiras expón que a Deputación falseou no expediente das obras os tramos nos que prevía ampliar a estrada, para simular que o proxecto se ía a desenvolver nun zona con menor protección. Así, e tal e como se pode comprobar na documentación que acompaña este artigo, no plan viario da Deputación e na notificación da adxudicación, asinada por Baltar e levada a pleno, fíxanse as obras no tramo entre os puntos quilométricos 11,600 a 12,500 da OU-0509, cando o proxecto final se redacta para o tramo entre os puntos 9,940 e 10,600, que é o que goza de maior protección. «Non hai escusa a un erro tipográfico pois ambos os dous tramos existen. É dicir, iníciase o expediente dunha estrada e proxéctase outra diferente», engade Moreiras.
A terceira irregularidade consiste na manipulación do documento de autorización das obras, ao que tamén tivo acceso Luzes-Público e que acompaña a esta información. Consta de membretes duplicados e superpostos: o da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que estivo vixente entre o 2015 e o 2018, e o da Consellería de Cultura e Turismo, entre o 2018 e o 2020. Ademais, o documento, aparece asinado dixitalmente por dúas persoas distintas: en horizontal, por Laura López del Castillo, a anterior xefa territorial, que denegara as obras no 2018 e que foi cesada, e en vertical e á marxe, por Sandra Quintas, a súa sucesora.
Aínda por riba, os denunciantes advirten de que a Deputación xa iniciara o procedemento de venda da madeira das árbores que prevía tallar antes de obter a autorización para facelo da Consellería do Medio Rural. O informe deste departamento empezou a realizarse, o 26 de febreiro pasado, pero Baltar asinou a licitación da venda o 28 de xaneiro e adxudicouna o 8 de febreiro.
Ademais das denuncias da Fundación contra Baltar e outros altos cargos, Moreiras iniciou a título individual un procedemento contencioso-administrativo cuxa vista estaba prevista para o pasado 10 de marzo. O xuízo foi aprazado pola xuíza do Contencioso número 2 de Ourense, pero só cinco minutos antes de que comezase, segundo os veciños, empezou a talla de árbores en Rocas, un dos cales, segundo a plataforma Salvemos Rocas, creada ao redor da defensa do mosteiro e a súa contorna, destruíu parte dun dos muros do camiño medieval.
O conselleiro de Cultura de Feijóo, Román Rodríguez, chegou a asegurar no Parlamento de Galicia que a obra prevista pola Deputación «non se fará dentro do BIC», o que non se axusta á verdade en absoluto. Non hai máis que ver os mapas da Xunta para darse conta de que o tramo para obrar cae no centro mesmo da zona declarada de interese cultural polo propio Goberno autonómico.
Pola súa banda, a Deputación de Ourense defendeu o proxecto de ampliación da estrada por medio do deputado provincial Pablo Pérez, do PP, quen asegura que a actuación «responde a unha reivindicación veciñal» e que quen se opoñen a ela «están instrumenalizados por intereses privados e espurios».
«Incluso os grupos da oposición déronlle o visto e prace», dixo Pérez, obviando que a reforma que SE levou ao pleno da Deputación contemplaba a ampliación dun tramo quilométrico da estrada que non se corresponde co que se quere executar en realidade.
Para o historiador Jorge López Quiroga, profesor de Arqueoloxía no Departamento de Prehistoria e Arqueoloxía da Universidade Autónoma de Madrid e membro do comité científico da Fundación Moreiras, as palabras do deputado do PP «son preocupantes porque parece claro que queren seguir adiante», pero mostrou a súa confianza en que o proceso se poida parar «en vía xudicial» e asegurou que xa enviaron a Patrimonio un informe cos elementos xa danados pola talla de árbores, do que non obtiveron resposta ata o de agora.
Tampouco obtivo contestación a solicitude que fixeron ao xulgado para que ordene a paralización cautelar das obras ata que se resolva se son legais ou non, dado que, en palabras de López Quiroga, se se executasen «os danos serían irreversibles».