Manifesto da des-extinción

Estamos nun tempo de emerxencia no mundo.  A poesía sempre foi voz de emerxencia.

Estamos nun tempo de alarma, de máxima alerta, de Mayday. A poesía sempre responde a un Mayday.

Estamos nun tempo de incerteza, nun rumbo de horizontes enfermos. A poesía é o primeiro e último faro.

Estamos nun tempo de extincións. A poesía, cada poema, é un acto de des-extinción.

Estamos nun tempo de bioperversidade. A poesía é biodiversidade. A palabra poética é sempre colaborativa, dunha soidade compañeira, mesmo no desacougo máis radical hai un dicir último: Non aos tempos mortos! Con ironía, a poesía di con retranca: «Un bo día teno calquera!».

Estamos nun tempo de servidumes. A poesía é resistencia.

Estamos nun tempo en que a produción de mentira bota fume e cotiza á alza co código de barras envolvente da «realidade alternativa». A poesía é o activismo da verdade, o hip hop da vida, o rap da rúa, o sal da terra, a palabra que bate onde doe o dente.

Foto de Trust “Tru” Katsande en Unsplash. Harare, Zimbabue.

A poesía trousa, vomita, rebélase, interpela aos señores e deuses, do poder real ou da mitoloxía, mais nunca fai estragos. Todo é de proveito, mesmo a súa rabia. É excitación creativa, xermola, lanza luces na escuridade. O que a poesía ten de rabia, de noxo, de vergoña, vai atemperada, pola súa natureza poética, pola ironía, a burla ou a compaixón.

Estamos en tempos de falta de decoro, onde a honestidade ten un prezo. A poesía non o ten. Cando ten un prezo, cando a súa mensaxe está á venda deixa de selo. Hai algo na alma da poesía que mesmo pon límite á súa dependencia do artificio lingüístico. É unha constante, e reinventada procura da beleza, que non se conforma coa beleza.

Foto de Jr Korpa en Unsplash.

Toda revolta que nace da poesía é necesaria. Unha ollada que mira cara dentro e cara fóra, en dobre sentido. Información sensíbel, esencial, top secret. Permite ver o que non está «ben visto». dicir o que non que se pode dicir. Escoitar as voces incómodas, disidentes, marxinadas. É unha óptica da profundidade, para o individuo e para a sociedade. Non admite a corrupción da ollada, agás para rirse dela. Por iso é dunha indocilidade cósmica.

Estamos en tempos en que a natureza está sometida a esquilme, maltrato, tortura, e mesmo á definitiva desaparición de espazos libres, é dicir, salvaxes. Tamén as palabras sofren a contaminación, intoxicación e corrosión que atormenta o mundo que nomean. A poesía detéctase porque é a natureza non dominada. É cántico, brinde, lamento, ouveo, manifesto onde as palabras fanadas, tatexas, secuestradas, constrúen un quilombo ceibe.

Foto de Jeremy Ricketts en Unsplash.

Estamos nun tempo en que dedicar un día á poesía semella un detalle de calendario de cortesía. En realidade, a poesía non debería estar en ningún calendario. A poesía non pode nin quere estar no centro. Móvese polas beiras, polo cantil, pola cañada, polo maleza, polo lateral, polos envés dos pergameos da historia, os poemas son insectos molestos, escaravellos, cabaliños do demo, lesmas, caracois, ourizos que as veces se esconden en baixo terra como as raíces do teixo que van dar á boca dos cadáveres para que falen os mortos. Os misterios que contan misterios.

Estamos en tempos en que o poder mercantil declara innecesaria a poesía. Dálle, «concede», unha condición decorativa, ornamento festivo. É un xeito de tentar anestesiar o misterio, o enigma, o pensamento excéntrico, lateral, máxico e cómico. O honorábel e sublime esterco onde leveda a linguaxe.

Pois ben. Quen pretenda protexer a poesía  ignora que a poesía é a que nos protexe. Quen a considere innecesaria, ignora que é imprescindíbel, pois é a semente das palabras, o sal da terra, que termarán do mundo.

A poesía, si, é un activismo da des-extinción. Berra na indómita primavera: «Non hai tempos mortos!».

Hip hop lely lely hip hop Hasél Hasél lely lely hip hop Leliadoura !

(21, marzo, 2021).

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail